domingo, xaneiro 23, 2011

Strange Suspense. Os arquivos de Steve Ditko. Vol. 1



Agradécese a edición en castelán deste Strange Suspense (Diábolo, 2010), recopilación dalgunhas das historias producidas por Steve Ditko nos seus primeiros pasos como profesional, traballando para distintas cabeceiras da extinta compañía Charlton. En primeiro lugar, porque nel atopamos un artista notablemente alonxado do estilo gráfico co que se daría a coñecer anos máis tarde, cando acadou sona como co-creador de Spiderman ou o Doutor Estraño. Aínda que a maioría dos relatos recopilados pertencen a cabeceiras de suspense e terror, atopamos tamén historias románticas, de vaqueiros ou de ciencia ficción, o que nos permite comprobar como Ditko vai modificando o seu rexistro artístico, axeitándose aos parámetros estilísticos de cada xénero. A ascendente sobre o seu debuxo dos grandes referentes do seu tempo neste tipo de publicacións (Wally Wood, Joe Orlando ou Harvey Kurtzman, entre outros) resulta evidente e comprensible, non só por tratarse dos seus primeiros traballos como profesional, mais tamén porque as distintas editoriais do momento buscaban mimetizar ao máximo os produtos que situaba no mercado a exitosa e pioneira EC Comics. Ese é un segundo motivo polo que a lectura deste volume resulta agradecida. A produción máis significativa da compañía EC xa foi editada no noso país, o que nos permite comprobar agora como se deixaba sentir o seu liderado nas publicacións daquelas editoriais que, coma Charlton, se dirixían ao mesmo público con produtos semellantes.

Cómpre salientar que Ditko exerce como autor completo, escribindo argumentos perfectamente esquecibles dende unha perspectiva contemporánea, pero cuxo valor se atopa precisamente na súa capacidade para mimetizar os referentes que toma. Estamos nun tempo no que o tebeo é, máis que nunca, un produto de consumo que se dirixe a un mercado amplísimo. O sistema produtivo das editoriais obriga aos autores a producir masivamente, case de xeito irreflexivo, ventando os cambios no mercado e ofrecendo ao lector o que quere case de xeito inmediato. Nese contexto, Ditko revélase coma un supervivente, capaz de presentarlle aos editores historias perfectamente homologables ás ofrecidas por outras compañías e, ademais, cun acento autorial no debuxo que comezaba a resultar perceptible.

É ben sabido cal foi o destino destas publicacións. Dende unha perspectiva actual, atopamos nelas moita previsibilidade e, aínda que poda resultar paradóxico, unha vocación moralizante bastante inxenua. Tamén hai achados formais notables e unha evidente traslación á BD de formas e contidos propios da literatura e o cinema. En canto a Ditko, as páxinas deste tomo deixan constancia do seu instinto creador e dunha personalidade artística que o convertiría en figura esencial do cómic ianqui dos anos 60. Motivos máis que suficientes para devecer pola publicación do seguinte volume.

Ningún comentario: