terça-feira, outubro 20, 2015

Elipses e sombras: Conversa na Catedral

Dedalus en Compostela

O novo traballo de Fernando Iglesias “Kohell” adapta á banda deseñada Dedalus en Compostela, relato de Vicente Risco que expresa a fascinación do grupo Nós cara James Joyce e a cultura irlandesa.

Fernando Iglesias “Kohell” pertence á xeración de historietistas que se deron a coñecer nos anos 90 arredor das Xornadas de Ourense e o fanzine Frente Comixario. A súas colaboracións co guionista Carlos Portela, co que asinaría traballos tan salientables coma Impresiones de la isla ou o primeiro Gorka, confirmárono coma un debuxante capaz de asimilar as máis variadas influenzas sen diluír o seu propio estilo. Dende entón, colaborou en volumes colectivos coma Mmmh! ou H2Oil e o seu nome estivo presente en practicamente todos os proxectos de revistas de BD galega dos anos seguintes (Elipse, BD Banda, Golfiño, Retranca, Oink!...). Ademais dun ilustre veterano do cómic galego que na actualidade exerce coma mestre no Garaxe Hermético que dirixe Kiko Da Silva, Kohell é un magnífico debuxante ao que o vigoroso recambio xeracional da BD galega situou nun segundo plano que non fai xustiza aos seus méritos. 

Por iso e porque, malia ser a súa unha carreira extensa, as monografías son escasas na súa produción, cómpre celebrar a recente edición de Dedalus en Compostela, adaptación ao cómic do texto homónimo de Vicente Risco promovida pola Fundación Vicente Risco en colaboración coa Deputación de Ourense e o selo BD Banda. Orixinalmente publicado en Nós en 1929, o relato describe o encontro en Compostela do narrador, sutilmente identificado co propio Risco, con Stephen Dedalus, o protagonista de Retrato do artista cando novo de James Joyce. Ao tempo que percorren as rúas da capital de Galicia, ambos encetan un diálogo no que o literario se mestura co metafísico, o etnográfico e o antropolóxico, dando saída a moitos dos tropos habituais da escrita risquiana. Risco imaxina un Dedalus “que fuxe da cruz” pero que ao mesmo tempo está disposto a morrer en Compostela, a carón do sartego do apóstolo (“inventado” vinte anos antes). Inquirido sobre esta aparente contradición, Dedalus deixa constancia da súa teimuda rebelión contra a súa propia herdanza cultural, contra a Igrexa católica e o seu influxo social, mais tamén contra o nacionalismo emerxente no seu país. O inconformismo de Dedalus válelle a Risco para enunciar ante o lector as que considera esencias da nación irlandesa, o espello no que quere ollar a Galicia. 

Kohell constrúe a súa versión a partir das palabras de Risco, que son trasladadas ás páxinas do cómic literalmente, con toda a súa complexidade e dureza. Entre a versión orixinal do texto de 1929 e a corrixida de 1961, Kohell opta por esta última. O matiz non é irrelevante, xa que as alteracións que aquela recolle son notables e teñen sido obxecto dun escrutinio académico comprensible se consideramos a evolución ideolóxica do autor. O tópico máis socorrido cando se recuperan textos clásicos é aquel que di que se trata de traballos que se adiantaron ao seu tempo e seguen a estar vixentes hoxe. Xulgue o lector por si mesmo sabendo que en Dedalus en Compostela atopamos un xogo metaliterario que prefigura a Borges, unha visión de Compostela coma destino turístico (“Eu quero ser o derradeiro peregrino”, di Dedalus, “de aquí para diante xa non virán máis que turistas”) e unha idea de Galicia coma país sen vontade de existir (“aquí todo camiña cara o non ser, pola vontade e pola industria destes meus irmáns de aquí”).

E que é o que aporta Kohell na súa versión? Pois unha atinada caracterización dos personaxes, cun Risco cartoonizado e un Dedalus de efixie joyceana; unha fermosa ambientación, cunha Compostela que se nos presenta tamén coma un dédalo, un labirinto de calellas que cobreguean baixo a silueta das súas pedras máis nobres; e, sobre todo, unha narrativa brillante que envolve o diálogo dos protagonistas e, case inadvertidamente, contribúe a aliviar a súa densidade. Kohell recolle e dá unha vida nova a unha curiosa peza do legado risquiano, traéndoa á actualidade e ofrecendo un novo pretexto para o (interminable) debate sobre a figura do seu autor.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 19 de outubro de 2015]

Sem comentários: