mércores, novembro 18, 2015

Aghardi

















Paréceme revelador que a nota biográfica de Enric Sió que recolle a edición de Nueva Frontera (1979) de Aghardi sinale coma primeira “obra importante” do autor Lavinia 2016 (1967). Omítese toda a traxectoria previa do artista, o seu traballo para Bruguera e os cómics que publicou no mercado británico a través da axencia Selecciones Internacionales que creara Josep Toutain. Sió foi unha das figuras máis destacadas do que se denominou o boom da historieta adulta española, movemento autorial que cara a metade dos anos 60 tentou ampliar as perspectivas do medio, superando fórmulas e xéneros estandarizados, experimentando tanto no temático coma no formal e dirixíndose principalmente a un lector adulto. Moitos deses autores e tamén o sector da crítica que lle deu forma teórica ao seu labor (Javier Coma, Román Gubern, Luis Gasca…) mantiñan unha actitude condescendente cara o cómic que predominaba naqueles anos, a historieta infantil e xuvenil, o cómic de entretemento. A omisión de calquera referencia aos cómics románticos, bélicos e de terror que Sió publicou durante anos no mercado anglosaxón suxire que o autor non “nace” como tal ata 1967, cando se afasta do tebeo popular e emprende a súa propia carreira.
 
Os autores do boom pugnaban por quebrar a concepción do cómic coma simple vehículo de evasión ou entretemento. O seu propósito era o de crear unha obra perdurable e valiosa en termos artísticos, de aí a sofisticación das súas propostas tanto no gráfico coma no argumental. Na súa aspiración de atopar un lector cultivado e disposto a esforzase, desbotaban os camiños fáciles. Sospeitábase da transparencia tanto argumental coma gráfica, preferíase a mancha, a páxina densa e a imaxe simbólica para ilustrar unhas tramas requintadas e preferentemente con marxe para a interpretación. Os resultados foron desiguais, quedando desta etapa algúns títulos notables canda outros que remataron afogando nas súas propias pretensións.
 
Publicada orixinalmente en 1969, Aghardi reúne moitas das características desta forma de facer cómic. As súas páxinas amosan a un debuxante dun virtuosismo fóra do común e con certa tendencia ao alarde visual. Cos comprensibles matices, non resulta difícil atopar coincidencias entre o seu debuxo e o dalgúns dos seus contemporáneos coma Luis García, Fernando Fernández ou Josep María Beá: a vocación realista (cunha significativa incorporación de referencias fotográficas), unha posta en páxina na que as viñetas prescinden de marcos (sen dúbida, un intento de liberarse de corsés formais) ou un uso do branco e negro que remite a outra figura clave da época, Guido Crepax. Non pasa desapercibido un erotismo soft, que pretende ser máis elegante que lúbrico, centrado na explotación da figura feminina, sen dúbida un recordatorio do carácter adulto da obra.
 
Este complexo aparello gráfico está posto ao servizo dun relato centrado na viaxe dun peculiar comité de “expertos” a distintos lugares do mundo cuxos restos arqueolóxicos teñen sido vinculados coa presenza extraterrestre (Palenque, Nazca, Tíbet...), un tema moi propio dos anos 60, popularizado por revistas e programas de TV seudocientíficos, ademais de best-sellers do momento coma El retorno de los brujos de Louis Pauwels e Jacques Bergier (mencionado por Gubern no prólogo) ou Recuerdos del futuro de Erich von Däniken. Un cóctel que hoxe nos parece entre pretensioso e kitsch e que nos leva a concluír que Aghardi non é xa o “clásico do cómic contemporáneo” ao que se refería Gubern no prólogo, senón un produto fortemente connotado polo contexto en que viu a luz. De lelo illadamente considerarémolo probablemente unha obra malograda, incapaz de manter os seus significados co paso dos anos, mais o seu interese coma título representativo dun momento relevante da historieta española é indiscutible. Pertinentemente reeditada por Joan Navarro en 2013, Aghardi válenos ademais para reivindicar a un Enric Sió que creu nas posibilidades expresivas da banda deseñada en tempos adversos e que, lonxe de retóricas, tentou levalas á praxe en traballos coma este. Coma outros destacados membros da súa xeración, Sió abandonou o cómic desenganado e morreu en 1998. A día de hoxe é un autor inxustamente esquecido.

Ningún comentario: