luns, setembro 10, 2007

O bulevar dos soños rotos



Curiosísima e altamente recomendable esta obra de Kim Deitch que ven de publicar La Cúpula. O bulevar dos soños rotos achégase ó mundo da animación infantil, tan inocente e políticamente correcto a día de hoxe, cunha óptica distorsionante e vitriólica que pode entenderse como crítica pero que despide igualmente unha indiscutible tenrura. A presenza fantasmal dun gato falcatruán, unha caste de reverso maligno do Gato Félix e demáis felinos animados da época, constitúe o fío conductor dunha trama na que se analiza a evolución dos estudios de animación de Norteamérica dende as orixes da animación infantil ata os anos 90.

Un primeiro argumento a prol desta obra é o seu espléndido debuxo. Deitch parte da síntese propria da animación da época, aqueles debuxos en branco e negro nos que Mickey se chamaba ainda Mortimer, e engádelle un acabado próximo ó underground americano de Crumb ou Clowes. O resultado consegue ser duro e tenro a un tempo, un escenario repleto de achádegos visuais sutilmente desacougantes, no que as figuras fantasmagóricas exceden os límites das viñetas e invaden a realidade dos personaxes mentres éstes semellan facer o propio respecto do lector.

Así funciona esta obra, coma metáfora da súa propria tese e demostración de que, como plantexa a trama, a animación hoxe hexemónica é continxente, resultado dun proceso histórico no que se desbotaron outras opcións. Deitch personifica no gato Waldo a súa alternativa, alternativa que resulta ser suicida, ó conducir ó fracaso e mesmo á neurose a aqueles nos que se deixa sentir a súa influenza.

Acerto indiscutible de La Cúpula coa publicación desta obra, máxime se consideramos a correcta calidade da edición. Agardemos que non sexa a derradeiro traballo deste autor que vexamos publicado.

Ningún comentario: