sábado, febreiro 02, 2013

Deus e ciencia, o retorno das Ti-Girls

























As mulleres da portada de Deus e ciencia, o retorno das Ti-Girls (La Cúpula, 2012) ollan cara o horizonte enfundadas en uniformes coloristas. A indumentaria, a pose, o espazo (unha cornixa), a variedade na tipoloxía (os personaxes no fondo matizan o estándar da que ocupa o primeiro plano: unha vella, unha moza baixiña e unha muller verde con aparencia monstruosa), o aire que fai voar as súas capas, mesmo o ceo turbulento: todos os elementos da imaxe toman como referente os tópicos da representación superheroica. Se malia iso, a portada non chega a encaixar dentro dos estándares do xénero é porque Jaime Hernández mantén o seu propio estilo gráfico, persoal e recoñecible, no que pode rastrexarse a pegada doutras moitas influenzas ademais da do tebeo de heroes enmascarados. Isto constitúe unha boa pista do que podemos atopar no interior do libro: unha historia que retoma  moitos dos lugares comúns das historias de superheroes pero que Hernández reconduce ao seu peculiar universo creativo.

A comedia teen, a ciencia ficción, o costumismo pop, mesmo certo realismo máxico, a serie B... Hernández leva xogando á mestura de xéneros dende as súas primeiras historias para Love and Rockets. Non sorprende, xa que logo, que propoña agora este novo xiro (inxustificado, coma os anteriores) para xogar aos superheroes, menos aínda se consideramos que xa levara a cabo algunha aproximación previa. Coma en practicamente toda a súa obra, Hernández mantén o protagonismo coral e feminino, e teima en ensanchar as marxes do seu particular universo concedendo o seu momento de gloria a personaxes que ata o momento ocuparan un plano secundario. E así, malia apareceren Penny Century e Maggie Chascarrillo, as auténticas protagonistas da historia son personaxes coma Angel, Xochitl e outros de nova creación, aos que Hernández é quen de dotar da forza suficiente para levar o peso do relato.

O argumento é unha versión exacerbada e delirante das aventuras de superheroes. Sen embargo, a ollada amable de Hernández, o seu sentido do humor, punzante e irónico mais nunca destrutivo, fai que o resultado se aproxime máis a un tributo que a unha parodia. É probable que non sexa a un dos mellores traballos do seu autor; é mesmo probable que nin sequera estea á altura das entregas máis recentes. E sen embargo, coma nova ampliación do inclasificable universo creativo do seu autor, resulta unha lectura tan obrigada coma agradable.

Entradas relacionadas
Penny Century
A educación de Hopey Glass
Locas 3
Locas 2
Locas 1

Ningún comentario: