martes, marzo 04, 2014

Rural, crónica de un conflicto

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Un dos personaxes de Vermello e negro afirma que a política é unha pedra pendurada do pescozo da literatura, sentenza que coincide con outra frase célebre que Stendhal introduciu nesta obra e tamén en A cartuxa de Parma: falar de política nunha obra literaria é coma disparar na metade dun concerto, “algo groseiro ao que, sen embargo, non se lle pode negar certa atención”. Tense discutido moito acerca do que quería dicir exactamente Stendhal con estas afirmacións, mais todo indica que non era moi partidario de incorporar o debate político á obra literaria. Non sei que opinaría ao respecto o historietista francés Étienne Davodeau mais, de fiármonos polo conxunto da súa obra, todo indica que non debería estar moi de acordo. Dous dos seus títulos máis coñecidos, La mala gente ou Ha muerto un hombre, ambos a metade de camiño entre a memoria familiar e o xénero documental, serían unha contundente demostración de que se pode acadar a excelencia abordando frontalmente argumentos políticos. Mais hai tamén na súa produción outros traballos (El testimonio ou o recente e xustamente aclamado Los ignorantes) que, sen facer de cuestións políticas a substancia fundamental do relato, si acollen con naturalidade contidos desta natureza. Mais non nos trabuquemos, a concepción do político en Davodeau sobrevoa a dialéctica partidista para aventurarse no terreo no que as decisións persoais adquiren relevancia pública.

Un novo exemplo da presenza do político na obra de Davodeau é Rural, crónica de un conflicto (La Cúpula, 2014), título publicado orixinalmente en 2001 no que atopamos moitas das claves da súa obra previa e posterior. Por unha banda, o autor volve achegarse ao mundo do traballo no campo, do que xa se ocupara en La mala gente, e faino asumindo outra vez formas próximas á reportaxe xornalística. Mais a súa perspectiva muda, substituíndo a mestura de ollada histórica e memorialismo daquel traballo por un afán divulgativo que o achega ao máis recente Los ignorantes. De feito, é probable que a excelente acollida da que gozou este título o ano pasado resultase determinante para a recuperación de Rural, obra coa que garda semellanzas moi evidentes e que levaba máis de dez anos inédita.

En Rural atopamos unha minuciosa exposición do traballo diario de tres gandeiros que levan conxuntamente unha explotación na que se produce leite bio, o que implica que non seguen un modelo de produción intensiva senón que se valen de procedementos máis naturais, respectuosos co medio ambiente, co propio ritmo natural das bestas, e tamén, de forma inevitable, máis caros e custosos. Máis outra vez, Davodeau presenta ao lector persoas que escollen o camiño difícil, que optan conscientemente por un estilo de vida cheo de dificultades e que o fan guiándose unicamente por conviccións persoais. “Moléstame cando a xente di que come bio só por cuestións de saúde”, di un dos protagonistas cando Davodeau lle comenta que as virtudes dos produtos ecolóxicos non son recoñecidas unanimemente. O que Olivier, Étienne e Jean-Claude consideran beneficioso para a saúde non é o produto do seu traballo senón o propio modelo de produción. Fronte o interese persoal que representaría a preocupación pola propia saúde, eles guíanse por unha idea de beneficio colectivo que derivaría do emprego de formas de produción sostibles.

Para confirmar que a vida a contracorrente está sempre chea de obstáculos, os tres gandeiros protagonistas deberán afrontar a inminente construción dunha autovía que divide os terreos que ocupan, poñendo en cuestión a viabilidade da súa explotación. Errará quen pense que nos atopamos de novo perante a clásica tirapuxa entre tradición e modernidade. O modelo de produción que se presenta ao lector non renuncia aos adiantos técnicos senón á ditadura do beneficio a curto prazo. A súa modernidade é evidente. Pola contra, o que Davodeau propón é que nos cuestionemos se a autovía é realmente necesaria, se haberá alternativas de comunicación máis beneficiosas e se o seu trazado é o idóneo. A súa ollada inverte as asuncións de sentido común: se cadra o que se nos presenta como moderno non é tal e viceversa. E aínda máis, os movementos asociativos contrarios á construción da autovía ofrecen unha perspectiva sobre a orixe e evolución do proxecto que esclarece o alcance do seu impacto ao tempo que, sen caer en teorías conspiratorias, sementa dúbidas sobre os intereses realmente implicados no mesmo: políticos, empresariais e económicos. De forma consciente, Davodeau decide non conceder dereito de réplica á autoridade competente, da que non espera outra cousa que un discurso publicitario. “Non me interesa que ese discurso se difunda a través do meu libro”, di.

Vivimos en tempos de ironía extrema e desconfianza, mesmo ridiculización, das ideoloxías. O pensamento hexemónico non recoñece outro criterio de valoración para as iniciativas empresariais que o beneficio económico, nin mellor guía para o comportamento individual que a procura da satisfacción das propias necesidades. As súas engrenaxes traballan con eficacia para invisibilizar ou desprestixiar os que actúan conforme un sistema de valores diferente. As apelacións ao colectivo resultan sospeitosas, o movementos asociativos son descualificados con argumentos estereotipados. Rural, como outras obras de Davodeau, funciona coma un contradiscurso que demostra que existen outras formas de pensar pero tamén e sobre todo, outras formas  de actuar, ofrecendo un relato arroutado e fermoso sobre algo tan simple como a coherencia persoal.

Ningún comentario: