venres, agosto 21, 2015

Elipses e sombras: Sombras chinesas

Cuimnhe: La deuda

Sete anos despois, cunha sensibilidade máis serena e acompañado por un suxestivo desenvolvemento gráfico de Pedro Villarejo, Kike Benlloch recupera o universo fantástico que creara para a novela gráfica Cuimnhe: El fuego distante.

Foi por volta de 2008, co colectivo Polaqia a atravesar o momento de madurez que precedeu á súa disolución, cando Kike Benlloch e José Domingo publicaron Cuimnhe: El fuego distante, unha novela gráfica de ambientación fantástica que sería o primeiro traballo extenso do autor que posteriormente acadaría sona internacional con Aventuras de un oficinista japonés. Paga a pena achegarse hoxe a aquelas páxinas que mostran a Domingo nun rexistro gráfico moi afastado do seu estilo actual pero cuxa narrativa, ambientación e caracterización de personaxes anunciaban xa a presenza dun debuxante de talento. Malia estar ambientado nun entorno de espada e bruxería, con criaturas míticas e animais que falan, o argumento concibido por Benlloch xiraba arredor de conceptos políticos e relixiosos, sobordando os límites da fantasía de pura evasión. A narración aparecía dividida abruptamente en dúas partes que case podían lerse de forma independente e que lle conferían ao conxunto un aquel episódico. Como adoita acontecer coas historias de Benlloch, o percorrido do relato non chegaba a consumir o potencial dos personaxes e no mundo imaxinado polo escritor coruñés enxergábanse aínda fronteiras por explorar. Había espazo para máis historias pero ben poderían non terse contado nunca.

Non foi así. Hai poucas semanas Benlloch presentaba Cuimnhe: La deuda, un pequeno comic-book coidadosamente autoeditado que engade un novo capítulo á biografía do personaxe. En apenas dezaseis páxinas, La deuda explora simultaneamente a mocidade e a madurez de Cuimnhe, sustentándose nos elementos orientais presentes xa no volume precedente. A espiritualidade e habelencia coa espada da protagonista achegábana á figura do samurai, ao que se engade agora un argumento que xira en torno a conceptos como a honra ou o sentido do deber. A épica e a aventura deixan paso a un relato máis pausado, sen elementos fantásticos relevantes e que pretende ante todo perfilar o carácter do personaxe principal. Sen grandilocuencia nin efectismos, Benlloch fai discorrer en paralelo as dúas liñas temporais ata que se pechan dunha forma natural.

Non se pode pasar por alto a decisiva contribución de Pedro Villarejo, debuxante de trazo rexo e pouco dado ao ornamento co que Benlloch colaborara xa en Anónimo e que tiña ante si o difícil reto de substituír a Domingo. Segundo el mesmo confesou, ningún dos deseños preliminares do personaxe lle resultaba convincente e só se sentiu capaz de debuxar a historia cando se lle ocorreu imitar a aparencia dos teatros de sombras chinesas, siluetas negras que se proxectan sobre un fondo máis claro. A solución engaiola non só pola súa sinxeleza e encanto, senón pola perfección con que recolle e potencia o espírito do relato.

Con Cuimnhe: La deuda Benlloch e Villarejo engaden unha elegante coda ao relato orixinal. Tería atopado acubillo un cómic destas características nunha editorial convencional? Dificilmente. Hai xa tempo que a autoedición deixou de considerarse un paso previo á edición convencional para xustificarse coma un fin en si mesmo. A liberdade creativa e o control dos autores sobre o produto final son algúns dos motivos que explican o auxe actual desta corrente e traballos coma o que nos ocupa ofrecen unha boa mostra das súas posibilidades.

Ningún comentario: