sexta-feira, outubro 03, 2014

Miracleman: El sueño de volar

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Tras unha longa espera, chega a reedición en castelán de Miracleman, peza clave do cómic de superheroes británico e título esencial da etapa pre-Watchmen de Alan Moore. A relevancia dos autores (Alan Moore, Alan Davis e Garry Leach nos primeiros capítulos; máis adiante chegarán Rick Veitch, John Totleben, Neil Gaiman e Mark Buckingham entre outros), unida á controversia legal que bloqueou a súa reedición durante anos (este excelente artigo de Entrecómics resume o “estado da cuestión” xurídica), elevaron este título elevaron á condición de cómic de culto e xeraron enormes expectativas nos lectores. Con El sueño de volar (Panini, 2014), ábrese a agardada reedición do material orixinal.

Publicados orixinalmente na revista Warrior, unha das cabeceiras imprescindibles do cómic británico, os primeiros números de Miracleman non sorprenderán a aqueles lectores que coñezan ben a obra de Alan Moore, xa que neles atopamos moitas das ideas que o “o guionista orixinal” desenvolvería en títulos posteriores. Moore chegaba ao título co cometido de revitalizar un personaxe clásico do tebeo superheroico inglés, creado nos anos 50 por Mick Anglo baixo o nome de Marvelman. Parece un acerto incluír unha aventura da etapa de Anglo como prólogo ao primeiro capítulo de Moore, ofrecéndolle ao lector a oportunidade de coñecer de primeira man o material orixinal: conceptos simples, vocación intranscendente, personaxes sen apenas matices... Onde outros verían un lastre, Moore viu unha oportunidade, acometendo unha reconstrución da xenealoxía do personaxe que integraba con intelixencia a súa traxectoria previa. Aquel primeiro Miracleman, inxenuo e sorrinte, sería resucitado por Moore na Gran Bretaña do thatcherismo (o primeiro capítulo foi publicado en 1982) que, en comparación con aquel pasado colorista, semella unha distopía salvaxe.

Mais o realmente brillante é como argalla Moore esa transición entre dous mundos tan diferentes. No primeiro capítulo, o Miracleman renacido exponlle á súa moza Liz o seu pasado como superheroe: como obtivo os poderes, a súa andaina coa “familia Miracleman” (Young Miracleman e Kid Miracleman) e os seus enfrontamentos con superviláns grotescos coma Young Nastyman ou o Doutor Gargunza. O xénero pasa a ser tema, a evolución do tebeo do superheroes entre os 50 e os 80 incorpórase ao texto, nunha dinámica moi semellante á que Moore reproduciría en traballos posteriores coma Supreme, 1963 ou Judgment Day. Coma o lector, Liz contempla ese pasado cos ollos dos 80 e responde cunha mestura de incredulidade e rexouba: “Es una historia tan rematadamente estúpida!”. O desenvolvemento posterior continúa ese diálogo co pasado, amosando o presente coma dexeneración daquela utopía infantil ou mesmo suxerindo que a inocencia daqueles tempos era só aparente.

O debuxo de Garry Leach nos primeiros capítulos da serie contribúe de forma decisiva a destacar este contraste. O seu trazo realista afástase do canon superheroico tradicional e cobra máis sentido noutro contexto próximo que o artista coñecía de primeira man, o cómic británico de ciencia ficción dos primeiros 80. Nos anos anteriores Leach traballara principalmente para 2000 AD, debuxando os seriais de personaxes como Dan Dare ou o Xuíz Dredd e o seu estilo de contornos duros achégano a artistas como Brian Bolland ou Carlos Ezquerra. Leach retrata un presente escuro e inhóspito, antítese do enfoque gráfico que caracterizou a serie nos seus inicios. Á altura do sexto capítulo é substituído nos lapis por Alan Davis, mais continúa aportando as súas tintas, impoñendo a súa personalidade gráfica á do seu sucesor. O trazo de Davis comeza a ser recoñecible só á altura do noveno capítulo, cando pasa a entintarse a si mesmo tras o abandono de Leach.

Máis aló do rexurdimento do personaxe, Moore comeza a debullar unha trama que combina conspiracións gobernamentais con elementos de ciencia ficción, sempre cunha perspectiva irónica que dificulta un achegamento estritamente literal por parte dos lectores. O tomo péchase con varios capítulos nos que Miracleman comparte protagonismo cos Warpsmiths, criaturas cósmicas creadas por Garry Leach tamén para Warrior. Ademais de para contemplar o debuxo de Leach en todo o seu esplendor, estes relatos permítennos achegarnos á faceta de Moore como escritor de ciencia ficción, que practicara nos anos anteriores baixo títulos como Doctor Who ou Future Shocks e que nos permite establecer conexións con traballos posteriores como o seu célebre relato dos Green Lantern Corps Mogo non ten vida social ou o mesmo Watchmen. Cómpre salientar a grande cantidade de extras que contén este volume, entre os máis interesantes, a reprodución de bosquexos e páxinas orixinais, de portadas de edicións históricas do personaxe e unha breve historia do cómic británico que nos permite contextualizar a creación do Capitán Marvel/Miracleman.

Aínda que sexa obvio a estas alturas, cómpre insistir unha vez máis en que, ademais do seu valor intrínseco, Miracleman constitúe un elo clave na bibliografía do “guionista orixinal”, esencial para entendermos como foi adaptándose e rebordando marcos creativos, primeiro no eido do cómic comercial británico, despois no mercado norteamericano.

Sem comentários: