sábado, maio 21, 2016

Lois Pereiro, breve encontro




















Disimulen o tópico. Lois Pereiro é o máis semellante a un poeta maldito que ten dado a nosa literatura. Por iso, as celebracións que rodearon o Día das Letras Galegas do 2011 foron moi distintas das anteriores, das que seguiron e de seguro que tamén das que virán por moitos anos. Por primeira vez, para explicar a figura do homenaxeado había que falar do rock e do punk, de Joy Division, David Bowie e a Velvet Underground. De Radio Océano. Tamén de cómics coma Corto Maltés ou sobre todo Tintín. Lois foi unha rara avis na literatura galega, un poeta ferido que escribiu versos que morden, unha voz única.

Aquel ano, a abundante bibliografía que acompaña ao Día das Letras incluía tamén un cómic, Lois Pereiro, breve encontro, unha obra complexa coa que Jacobo Fernández Serrano pretendía contribuír á divulgación da figura do poeta dando testemuño da súa traxectoria vital, mais tamén ofrecer a súa persoal visión sobre o escritor e a súa obra. O debuxante vigués percorría os principais acontecementos vitais do Lois, a súa infancia en Monforte, a descuberta na adolescencia da música, da literatura, da banda deseñada. A decisión de ser poeta. Os ríspetos anos 80 en Madrid, a revista Loia e os primeiros poemas publicados, as drogas e o envelenamento por colza. A vida posterior, marcada pola enfermidade e a laboriosa escrita de versos ata o seu pasamento en 1996.

Mais o achegamento de Fernández Serrano é tamén creativo e radicalmente persoal, mesturando as vivencias de Lois con fragmentos da súa obra traducidos á linguaxe da banda deseñada: os seus poemas, o engaiolante ensaio Modesta proposición..., fragmentos da correspondencia que posteriormente sería publicada baixo o título Conversa ultramarina. Todo un reto que o debuxante vigués resolvía con elegancia e un sentido estético exquisito, deixando algunhas das mellores páxinas da súa carreira. A obra remata con Fernández fabulando sobre a vida ultraterrea dun Pereiro transformado xa en personaxe. É nese intre onde resultan máis recoñecibles as claves creativas do debuxante, que franquea a entrada do poeta ao seu persoal universo, deixando constancia dunha vontade de ir máis aló do puramente documental e buscar outra forma de veracidade.

Xurdida ao abeiro do Día das Letras Galegas, Lois Pereiro, breve encontro é calquera cousa menos unha obra conxuntural. É un lúcido diálogo entre cómic e literatura, un asoballante exercicio formal e sobre todo, o retrato admirado dun poeta por parte dun talentoso lector que tamén é debuxante. 

[Publicado orixinalmente en Metrópoles delirantes con ocasión do Día das Letras Galegas 2016]

Ningún comentario: