quarta-feira, outubro 22, 2014

Bandette: Presto!

























Se a mestura de xéneros é unha das características das narrativas actuais, entón Bandette, coa súa combinación de historia detectivesca, personaxes pulp, aventura pop e comedia romántica, é unha obra decididamente contemporánea. Creada polo escritor Paul Tobin e a debuxante Colleen Coover, a serie viu a luz inicialmente como webcomic pero gozou con posterioridade de edición en papel vía Dark Horse. Da man de Aleta chéganos agora o primeiro tomo da serie, Presto! (Aleta, 2014), un coidado volume que recolle os cinco primeiros capítulos, ademais dun feixe de relatos breves protagonizados polos personaxes secundarios e algúns extras: artigos, unha narración breve, o extracto dun guión e un texto no que a debuxante explica como traballa.

A protagonista é unha ladroa mais tamén unha xusticieira (só rouba con causa xustificada), está fóra da lei pero colabora coa policía. Esta ambivalencia do personaxe sumada á ambientación parisina do relato remítenos a Rocambole e Arsène Lupin, mentres que o xogo de disfraces e a vilanía do adversario Absenta lembran a outro clásico do pulp francés, Fantômas. Mais hai unha compoñente de inxenuidade e colorismo ausente naquelas ficcións e que neste caso resulta fundamental. Bandette é adorable, elegante, fraca e cun peiteado pixie, unha caste de Audrey Hepburn a exercer de Robin Hood. As súas aventuras transcorren nunha burbulla de intranscendencia coidadosamente creada polos autores. Nada do que nela acontece ten consecuencias. Non hai perigo nin dano nos roubos, nas conspiracións ou nas pelexas "a morte". Diríase que estamos máis ben perante unha imitación inocente. Tampouco parece casual que os autores elixiran París coma escenario da trama. O seu retrato da capital francesa coincide coa visión esterotipada con que os norteamericanos contemplan as capitais europeas: un lugar con encanto, delicadamente exótico, o marco idóneo para unha comedia lixeira.

Bandette aposta conscientemente pola aventura intrascendente. A expresión non pretende ser pexorativa senón máis ben o contrario: hai que recoñecer como unha decisión valente o feito de obviar dramatismos e aspirar a facer dunha comedia lixeira un produto de calidade. Acerta Paul Tobin cando marca o ton da súa proposta pero é o desenvolvemento gráfico de Colleen Coover o que dota os personaxes do encanto e elegancia que define o espírito da cabeceira. Sen o seu debuxo sutil e desenfadado o resultado sería totalmente distinto e seguramente peor.

Sem comentários: