xoves, setembro 27, 2012

O código do cempés




















Unha obra das características de O código do cempés (De Ponent, 2012), de autores pouco coñecidos e sen os rasgos externos que a farían destacar de seu (zombis, vingadores...), corre o risco de pasar desapercibida dentro do catálogo de novidades que se publica cada mes. Unha mágoa, xa que Joaquín Rosado, Rocío Estepa e Víctor Araque desenvolven un traballo sólido e que ben merece máis atención da que probablemente recibirá. Coma en gran parte das súas publicacións, De Ponent opta neste caso por un formato grande, próximo á tradicional feitura dos álbums europeos, algo que favorece claramente o labor gráfico de Araque e tamén de Rocío Estepa, responsable das cores, decisión a agradecer dada a crecente popularidade de formatos máis compactos. 

Ambientado nunha vila do interior de Estados Unidos, o relato está protagonizado por un fato de rapaces que forman o típico club xuvenil, “Os Cempés”, cos seus ritos de acceso, un estrito código de conduta, un refuxio secreto e tamén un can. Os autores parten, xa que logo, dos ingredientes propios dunha aventura xuvenil, enfatizados polo debuxo de Víctor Araque, que se move sempre dentro dun rexistro amable, moi propio dun produto orientado a lectores novos. Mais cómpre non deixarse guiar polas aparencias, xa que a trama incorpora elementos sobrenaturais e macabros, valéndose da inocencia da ollada infantil para establecer un contraste cos aspectos máis desagradables do mundo adulto. O cruzamento de códigos é mais aparente que real, xa que a narración desemboca axiña e de forma decidida na tradición de relatos sobre pobos malditos. Malia a compoñente fantasiosa de boa parte da trama, o seu desenlace resulta coherente e a obra no seu conxunto acerta a transmitir unha sensación desacougante, sendo moi notable o equilibrio que os autores acadan entre a conveniencia de suxerir e a necesidade de amosar propia do xénero terrorífico.

Celebramos, xa que logo, a lectura desta obra orixinal e intensa, e anotamos o nome dos seus autores coa esperanza de que o mercado, sempre complicado, lles conceda futuras oportunidades de edición.

Ningún comentario: