xoves, febreiro 28, 2013

O raio mortal

























Andy, o protagonista de O raio mortal (Random House, 2013), descobre un día que na súa infancia foi sometido a experimentación xenética por parte do seu pai e que cando entra en contacto cunha determinada substancia adquire unha forza fóra do común. Poderiamos estar perante unha orixe superheroica perfectamente canónica de non ser porque a substancia en cuestión é a nicotina, é dicir, Andy vólvese superforte cando fuma. As intencións desmitificadoras de Daniel Clowes parecen obvias, malia o cal sería un erro reducir o conxunto da obra a unha simple parodia dos tebeos de superheroes.

Publicada en 2004 na revista Eightball, O raio mortal asume parte dos tópicos propios do xénero  superheroico ao tempo que elude ou terxiversa outros. O interesante é que os desvíos que toma Clowes veñen dados pola fidelidade do autor ás claves que explican a súa propia obra. O exemplo máis evidente sería o debuxo, tan coherente coa restante produción do autor coma afastado dos canons do tebeo de heroes enmascarados. O Andy uniformado que atopamos nas páxinas de O raio mortal é unha versión devaluada e bizarra dos maxestosos heroes enmascarados de Marvel e DC, e o mesmo acontece cos restantes deseños de personaxes e escenarios, tan típicos do universo clowesiano como alleos ás epopeas superheroicas. No que atinxe ao desenvolvemento narrativo, Clowes emprega recursos ben coñecidos polos seus lectores, coma a descomposición do relato en microepisodios baixo título propio, os cambios de rexistro formal ou a alternancia de composicións tradicionais e simplemente funcionais con plantillas uniformes máis propicias para o xogo narrativo.

Pola súa banda, a idea central do argumento tamén se afasta dos tópicos do tebeo superheroico, segundo os cales a adquisición de superpoderes e a conseguinte adopción dunha personalidade enmascarada conduce sempre a unha intervención na esfera pública, xa sexa para facer o ben (os superheores) ou o mal (os superviláns). En O raio mortal a utilización dos poderes por parte de Andy afecta sempre a persoas do seu contorno inmediato, subvertindo así un dos lugares comúns máis artificiosos do xénero, o de que os heroes non utilizan o seu talento en función de intereses persoais senón de acordo cuns ideais de xustiza que apenas varían dun personaxe a outro. Os superpoderes non fan de Andy un heroe e, sobre todo, non lle son de axuda nas súas relacións persoais. E probablemente aí é onde quería chegar Clowes, xa que a obra, no seu miolo, ocúpase dos temas centrais da súa produción: a soidade, a incomunicación, a falta de habelencia afectiva, a imposibilidade da relación co "outro". Hai, xa que logo, tantos tópicos clowesianos coma superheroicos en O raio mortal, aínda que cunha diferenza: mentres que os primeiros determinan o contido esencial da obra, os segundos son reducidos a simples estruturas formais, un xiro intelixente e irónico que permite presentarlle ao lector baixo formas novidosas as coñecidas teimas do autor.

Entradas relacionadas
Wilson
Ice heaven
Como luva de seda forxada en ferro

Ningún comentario: