
Conforta comprobar que un proxecto tan peculiar, novidoso e ben definido coma o de
Rinoceronte Editora segue a manter a súa presencia no noso mercado, sumando títulos ao seu catálogo e mesmo arriscando con novas propostas para a edición en galego. Tal é o caso da
colección adicada á banda deseñada internacional que a editora que dirixe
Moisés Barcia vén de inaugurar con dous títulos,
Entender o cómic de
Scott McCloud, ensaio en e sobre a BD do que xa falamos
aquí, e o que agora nos ocupa,
Persépole (2011) de
Marjane Satrapi.
Chama a atención que unha obra publicada orixinalmente por
L'Association e que, polo tanto, participaba do espíritu independente e da intención transformadora do devandito grupo, demostrase cos anos unha sorprendente capacidade para traspasar as estreitas marxes do mundo da BD e acadar un espazo de seu nos medios xeralistas. Referirse a
Persépole como produto para as masas pode ser unha esaxeración, pero non é menos certo que a autora recibiu nestes anos numerosos premios, acadou unha notable atención dos medios e as vendas deste traballo só en España están ao alcance de moi poucos cómics (vai pola 5ª edición en castelán e pola terceira en catalán,
segundo Norma). No plano cualitativo, ademais de influir noutros autores é moi probable que o seu éxito facilitara a publicación doutras obras semellantes.
Hai determinados elementos en
Persépole, tanto externos á obra (autoría feminina, carácter autobiográfico, obra
baseada en feitos reais) coma referentes ao seu contido (condena do fanatismo relixioso, loita das mulleres polos seus dereitos nos Estados islamistas) que facilitarían un etiquetado simplificador, mesmo políticamente correcto, que explicaría a súa proxección fóra do endogámico mundo da BD. Estaríamos perante unha interpretación reducionista, incapaz de explicar a obra no seu conxunto e recoller todo o seu valor. Contemplada dende a actualidade, dez anos despois de que comezara a publicarse orixinalmente,
Persépole segue a mostrarse coma un texto de singular autenticidade, cuxa forza reside nunha materia argumental de atractivo incuestionable (o choque cultural, o testemuño persoal contra o totalitarismo), mais tamén na habelencia narrativa da autora. Lonxe de limitarse a unha previsible condena do fundamentalismo relixioso,
Satrapi constrúe arredor das súas propias vivencias un relato complexo no que teñen cabida aspectos ben diversos, dende as relacións sentimentais e familiares ata as súas dificultades para participar do modo de vida occidental.
Xa que logo, cómpre felicitar a
Rinoceronte por poñer a disposición do lector galego unha obra coma esta, nunha impecable tradución a cargo de
Eva Carrión del Pozo e cunhas loables condicións de edición (formato, prezo). Ao mencionado
Entender o cómic habería que añadir, como próximos títulos desta nova colección, obras tan imprescindibles como
Palestina e
Gorazde de
Joe Sacco,
Contrato con Deus de
Will Eisner e, atención,
Na procura de Ed o Riseiro, traballo inédito en castelán de
Kim Deitch autor do sensacional
O bulevar dos soños rotos. Agardamos con impaciencia.