luns, setembro 17, 2012

A imposible Patrulla X 2


Sabemos que Uncanny X-Men foi un dos títulos clave do tebeo superheroico na década dos 80. Chris Claremont, guionista da cabeceira practicamente dende o inicio da súa segunda andaina, non só redefiniu o universo mutante e deu lugar a unha das franquicias máis rendibles do cómic norteamericano, senón que desenvolveu un persoal estilo narrativo, baseado na caracterización dos personaxes, as relacións interpersoais e un intelixente encadeado de argumentos, que marcaría a tendencia a seguir para outros autores do seu tempo. Malia que os primeiros números brillaron pola súa frescura e axilidade sería a chegada de John Byrne ao apartado gráfico o que daría lugar a un indiscutible salto de calidade. Perfectamente complementado polas tintas de Terry Austin, o debuxo de Byrne representaba a modernidade, con deseños novidosos e unha narrativa máis arriscada e espectacular, en contraste co clasicismo do seu predecesor, Dave Cockrum. Pero, como se ten salientado recorrentemente, a súa aportación non se restrinxiu ao debuxo sendo igualmente importante a súa contribución aos argumentos da serie. Xa que logo, a estadía de Byrne no título introduciu un cambio de rumbo que tería importantes consecuencias na caracterización dos personaxes e no establecemento dos sinais de identidade da serie.

O segundo tomo de Marvel Gold: A imposible Patrulla X (Panini, 2012) recolle a maior parte da etapa Claremont-Byrne (os números 122 a 143 da cabeceira) e sen dúbida as historias máis significativas, xuntamente cos Anuais 3 e 4 (debuxados por George Pérez e John Romita, respectivamente) e algúns números extra pertencentes a outros títulos. Nel atopamos aventuras xenuinamente superheroicas, como o enfrontamento con Arcade, a viaxe ao mundo de Arkón ou o descenso ao inferno de Rondador Nocturno. Sen embargo, relatos coma os que enfrontan os mutantes con Proteo ou co Club Hellfire marcan un ton diferente, máis escuro e intenso, nunha escalada de dramatismo que desembocará na coñecida Saga de Fénix Escura e máis concretamente coa morte do devandito personaxe. Sabemos que estes capítulos foron un auténtico acontecemento, con gran repercusión entre os lectores mais tamén con grande influenza creativa durante moitos anos. O material extra que recolle esta edición explica que a morte de Fénix foi decidida, como en tantas outras ocasións, pola dirección editorial e non estritamente polos autores. O que hoxe resulta máis sorprendente, case revolucionario, é que a motivación final da decisión non fose comercial senón un certo sentido da ética e da responsabilidade fronte os lectores. E malia que non se respectou a vontade inicial dos autores de indultar a Jean Grey, ninguén dubida hoxe da forza do relato nin do magnificamente que o desenvolveron Claremont e Byrne. Atopámonos, xa que logo, cuns capítulos que deberían constar en calquera canon do xénero superheroico e cuxa lectura actual ilustra perfectamente os principios sobre os que se erguía a industria, ao tempo que expón un revelador contraste coa deriva actual do mesmo.


Pero a contribución do tándem Claremont-Byrne non se esgota nesta saga xa que inmediatamente chegaría Días do futuro pasado, relato en dúas partes que resultaría esencial na construción do universo mutante. Hoxe identificamos o rexeitamento dos humanos cara o homo superior coma un dos elementos esenciais da mitoloxía mutante, pretexto para numerosos fíos argumentais e durante moito tempo sinal distintivo das cabeceiras X. Sen embargo, esa idea non sempre estivo aí; durante todo o primeiro volume da cabeceira aparece apenas suxerido e foi a chegada de Claremont ao título a que a trouxo a un primeiro plano. Mais non é ata esta historia que o lector asiste a unha representación completa da cuestión levada ao extremo, coa presentación dunha distopía futurista na que os mutantes e superhomes en xeral son cazados, recluídos en campos de concentración ou executados polos humanos. O feito de presentarse coma un futuro posible, case inexorable, marca un novo xeito de abordar a relación entre humanos e mutantes tanto polo propio Claremont como polos autores que o sucederían. Mais a influenza deste díptico non se esgota na caracterización da cabeceira mutante xa que, de feito, coa introdución da desconfianza do ser humano respecto dos seus “protectores” superpoderosos está a prefigurarse unha idea que máis adiante atoparemos en obras tan determinantes na evolución do relato superheroico como Watchmen ou Dark Knight returns e que máis recentemente pasarían das marxes á corrente principal do medio con eventos como a Guerra Civil.

Este tomo recolle, xa que logo, un feixe de relatos que son xa historia do tebeo de superheroes e que deberían interesar a calquera afeccionado ao xénero. A edición complétase con algúns capítulos soltos doutras cabeceiras (como Marvel Team-Up ou Bizarre Adventures) que, non sendo excesivamente relevantes, concordan co espírito completista desta compilación. Ademais, cubertas, textos dos autores, algún artigo de Raimon Fonseca e unhas poucas ilustracións extra. Un volume que ben merece o espazo que ocupa nos andeis, que non é pouco.

Entradas relacionadas
A imposible Patrulla X 1

Ningún comentario: