segunda-feira, março 18, 2013

The League of Extraordinary Gentlemen: Century 2009

























Co recente Century 2009 (Planeta, 2013) Alan Moore e Kevin O'Neill pechan un ciclo narrativo, o tríptico (1910, 1969, 2009) que conforma o terceiro volume de A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios. Dende as dúas primeiras miniseries e co paréntese do Black Dossier, inédito entre nós, a cabeceira experimentou unha sutil reorientación, substituíndo o steampunk vitoriano das primeiras aventuras por un colorista pastiche repleto de anacronismos lúdicos, referencias acochadas e moitos dos lugares comúns da escrita de Moore. O que non muda é a contención do de Northampton, que mantén a serie dentro das marxes de levidade que propuxo dende a súa primeira aparición.

O da levidade cómpre matizalo. É certo que o nobelo referencial dos tres relatos que conforman o ciclo Century supera o das primeiras miniseries e excede con moito o que este lector é quen de desentrañar sen axuda. De igual xeito, os "lugares comúns da escrita de Moore" presentes nesta obra abranguen delirios máxicos, viaxes psicodélicas, simbolismo cosmogónico, Aleister Crowley, masonería e visións escatolóxicas varias. Sen embargo, lonxe de participar das altas pretensións doutros traballos, este cóctel fumegante non parece procurar outro fin que o de ofrecerlle aos lectores habituais do autor un sofisticado entretemento, ben sustentado graficamente e co cruce de complicidades que sempre conleva o xogo referencial. Aínda que Moore non precisa máis para superar a media do que se publica mensualmente, o resultado non deixa de ocupar un lugar discreto no contexto da súa propia produción, algo que pode resultar decepcionante se consideramos que a cabeceira se nutre do imaxinario dalgunhas das obras literarias máis célebres dos últimos séculos, un material cuxo valor e forza emocional podería dar moito máis de si.

O volume que nos ocupa axéitase aos sinais de identidade da serie, comezando pola autoparodia inicial dos autores e o mencionado xogo de chiscadelas, que desta volta inclúe alusións a Harry Potter e ás ficcións protagonizadas polos servizos de intelixencia británicos. Pero máis aló diso, neste capítulo conclúe o arco argumental que se viña desenvolvendo nos dous tomos anteriores e malia que, tras o previsible crescendo, a acción desemboca nun delirio apocalíptico que mesmo trae a morte dun dos personaxes, Moore renuncia a levalo ás súas máximas consecuencias dramáticas. Por sorprendente que resulte tratándose dun escritor tan pouco acomodaticio, o seu ton é distante e desapaixonado, case rutinario.

Queda pechado o ciclo e non sabemos se Moore e O'Neil recuperarán a cabeceira nun futuro. Polo de agora acaba de publicarse en Estados Unidos de Nemo: Heart of Ice, primeiro spin-off da serie. As imaxes prometen. Picaremos.

Entradas relacionadas
A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios: Century 1910
A Liga dos Cabaleiros Extraordinarios: Century 1969

Sem comentários: