sexta-feira, novembro 27, 2015

Culturgal 2015 (e a banda deseñada)
















Un ano máis chega o Culturgal, a grande feira da Cultura galega que alcanza xa a súa oitava edición e que desta volta se celebrará entre o 4 e o 6 de decembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. Acaba de facerse público o programa de actividades para este ano, de novo un fervedoiro de actos  (presentacións, obradoiros, actuacións musicais, proxeccións, conversas, faladoiros...) que atinxen ás máis variadas disciplinas culturais que se cultivan no país. Comprobo con ledicia ademais que segue a haber programadas actividades para os máis cativos, de xeito que o certame pode converterse tamén nunha alternativa de ocio familiar para a fin de semana. No que toca máis de perto aos intereses desta bitácora, salientamos dous actos relacionados coa banda deseñada. Por unha banda, o sábado 5 ás 20:30 terá lugar no Espazo Foro a presentación do Boom! Film & Comic 2016, o Festival de cinema e banda deseñada que celebrou o ano pasado en Vigo a súa primeira edición. Por outra, o domingo 6 ás 17:30 terá lugar a presentación de STRPTS, un cómic de Xosel Díez e Xabier Varela que forma parte do proxecto de cine ao vivo desenvolvido polo grupo Cinema Sticado (pode lerse un adianto aquí). Hai, xa que logo, unha certa presenza da BD no Culturgal deste ano mais, sen desprezala, coido que o que dicía aquí o ano pasado segue a estar vixente: nin os moitos e moi prestixiosos autores, nin os escasos pero incansables editores de cómic galego están suficientemente representados no evento. Son consciente de que moitos dos nosos autores publican os seus traballos en editoras que non son galegas, mais segue a estrañarme a ausencia de entidades coma a AGPI, do pontevedrés Garaxe Hermético que dirixe o incansable Kiko da Silva e tamén de editores coma Demo ou El Patito. Fáltanme tamén esoutras editoriais galegas que tamén teñen cómics no seu catálogo: non está Xerais a promocionar nestes días o novo Asterix? Non sería esta unha boa ocasión para que Galaxia celebrase algún acto a propósito da adaptación á BD de A nosa cinza?  Convencido como estou de que a predisposición da organización é boa, non entendo o motivo polo que estes actores están repetidamente ausentes dun foro que de certo contribuiría a achegar ao público o seu magnífico traballo. Oxalá o ano próximo celebremos a chegada dun novo Culturgal no que a BD galega teña tamén o seu protagonismo.

4 comentários:

germam disse...

Acho que tb integrarom mo programa a expo de Spirou. O tema é que som maiormente os agentes q colhem stand os q achegam actividades e expos. De certo Xerais promoverá Astérix, o Garaxe e BdBanda tenhem estado. Mas na feira a cousa depende da indústria e disso imos mal. é dizer, falta-nos quem vaia vender produtos, nom é um espaço para promocionar autores ante a indústria (como Bcn ou Frankfurt) mas para achegar produtos ao público. Poida q no futuro vejams stand de Autobán ou de Demo, mas se nom se tira rendimento entendo q nom se vaia. Eu quito-lhe culpa à organização.

germam disse...

Acho que tb integrarom mo programa a expo de Spirou. O tema é que som maiormente os agentes q colhem stand os q achegam actividades e expos. De certo Xerais promoverá Astérix, o Garaxe e BdBanda tenhem estado. Mas na feira a cousa depende da indústria e disso imos mal. é dizer, falta-nos quem vaia vender produtos, nom é um espaço para promocionar autores ante a indústria (como Bcn ou Frankfurt) mas para achegar produtos ao público. Poida q no futuro vejams stand de Autobán ou de Demo, mas se nom se tira rendimento entendo q nom se vaia. Eu quito-lhe culpa à organização.

Ollo de Vidro disse...

Germam, graciñas polo comentario, o de comentar nos blogs está demodé.

Ocorríanseme algunhas explicacións do fenómeno pero preferín non incluílas no texto por seren suposicións, por non elucubrar. Coido que o que ti apuntas é o factor decisivo: é a industria a que ten presenza no Culturgal e na BD galega de industria andamos fraquiños, a forza está nos autores. En calquera caso, non busco responsables nin menos aínda culpables, reflexionaba en voz alta.

germam disse...

Acabará chegando, mas antes há caminhos que andar! Saudinha!