quarta-feira, fevereiro 06, 2013

Saga 1

























Tras uns anos traballando para outros medios, Brian K. Vaughan retorna ao  mundo do cómic con Saga, proxecto que vén desenvolvendo en colaboración coa debuxante Fiona Staples, conservando ambos a titularidade da creación e publicándoa baixo o selo de Image Comics. A obra chéganos tras unha boa acollida nos Estados Unidos, tanto entre a crítica coma por parte do público.

Se tanto Y, o último home coma Ex Machina, os anteriores traballos de creación propia de Vaughan, partían dunhas premisas suxestivas e cheas de posibilidades, en Saga acontece xusto o contrario: se por algo destacan tanto o primeiro bosquexo da trama coma o escenario no que se desenvolve é pola súa escasa orixinalidade. Alana e Marko, personaxes procedentes de dúas civilizacións enfrontadas secularmente, e Hazel, a filla recentemente nada de ambos, foxen das autoridades de cadanseus lugares de orixe. Trátase, xa que logo, da enésima revisión do amor perseguido pola diferente orixe social dos protagonistas, tópico sobreexplotado dende o canónico Romeo e Xulieta; polo demais, a imaxe de parella con fillo fuxindo da autoridades ten coma referencia ineludible outro célebre long-seller, o Novo Testamento; e finalmente, cantas ficcións futuristas parten dunha paisaxe con dúas civilizacións en guerra perpetua? Poñan vostedes os nomes.

Mais o problema agrávase, ao meu entender, se á falta de orixinalidade da premisa engadimos a absoluta previsibilidade do seu desenvolvemento. A primeira recompilación da serie (Planeta, 2012) limítase a engadir á introdución dos personaxes principais unha convencional peripecia de fuxida. Nin sequera atopamos nas súas páxinas o talento para o diálogo e o sentido do humor sarcástico que caracterizara a escrita previa de Vaughan, quedando reservada a escasa singularidade do produto a certas denominacións extravagantes (os mercenarios son aludidos coma "autónomos"; algúns personaxes teñen nomes como "a Vontade" ou "o Tallo") e ao deseño gráfico dalgúns personaxes (é o caso de "o Tallo" ou a demediada Izabel), aínda que neste último caso entendemos que o mérito é compartido coa ilustradora Fiona Staples. E no tocante ao labor desta, é unha mágoa que a súa correcta caracterización dos personaxes non se vexa acompañada por unha contextualización gráfica aceptable. Non sei se é unha decisión estética deliberada ou un recurso para cumprir datas de entrega, pero o uso repetitivo de fondos esvaídos fai que as imaxes carezan de profundidade, dando a sensación de que as figuras flotan diante dunha pantalla de cores.

Confeso, xa que logo, a miña decepción neste primeiro achegamento á serie e tamén a miña incomprensión cara as gabanzas, polo xeral sen apenas matices, que vén recibindo nas dúas beiras do Atlántico.

Entradas relacionadas
Ex Machina
Y, o último home
Os leóns de Bagdad

Sem comentários: