xoves, maio 26, 2016

Ladronzuela




















A pesares de ser licenciada universitaria, vivir no miolo do mundo desenvolvido e ter un traballo aceptable, Corrina Park, a protagonista de Ladronzuela (La Cúpula, 2016), non é feliz. Séntese insegura nas súas relacións persoais, o seu traballo non a satisface e non sabe moi ben que facer coa súa vida. Michael Cho describe a desorientación do seu personaxe trasladando á narración gráfica a poética visual que lle fixo acadar sona coma ilustrador. As páxinas de Ladronzuela están repletas de detalles luminosos, comezando por un eficaz coloreado en tons rosados, unha soberbia ambientación e un encanto retro na caracterización que fai lembrar ao tristemente falecido Darwyn Cooke. Mais o excelente desenvolvemento gráfico non abonda para compensar a inconsistencia dun argumento superficial e rico en tópicos. Poderiamos pensar que Cho pretende facer un retrato da insignificancia do individuo nas sociedades postcapitalistas, a disonancia entre as expectativas que se nos aboca a asumir e a crúa realidade, a alienación nas relacións de traballo, a incapacidade das persoas para teren un control real sobre a súa vida. Mais non. Corrina atravesa un momento epifánico (escasamente xustificado) e as dúbidas esvaecen, a protagonista toma o control do seu destino dando a entender que o que lle pasaba era que lle faltaba unha fervedura. Mensaxe simple coma un nabo. E tranquilizadora tamén.

Ningún comentario: