quarta-feira, março 06, 2013

Un paso en falso

















Sinala Bart Beaty en Unpopular culture  que se certos autores situados na perifera (xeográfica ou lingüística) da BD europea tenderon en certo momento a elaborar traballos mudos ou con texto escaso non foi tanto por vocación experimental coma para favorecer a súa difusión internacional facendo innecesaria a tradución. Ese sería o caso dalgunhas das primeiras obras do noruegués Jason, concretamente das dúas que Astiberri reeditaba o ano pasado baixo o título Un paso en falso (2012): Chhht!, que xa fora publicada  pola editorial vasca en 2002, e Espera... que o fora en 2004. A primeira, como suxire o seu título, prescinde absolutamente de texto, mentres a segunda o fai só en parte, aínda que a dosificación da palabra resulta crucial na mesma. O propio Beaty advirte de que, no caso de Jason, a proxección internacional da súa obra, traducida a varios idiomas e publicada en diversos países de Europa e Norteamérica, non tivo que ver precisamente con esta circunstancia, senón co feito de ter sido publicado en Francia, confirmándose así a centralidade do mercado francófono na BD europea.

Jason é un autor que constantemente marca distancias co lector. Afeitos como estamos á utilización de animais antropomórficos en traballos orientados a un público infantil e xuvenil, o seu uso en obras dirixidas a un lector adulto provoca unha primeira disonancia no lector. O efecto amplifícase se os deseños, lonxe de compartir a expresividade exacerbada dos funny animals, resultan lánguidos, pouco expresivos, e mesmo, en ocasións, inescrutables. Estas características, canda outras habituais nas obras do noruegués, como unha planificación de páxina regular e con poucas variantes, as cores, básicas e sen apenas matices, ou a economía dos fondos, tradúcense nunha frialdade formal que encaixa co tópico acerca do carácter dos habitantes dos países nórdicos. E esta devandita frialdade, presente en toda a produción de Jason, resulta aínda máis perceptible no díptico que conforma Un paso en falso. A ausencia ou escaseza de texto deixa ao lector sen moitas máis pistas verbo das emocións dos personaxes que as que proporcionan os seus rostros hieráticos, e aínda que a lectura é áxil pola falta de texto, a utilización dunha plantilla fixa de seis cadriños por páxina convértea nunha experiencia átona e case monocorde. Ningunha das dúas obras foi concibida para compracer o lector pola vía rápida.

O paradoxo é que nestas dúas obras, coma nos restantes traballos de Jason, os sentimentos ocupan unha posición central, co amor e a amizade, e tamén as súas versións negativas, o desamor e a ausencia, como temas recorrentes. O gran mérito do noruegués e probablemente o seu trazo máis característico como autor é o de conseguir que ese caudal emocional atravese todas as barreiras que el mesmo interpón e chegue ao lector. E iso acontece coas dúas historias que recolle Un paso en falso. Malia apareceren estereotipados ou baixo formas simbólicas, os sentimentos que o autor pon en xogo alcanzarán ao lector que sexa quen de penetrar na tépeda proposta visual do autor. Cómpre un esforzo pero o resultado compensa.

Entradas relacionadas
O último mosqueteiro
Eu matei a Adolph Hitler
Por que fas isto?
Non me deixes nunca

Sem comentários: