terça-feira, novembro 24, 2015

Elipses e sombras: Mundo monstruoso

Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos

José Domingo regresa cun novo traballo dirixido aos máis lectores máis novos, un artefacto de vocación lúdica que demostra ata onde pode chegar o seu talento coma ilustrador. 

Ignoramos se José Domingo sentiu ou non vertixe ante a inevitable obriga de deixar atrás Aventuras de un oficinista japonés (Bang, 2011), orixinalísimo cómic que o catapultou dende a Fisterra europea ata a San Diego Comic Con, sede dos prestixiosos Premios Eisner, e seguir adiante coa súa carreira. Non sería de estrañar que si, vista a desproporción entre a modesta orixe daquela obra e os éxitos que lle devolveu ao seu creador. Tras o ácido Conspiraciones (Astiberri, 2013) chega agora Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos (Astiberri, 2015), un álbum lúdico dirixido principalmente, aínda que non só, aos máis cativos. A obra foi promovida pola editorial británica Nobrow, o que sitúa a Domingo, xa dende o inicio, no contexto internacional. Se isto supuxo algún cargamento extra de responsabilidade para el debeu de superalo ao pouco de comezar a traballar, xa que as aventuras destes dous rapazolos nunha dimensión inzada de monstros é ante todo unha aposta pola diversión máis franca e desenfadada.
 
As dimensións do libro aportan unha primeira pista acerca do seu contido. O formato cadrado, de 25x25 cm, resulta moi frecuente na literatura ilustrada infantil e non tanto na banda deseñada. Pablo & Jane sitúase nesa encrucillada, cun principio e un final nos que Domingo demostra o seu bo pulso coma historietista e un corpo central no que deixa constancia do seu talento como ilustrador. A partires dunha premisa de arrecendo clásico, dous nenos que entran nunha mansión lóbrega e atopan nela unha máquina teleportadora, o autor desencadea unha nova viaxe atolada, aínda que menos surrealista que a vivida polo seu célebre oficinista xaponés. Nunha sucesión de pranchas dobres, Domingo preséntanos escenarios coma Londres, Marrakech ou Hawaii transformados en paisaxes fantasmagóricas nas que rebolen criaturas sinistras de toda índole. Grandes ilustracións inzadas de detalles que convidan a un escrutinio minucioso e nas que, ademais de atopar as pezas soltas que permitirán aos protagonistas reparar o seu trebello transportador, o lector culminará un paseo por diferentes tradicións máxicas de todo o mundo. As semellanzas co Onde está Wally? de Martin Handford son obvias, aínda que podemos mencionar tamén moitos autores de banda deseñada, algúns deles clásicos contemporáneos do tebeo infantil español coma Ibáñez ou Jan, que se teñen caracterizado por encher as súas páxinas de pequenos tesouros ocultos.
 
Non é Domingo un debuxante cun estilo que encaixe facilmente nas convencións do debuxo infantil. Traballos coma Conspiraciones ou a súa achega a Panorama (Astiberri, 2013) amosan unha tendencia a sintetizar o trazo cara formas angulosas que pouco teñen que ver coa tradicional accesibilidade do debuxo infantil. E porén, foi quen de atopar un rexistro apto para os lectores máis novos sen renunciar aos seus propios sinais de identidade. Velaí algunhas das claves deste libro, dunha banda o esforzo imaxinativo do autor no deseño de escenarios e personaxes; doutra, un lúcido sentido da composición capaz de darlle beleza ao minucioso detallismo das súas pranchas. Imprescindible para que as ilustracións resulten intelixibles é o uso das cores, nas que Domingo contou coa axuda do seu compañeiro de estudio Alberto Guitián.
 
Pablo & Jane en la dimensión de los monstruos permite desmentir a aqueles que afirman que non hai nas librarías cómics destinados aos máis cativos. Hainos, nunca deixou de habelos. Cando a banda deseñada deixou de ocupar un lugar privilexiado entre as alternativas de ocio dos cativos desapareceu o tebeo infantil concibido coma produto de consumo. Mais simultaneamente apareceu unha outra forma de facer cómic para rapaces, máis sofisticada, afastada de fórmulas e desenvolvida dende coordenadas autoriais. Produtos que, coma este Pablo & Jane, teñen vocación de permanecer e reúnen valores dabondo para seren lidos con pracer por nenos e adultos. 

Sem comentários: