Adolf (Planeta, 1999-2003) é unha das obras máis recoñecidas do mestre do manga Osamu Tezuka, probablemente o traballo máis relevante do tramo final da súa produción. Ambientada nos anos de ascenso do nazismo en Europa e na posterior Guerra Mundial, a obra narra as intensas vivencias de tres personaxes chamados Adolf, o fillo dun alemán e unha xaponesa (Adolf Kauffmann), un xudeu que vive en Xapón (Adolf Kamil) e o propio Hitler. Afeito á unánime exaltación desta obra, achegueime a ela coas más altas expectativas, e malia os seus evidentes valores, a sensación que me queda tras a lectura é de decepción. Decepción relacionada con preferencias estrictamente persoais, é certo, mais tamén con motivos dos que ata o de agora non atopei mención en ningures.
Atopo en Adolf un problema que deriva directamente da súa premisa. A obra constrúese arredor do enfrontamento entre partidarios e opositores ao réxime nazi por facerse co control duns documentos que probarían a ascendencia xudía de Hitler. A idea subxacente, abundantemente repetida no texto, é que a divulgación desa información conduciría ao III Reich ao seu final. Sería absurdo negar a centralidade da figura de Hitler na conformación e ascenso do nazismo, pero tamén o é reducir a complexidade dun fenómeno colectivo deste calibre a unha ecuación puramente persoal. Non deben esquecerse as notables aportacións ideolóxicas doutros persoeiros do réxime (Eckart, Hess ou Himmler, por citar a algúns dos máis coñecidos); pero sobretodo, non podemos ignorar que o ideario nazi foi asumido, con distintos graos de adhesión, polo conxunto dunha sociedade. Por todo isto, coido que suxerir que o III Reich non podería sobrevivir ao que o historiador Florentino Rodao cualifica no prólogo do cuarto tomo (Planeta, 2000) como unha simple "ironía do destino" é pouco menos que unha inxenuidade.
Orabén, que a elección desa premisa conduza a un resultado simplificador non impide que resulte narrativamente interesante. Pola contra, estamos ante un perfecto macguffin que, en combinación con sucesivas eleccións argumentais, permítennle a Tezuka construir unha intriga política repleta de acción e dramatismo. De ser éste o seu propósito atopariamos un explicación para aspectos tan obxectables como o facer da casualidade un motor esencial do relato ou a súa teimosía por presentar os conflitos derivados do belicismo, a xenofobia e o racismo nazis coma unha cuestión privada. Fronte ao carácter impersoal de toda confrontación bélica, nas que os soldados matan e morren por un designio político alleo e superior a eles, os actores de Adolf gardan entre si vínculos persoais, de xeito que a súa confrontación se traslada dende público ata o privado. Así, por exemplo, cando o nazi en formación Adolf Kauffmann debe asasinar a un fato de xudíos para demostrar o seu compromiso co führer, a súa primeira vítima non é un xudeu calquera, o cal xa sería sobradamente atroz, senón o pai do seu amigo Adolf Kamil que, para máis señas, acaba de chegar a Alemania dende Xapón. Como se explica? Casualidade casualidosa. Outro exemplo, Kauffmann é enviado de Alemania a Xapón na procura de Sohei Toge, o home que supostamente posúe os documentos que proban a orixe xudía de Hitler; ao chegar á súa casa, Kauffmann descobre que o tal Toge... acaba de casar coa súa nai! Casualidade casualidosa outra volta. Facendo de cada confrontación unha cuestión persoal, Tezuka constrúe un texto no que o folletinesco prevalece sobre o histórico e no que a Guerra Mundial deixa de ser a cuestión esencial a desentrañar para converterse nunha mera paisaxe.
Dito iso, non teño problema en recoñecer que Adolf reúne outros moitos valores que teñen sido acertadamente salientados pola crítica. Non pode obviarse a intelixencia con que o autor artella un argumento extenso, que se prolonga no tempo e no que o protagonismo se divide a partes case iguais entre un elenco de personaxes considerablemente amplo; tampouco a paciencia e o sentido do ritmo dun Tezuka que desenvolve simultaneamente varias liñas narrativas a partires dun inicio en contrapunto e cara unha resolución coherente e sen cabos soltos.
Mención aparte merece o aspecto gráfico, no que o mestre xaponés se reafirma no seu peculiar estilo aínda cando a súa idoneidade para este relato podería resultar discutible, dada a tendencia á deformación expresionista, a caricatura e a un acabado de apariencia infantil do Tezuka ilustrador, en contraste coa solemnidade do argumento e os momentos de alta intensidade dramática do mesmo. Porén, o que o grafismo de Adolf demostra é precisamente que esa suposta disonancia carece de importancia cando o debuxante conta coa habelencia narrativa necesaria para soster o relato. A riqueza de recursos, a perfecta posta en páxina e a consistencia dun acabado que é resultado de décadas de experiencia no medio abondan para dotar o narrado da necesaria dose de credibilidade por riba de calquera outra consideración formal.
Mención aparte merece o aspecto gráfico, no que o mestre xaponés se reafirma no seu peculiar estilo aínda cando a súa idoneidade para este relato podería resultar discutible, dada a tendencia á deformación expresionista, a caricatura e a un acabado de apariencia infantil do Tezuka ilustrador, en contraste coa solemnidade do argumento e os momentos de alta intensidade dramática do mesmo. Porén, o que o grafismo de Adolf demostra é precisamente que esa suposta disonancia carece de importancia cando o debuxante conta coa habelencia narrativa necesaria para soster o relato. A riqueza de recursos, a perfecta posta en páxina e a consistencia dun acabado que é resultado de décadas de experiencia no medio abondan para dotar o narrado da necesaria dose de credibilidade por riba de calquera outra consideración formal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario