venres, decembro 18, 2015

Elipses e Sombras: O final da infancia

La ficción

David Rubín segue a abrirse camiño no mercado norteamericano. En La ficción, o seu traballo máis recente, o ourensán pon o seu potente imaxinario visual ao servizo dun relato fantástico escrito polo canadense Curt Pires.
 
O mercado norteamericano do cómic experimentou unha transformación notable nos últimos anos. Tras décadas de dominio asoballante do xénero dos superheroes e a conseguinte preeminencia das dúas grandes editoriais, Marvel e DC, vén consolidándose na última década unha corrente creativa de influenza crecente, xurdida ao abeiro de compañías medianas coma Image ou Dark Horse e que opta por dirixirse ao mesmo público con obras sutilmente distintas, produtos de vocación maioritaria, que frecuentemente asumen patróns de xénero (criminal, terror, aventura, acción...) pero nos que os autores están sometidos a menos restricións creativas que nas editoras clásicas.
 
É nese terreo onde se sitúa La ficción, unha miniserie de catro capítulos escrita por Curt Pires e debuxada por David Rubín, un relato de aventura e fantasía que explora a relación entre as ficcións literarias e a realidade. Os protagonistas do relato son catro rapaces que atopan nun faiado uns libros que lles permiten viaxar a un universo paralelo, unha premisa que é xa case un tópico recorrente dunha determinada caste de relatos fantasiosos (Lewis Carroll, C.S. Lewis, Michael Ende...). A súa inxenua exploración dese escenario de fantasía rematará coa misteriosa desaparición dun deles, un suceso traumático que sinalará o final da infancia e retornará ás súas vidas anos máis tarde. Pese a citar a Borges e suxerir algunha reviravolta metaliteraria, Pires deixa aparcadas as grandes ambicións e prefire construír un entretemento diáfano cunha equilibrada combinación de fantasía e intriga. Malia conducir e pechar o relato correctamente, deixando cabos soltos para unha eventual continuación, o seu labor tampouco consegue coller a altura suficiente para que o título destaque entre a avalancha de novidades mensuais coas que compite. A un punto de partida non excesivamente orixinal engádese un desenvolvemento prudente en exceso, que en ningún momento se atreve a poñer en cuestión as expectativas dun lector medio. Tampouco axudan as limitacións de formato (catro capítulos de 24 páxinas), que rematan por impoñerlle un ritmo ao relato sen deixar que medre por si mesmo. 
 
Coido que se pode afirmar, sen varrer para casa, que o mellor argumento a prol de La ficción é o debuxo de David Rubín. Os achados narrativos que o ourensán exhibía en obras previas coma El héroe ou Beowulf están tamén presentes, aínda que nunha versión máis funcional, nas páxinas deste novo traballo. Coas súas pretensións máis modestas, La ficción non precisa do requintado aparello formal daqueles traballos, abóndalle con sustentarse no aprendido por Rubín nestes anos e tirar partido do seu potente desenvolvemento gráfico. O control do ritmo, a facilidade narrativa, a variedade na posta en páxina, a orixinalidade das composicións... Rubín bota man dun inesgotable abano de recursos e deixa constancia da súa personalidade artística nun proxecto moito máis convencional do que el é como creador. Coma os protagonistas do relato, Pires goza da oportunidade de se asomar a un engaiolante universo visual, o do debuxante galego, e sae claramente beneficiado. O colorista Michael Garland complementa con eficacia os seus lapis mediante unha paleta de cores que lembra ás que o propio Rubín adoita utilizar. A edición de Astiberri aporta valor engadido mediante a inclusión de varios extras, a versión a lapis do cuarto capítulo e o proceso de elaboración das cubertas orixinais, todo un agasallo para os lectores que estean interesados en coñecer as fases intermedias do proceso creativo.
 
La ficción ofreceulle a Rubín a oportunidade de demostrar que pode adaptar a súa personalidade creativa ao formato norteamericano por excelencia, o comic-book de 24 páxinas dun xeito moi semellante a como fixera Emma Ríos con Hexed en 2008, tamén no seo da editorial Boom! Studios. Velaí un novo campo profesional que se lle abre nun momento no que o seu nome soa cada vez con máis forza no mercado estadounidense despois de colaborar con Paul Pope e J.T. Petty (El momento de Aurora West e La caída de la casa West) e tras a publicación pola editorial Dark Horse do díptico El héroe. Seica ten xa algún outro proxecto en carteira en Norteamérica mentres agardamos pola publicación de Gran Hotel Abismo, a novela gráfica que creou en colaboración con Marcos Prior e que verá a luz a principios do ano que vén. 

Ningún comentario: