quinta-feira, setembro 17, 2015

Elipses e sombras: Pura aventura

Os que levan o lume

Co seu novo traballo, Álvaro López rende tributo ao xénero fantástico na súa versión máis imaxinativa e aventureira. Os que levan o lume é un relato de supervivencia ambientado nun mundo hostil que resulta accesible a lectores de todas as idades.

Álvaro López non goza da popularidade doutros nomes da banda deseñada galega e sen embargo é xa un autor veterano con varios traballos publicados en solitario e non poucas colaboracións con nomes relevantes da historieta galega coma Kike Benlloch ou Luis Sendón. Promotor de fanzines, membro de Polaqia e máis recentemente director da excelente revista Altar Mutante, López é un autor prolífico que se desenvolve con comodidade dentro dos parámetros de xénero, xa sexa a fantasía, a ciencia ficción, o terror ou o relato criminal. Os que levan o lume (Demo, 2015), o seu traballo máis recente, recolle un relato de supervivencia individual e colectiva nun mundo inhóspito, no que supón a súa incursión máis decidida no xénero fantástico. Narrado con pulso áxil, o relato aposta pola a acción e a aventura, ademais de acubillar pequenas intrigas que se irán resolvendo cara o final.

Este novo traballo evidencia unha clara progresión do autor na súa faceta de  debuxante. Fronte o trazo solto dos seus traballos anteriores, os seus deseños están agora mellor definidos, gañaron en precisión e detalle. A claridade narrativa tamén experimentou unha mellora notable, pasando a ser un dos puntos fortes do seu debuxo. Sendo Os que levan o lume unha obra concibida para ser editada nun tamaño pequeno, López toma a comprensible decisión de reducir o número de cadriños por páxina e ampliar o seu tamaño. Ao contrario que en Marte satánico, o serial que está a desenvolver actualmente na revista Altar Mutante, onde opta por viñetas asimétricas, páxinas a sangue e, en xeral, solucións narrativas máis rompedoras, a posta en páxina é tradicional e con poucas variacións, con figuras grandes e predominio do branco nos fondos. O sentido desta elección semella non ser outro que o de favorecer por riba de todo o desenvolvemento do relato, limpando a narración de calquera detalle que puidera entreter o avance do lector.

Nos últimos tempos asistimos a un certo revival das obras de xénero. Non son poucos os autores de prestixio que se acollen ás súas formas, en moitos casos para subvertelas ou establecer co lector un diálogo arredor dos propios códigos narrativos. Tanto este novo traballo coma o conxunto da traxectoria de Álvaro López demostran unha intención ben distinta, a de levar as propias convencións de xénero á súa mellor expresión, mais sen sobordalas nin facer delas un instrumento ao servizo doutros fins. Os que levan o lume insírese na tradición que entende o relato fantástico como exercicio de imaxinación, que pretende seducir o lector a través da presentación de mundos, sociedades, criaturas e personaxes suxestivos. A acción, a aventura e a imaxinación son tratados como valores en si mesmos e é sobre estes piares que o autor constrúe o seu relato. O resultado é un entretemento honesto e accesible, apto para lectores de todas as idades.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 16 de setembro de 2015]

Sem comentários: