venres, xaneiro 13, 2006

Os segredos de Connaught Square

Image hosted by Photobucket.com

A literatura “de xénero” (ou con apelidos, como a chamaba Cela) sempre foi considerada menor. As obras de ciencia ficción, de xénero negro, mesmo as de aventuras, non digamos xa a literatura romántica, adoitaban ser minusvaloradas de seu, pola súa mera pertenza a cadanseu xénero. As cousas non teñen mudado excesivamente, malia que hai tempo que certos críticos e escritores asumiron o deber de dignificar certas obras e autores “de xénero”.

Así, cinguíndonos ó xénero policíaco, voces autorizadas teñen gabado notablemente o traballo de autoras coma Ruth Rendell, Patricia Cornwell ou P.D. James, por mencionar tan só ás que teño lido ata agora. E debo dicir que a miña modesta aproximación á obra destas escritoras (linlle unha novela a cada unha) rematou sempre en decepción. Se sempre se tratou de novelas ben escritas e con tramas resoltas de xeito máis ou menos eficaz, non é menos certo que en nengún caso atopei elementos trascendentes que permitisen cualificar as obras devanditas como algo mellor que entretidas.

E malia iso sigo coa miña (vagarosa) política de achegamento a este tipo de literatura, dende a idea de que, sendo como son consumidor habitual e entusiasta de cultura popular noutros eidos, debería ser capaz de atopar unha certa literatura de consumo cuio sabor me resultase igualmente satisfactorio.

Veño de rematar Os segredos de Connaught Square de Anne Perry, autora dunha serie de novelas de misterio ambientadas na Inglaterra victoriana e protagonizadas polo detective Thomas Pitt. Recoñezo que non ten demasiado sentido acometer a lectura dunha serie de novelas por un punto intermedio e escollido aleatoriamente. Se cadra iso explica algúns dos motivos polos que esta obra supuxo una nova decepción.

Os segredos... non é unha novela tan ben deseñada nen tan pulcramente redactada coma as que mencionaba anteriormente. Á trama, aparentemente ben documentada (¿e qué sei eu da Inglaterra victoriana e da descolonización de Exipto?), sóbralle tanto academicismo como emoción lle falta. O feito de deseñala como dúas investigacións que arrancan en contrapunto (Thomas Pitt por unha banda e a súa dona pola outra) para despóis xunguírense nunha réstalle verosimilitude. A viaxe a Exipto do protagonista, excepcional e significativa para a época, solvéntase coma unha excursión a Greenwich, sen que quede claro a súa función no argumento. Os personaxes carecen de calquera carisma, se cadra porque éste derivará do acontecido en novelas anteriores. Por último, o estilo literario da autora amosa evidentes limitacións, sendo o máis salientable o abuso dos diálogos: prácticamente o cen por cen da información relevante pasa por boca dos protagonistas; a novela podería entenderse lendo só os diálogos.

En suma, novela básica, lixeira e defectuosa en moitos sentidos. Terei que seguir buscando.

luns, xaneiro 09, 2006

Y, o último home: palabra clave

Image hosted by Photobucket.com

Agora que abundan as adaptacións do cómic ó cine, non deixa de resultarme estraño que non exista un proxecto para levar Y, o último home ó celuloide. Se atendemos tanto ós textos que se adaptan como ás películas que resultan, parece bastante obvio que a calidade non é unha preocupación fundamental para os que se adican a esta actividade. A serie creada por Brian K. Vaughan non só destaca polo seu nivel de excelencia, senón que ofrece unha estructura típicamente cinematográfica, o que facilitaría notablemente unha eventual adaptación. En calquera caso, só manifesto a miña curiosidade ó respecto; que tal adaptación se leve a cabo algún día é algo que non me preocupa en absoluto. A magnífica historia tecida por Vaughan, en colaboración esencialmente con Pia Guerra, merece aprecio de seu, independentemente de que chame ou non a atención dos productores de Hollywood.

Planeta ven de publicar o seu primeiro tomo desta serie, contendo os números 18 a 23 da serie orixinal americana (lembremos que os números anteriores foron publicados en tomos por Norma). Para quen non coñeza a serie, ésta parte dunha premisa de ciencia ficción clásica: a morte repentina e non explicada de todos os varóns e animais macho do planeta e a insólita supervivencia dun mozo chamado Yorick e o seu mono Ampersand. De aí arranca unha trama que leva ó protagonista a comezar unha viaxe cara a Australia, na procura da súa moza, e durante a cal se vai presentando a dificultosa reestructuración da sociedade (feminina) trala catástrofe.

O presente tomo recolle dous arcos argumentais. No primeiro, titulado Palabra clave, Yorick vese sometido por unha muller a un episodio de dominación sadomasoquista. Que se aproveite o incidente para afondar na personalidade de Yorick e extraer algunhas conclusións acerca da súa identidade (especialmente da súa identidade sexual) non deixa de semellar unha mera excusa. Prima, pola contra, a compoñente morbosa do encontro, sendo o arco un dos máis frouxos de toda a serie. Non así o segundo arco que contén o tomo, titulado O bloqueo das viúvas, no que Yorick reanuda a súa viaxe en compaña da axente 355 e a doutora Mann, e que ven a recuperar o interese habitual da serie.

Os tres primeiros números do tomo contan con Pia Guerra na parte gráfica. Esta artista debuxou prácticamente todos os números da serie desde o seu inicio ata este punto, sendo patente a súa evolución neste tempo. A un maior dominio da figura humana cómpre engadir unha notable mellora na expresión emocional dos rostros. Perdura, ainda así, o que é o seu defecto principal: o estatismo das figuras, a súa falta de vida e a dificultade para transmitir sensación de movemento. Os restantes números son debuxados por un discreto Goran Parlov, máis vistoso se cadra no retrato de personaxes, pero limitado no deseño de fondos e na súa capacidade narrativa.

Anque pareza unha contradicción, como seguidor entusiasta que son desta serie, o meu desexo fundamental é que chegue axiña á súa conclusión. E é que, se ata o de agora o nivel de calidade se mantivo, non deixa de ser certo que a prolongación excesiva de calquera historia tende a resultar negativa. E é evidente que esta trama non foi deseñada para durar eternamente. En calquera caso, eu xa estou desexando que Planeta siga coa publicación da serie.

martes, decembro 27, 2005

A xornada dun escrutador

Image hosted by Photobucket.com

Vaia por diante a miña sorpresa pola traducción do título. Eu coñecera de sempre esta obra de Italo Calvino como “A xornada dun interventor electoral”, pero a traducción de Ángel Sánchez-Gijón para a edición de Siruela que veño de ler (Madrid, 1999) emprega o termo “escrutador” (maís fiel ó “scrutatore” do orixinal itialiano) no canto de “interventor electoral” (máis próximo á terminoloxía do noso sistema electoral).

Penso que a historia de Amerigo Ormea e o seu periplo como interventor electoral no Cottolengo son ben coñecidos. A súa conducta durante o proceso electoral ven a demostrar que a profundidade das conviccións non conduce á rixidez nos actos, senón precisamente ó contrario: á relativización das certezas, á moderación nos xuizos e á sensatez nas decisións. A súa primeira reacción fronte a actuacións inequívocamente fraudulentas que van no perxuízo do partido que representa (o Partido Comunista) é a permisividade. Non quere discutir accións concretas porque cuestiona o conxunto da maquinaria, déixaas pasar baixo o pretexto de que “debemos impugnar toda a votación”. Máis adiante tomará algunhas iniciativas puntuais que serán aceptadas sen discusión polos restantes membros da mesa electoral. O creto gáñase con serenidade e moderación.

Pero alén do estrictamente político están as cuestións existenciais que se lle plantexan a Amerigo durante a súa estadía no Cottolengo. Cales son os límites da humanidade, a partires de qué punto un enfermo (físico, mental) pode considerarse humano, a partires de qué punto gaña ou perde os seus dereitos políticos, como ser útil sen caer na caridade. As súas dúbidas distánciano da conxuntura que vive e fan que a súa conducta sexa prudente, mesmo distraída.

Emocionalmente, Amerigo amósase como unha persoa indecisa e desconcertada. A súa fonda racionalidade desmóntase cando transitamos por este terreo, se cadra precisamente porque ésta deixa de ser un mapa fiable cando se abordan cuestións sentimentais.

Di Calvino que tardou perto de dez anos en elaborar este relato longo (ou novela curta) debido á proximidade temporal das experiencias persoais que deron lugar á idea da narración. E sen embargo a prosa do autor semella puramente casual, sinxela, mesmo descoidada nalgúns casos. A demora coa que a corrente principal da historia entra no relato demostra que ésta non é unha novela de feitos senón de ideas. Ideas que a día de hoxe teñen un arrecendo antigo, en boa medida condicionado pola admiración que cara esta obra profesa certa progresía que resultou non estar á altura de Amerigo Ormea. En calquera caso, trátase duna fermosa lectura, inzada de ideas para reflexionar e, sen dúbida, dun sólido punto de apoio ó que recurrir para fundamentar posturas persoais.

martes, decembro 20, 2005

O gabinete chinés

Image hosted by Photobucket.com

Teño a impresión de que os lectores nos resistimos a recoñecer que non entendemos algunha obra por medo a parecer parvos. A min non me queda outro remedio que asumir que non comprendín O gabinete chinés.

Debo matizar, a obra de Nancy Peña é plenamente comprensible no plano formal: o argumento está ben trazado e a execución gráfica resulta correcta. O gabinete chinés é unha historia de misterios, procuras e desencontros. Un mozo que abandona os seus estudos de mediciña e á súa noiva para investigar a pedra filosofal, un home que busca duplicar o seu amor de mocedade, un gabinete en cuias paredes poden verse reflectidas historias do pasado e do presente, unha casa laberíntica... Os presupostos son prometedores e aparecen proveitosamente envoltos nunha liña gráfica próxima á ilustración de contos infantiles. A conclusión da narración, aberta e un tanto críptica, resulta consecuente co tono onírico que preside todo o relato.

Pero, na miña opinión, o xogo de sombras que vale de vehículo á historia termina deixando acochado o sentido último da mesma, o seu propósito narrativo e, ó cabo, a intención da autora. Os ingredientes funcionan individualmente pero o conxunto non está á altura das expectativas creadas. Unha mágoa.

xoves, decembro 15, 2005

Os combates cotiáns

Image hosted by Photobucket.com

Hai en Os combates cotiáns, de Manu Larceret, unha aparente distancia entre a liña gráfica e a argumental. A historia céntrase na crise persoal e artística de Marco, na súa incapacidade para traballar e no seu medo ó compromiso. O tono revela unha certa tristura, ainda que deixa asomar momentos de humor. De aí que o estilo gráfico, decididamente caricaturesco e un tanto desleixado, dé lugar a un notable contraste. O conxunto resulta, nembargantes, homoxéneo e atinado, tendo moito que ver un coloreado básico pero eficaz, cun predominio dos tonos escuros.

Dende moitos pontos de vista, a obra pode ser indiscutible. O traballo de planificación resulta evidente, tanto na estructura da historia coma na súa plasmación gráfica, a trama desenvólvese cun ritmo pausado que lle acae ben á historia e, ó cabo, todo transmite unha sensación melancólica como supoño que era a pretensión do autor. Sen embargo, diría que alén da capacidade narrativa do autor, Os combates... é un cómic que non aporta nada. ¿Cantas historias sobre crises existenciais temos lido xa? ¿Cantas sobre mozos reacios ó compromiso co sexo oposto? A historia do veterano de guerra ¿recolle unha fonda reflexión ou simplemente un lugar común?

Os combates... gañou en 2004 o Premio ó Mellor Álbum do Festival de Angouleme, probablemente o máis prestixioso de Europa. Supoño que esta circunstancia resulta definitiva á hora de emitir un xuizo sobre a obra, tanto no positivo coma no negativo. É probable que, de non ter levado o premio, nunca me tería achegado a esta obra e case seguro que tardaría anos en coñecer ó seu autor. Agora, tamén é certo que un espera dun álbum premiado en Angouleme algo máis do que ofrece Os combates...

mércores, decembro 14, 2005

Lo más mejor de Tato

Image hosted by Photobucket.com

Teño a impresión de que as tiras de humor, que son probablemente a expresión máis popular do cómic, non se valoran na medida xusta. Á dificultade de resultar gracioso con cadencia diaria ou semanal engádense as claras limitacións que derivan do formato: apenas tres ou catro cadriños no caso das tiras diarias, unha páxina no caso das planchas semanais.

Existen autores que teñen sobradamente demostrada a súa mestría neste xénero. Na historia recente, un deses autores é, sen dúbida, Albert Monteys. Xurdido do colectivo La Penya e da revista Mondo Lirondo, este autor é coñecido hoxe polo seu traballo para El Jueves, ben polo seu personaxe Tato, ben pola súa colaboración con Manel Fontdevila en Para ti que eres joven.

Veño de ler o tomo Lo más mejor de Tato, que recopila algunhas das mellores planchas deste personaxe publicadas en El Jueves ó longo destes últimos anos. Como é habitual nestas compilacións, o máis interesante é contemplar a evolución da serie, tanto no aspecto gráfico coma no conceptual. Tato comezou como repartidor de pizzas, pero axiña ampliou o seu radio de acción, convertíndose na actualidade en víctima da precariedade laboral, dos contratos-lixo e da flexibilidade do mercado en xeral. Coa evolución foron xurdindo personaxes secundarios, entre os que destacan esas cascudas coas que comparte habitáculo. No aspecto gráfico percíbese unha evolución cara a un estilo máis sintético, así coma un maior dominio do sentido narrativo. O estilo de humor que exhibe o autor tamén experimenta variacións e, malia o predominio do sarcasmo e o sentido crítico, entendo que acada a súa mellor expresión canto máis tende ó surrealismo.

martes, decembro 13, 2005

A Costa dos Mosquitos

Image hosted by Photobucket.com

Hai xa unha chea de anos que vin a película A Costa dos Mosquitos (¿era de Peter Weir?), da que gardo un bó recordo. Lendo agora a novela de Paul Theroux na que se baseaba o filme non puiden resistirme a poñerlle ós personaxes a faciana dos actores que a interpetaban: Harrison Ford, River Phoenix e mesmo Martha Plimpton. É prácticamente todo o que lembro da película, as caras dos actores e algunhas ideas soltas sobre a trama, así que, por sorte, non podo entrar en comparanzas entre filme e novela.

A Costa dos Mosquitos é, esencialmente, a historia de Allie Fox, un home que comeza navegando contracorrente en Estados Unidos (renuncia a unha beca universitaria para traballar coas mans) e remata navegando literalmente contracorrente en Honduras. A extrema rebeldía de Fox non sería tan interesante se, dunha banda, non se vise acompañada pola súa innegable intelixencia e, doutra, se non arrastrase consigo a toda a súa familia. As súas análises son sempre excesivas, por máis que teñan sempre un certo fundamento; as súas respostas son, polo tanto, esaxeradas anque moitas veces o lector poda simpatizar con elas.

Desenganado por unha sociedade que, segundo el, se dirixe ó colapso, Fox abandona os USA coa súa familia e comeza unha nova vida na selva hondureña. Alí somete ó entorno a unha transformación á medida da súa forza racional: domestica a xungla, hixieniza o hábitat., crea un espazo habitable onde non parecía posible A comparación con Robinson Crusoe é obvia, por máis que o propio Fox enfatice as diferencias: el elexiu asentarse na súa illa e non quere fuxir dela. O proxecto de Fox neste primeiro intre materialízase nunha máquina que se vale de calor para crear xeo. O xeo, segundo Fox, é o parámetro da perfección nun clima tropical.

Pero este primeiro proxecto tórcese cando a máquina estoupa, contaminando o aire e especialmente o río que a alimentaba. Ainda que Fox non é totalmente responsable, os efectos son devastadores de máis para que non altere a súa conducta: renuncia a calquera ciencia que non sexa a mecánica básica, reúne á familia e condúcea río arriba (só os animais mortos seguen a corrente).

Por outra banda, cada vez vai sendo máis evidente ós ollos dos seus fillos que, cando os feitos teiman en non darlle a razón, Fox retorce a realidade ou sustitúea pola fantasía: as extravagancias van dando paso ó delirio, a dona e especialmente os fillos van perdendo a fe nel, as súas máximas son postas en dúbida. A historia remata coa morte de Fox que, malia ter chegado a un punto sen retorno, non se ve abandonado pola súa familia.

Como dicía, A Costa dos Mosquitos é, básicamente, Allie Fox, personaxe que a pesar de ser esencialmente metafórico, conserva unha certa humanidade. Non podo negar que me recoñecín en máis dun intre na súa figura, non tanto pola constante necesidade de ter a razón, coma polo irrefreable impulso de adoutrinar ó próximo.

venres, decembro 09, 2005

Queen & Country: Operación Bola de Cristal

Image hosted by Photobucket.com

Greg Rucka é un autor cunha longa traxectoria no mercado americano. Malia estar ben considerado pola crítica, non ten unha grande obra que o faga fácilmente identificable. É probable que a serie que agora nos ocupa, Queen & Country, sexa o seu traballo máis persoal e mesmo prestixioso, aínda que non se trata dunha obra de gran tirón popular. Queen & Country contén historias de espionaxe no sentido máis clásico do termo, aínda que na súa contextualización máis contemporánea, sendo Operación: Bola de Cristal o terceiro tomo recopilatorio que publica Norma.

O certo é que a lectura dos dous primeiros tomos deixárame algo decepcionado. As historias resultaban simplemente correctas, sobrepoñéndose o interese das tramas ó limitado labor dos debuxantes (Steve Rolston no primeiro tomo e Brian Hurtt, algo mellor, no segundo). En calquera caso, supoño que o meu desengano está tamén relacionado coas excelentes críticas da serie que lera previamente.

Rematado este terceiro volume, a miña opinión ten mudado considerablemente. É certo que a historia continúa o fío das anteriores, cunha trama principal centrada en asuntos de investigación terrorista por parte dos espías do M15, pero a entrada de argumentos secundarios, de contido emocional e mesmo sentimental dos protagonistas, dota ó conxunto dunha forza da que, na miña opinión, carecía ata agora. É probable que precisamente eses volumes previos cumprisen a función de asentar un escenario e uns personaxes que agora poden ser desenvolvidos en toda a súa complexidade. En conxunto, a obra xungue elementos de acción e intriga sobriamente expostos e protagonizados, agora si, por uns personaxes que comezan a apelar ás emocións do lector.

Mención especial merece o debuxante, Leandro Fernández, de orixe arxentina e con pouca experiencia previa. Nos escasos cinco capítulos de que consta Operación: Bola de Cristal, queda claro a comodidade con que se desenvolve este autor no branco e negro, valéndose dos xogos de sombras como recurso estético e narrativo. A súa reinterpretación física dos personaxes pode resultar sorprendente a primeira vista (tendencia á caricatura, unha Tara Chace máis voluptuosa, un John Crocker hiperexpresivo), pero encaixa perfectamente no tono da serie. A preocupación polas composicións de páxina é patente nas escenas de acción, dun dinamismo envexable, pero máis aínda nas sempre complicadas planchas que ilustran as conversas entre personaxes. Non me esquezo das portadas, dotadas dunha forza indiscutible e excelentes dende o punto de vista da composición.

En suma, un cómic excelente que debuxa unha traxectoria ascendente no contexto da colección e que dá a coñecer a un artista que haberá que seguir. O prezo de Norma, abusivo coma sempre.

mércores, decembro 07, 2005

Morrerei a medianoite

Image hosted by Photobucket.com
O prestixio de Kyle Baker baséase non só no seu indubidable talento, senón tamén na escaseza da súa obra. Trátase dun autor completo que, contando co recoñecemento da industria, pode permitirse o luxo de seleccionar entre os proxectos que se lle ofrecen aqueles que lle interesan, ademáis de adicarse ás súas propias obras

Morrerei a medianoite, o cómic que nos ocupa, é unha curiosa historia que transcurre nas últimas horas do 31 de decembro de 1999. Un desengano amoroso leva ó protagonista a inxerir unha sobredose de pílulas apenas uns minutos antes de que a súa amada apareza na porta disposta a retomar a relación. De aí en adiante, o protagonista tentará poñer remedio á súa tentativa suicida sen que a súa moza se decate.
Resulta evidente en Morrerei... o predominio da parte gráfica sobre a literaria. Dunha banda, os textos son deliberadamente escasos, descansando o peso da obra na traducción a imaxes da frenética actividade dun protagonista que lle imita notablemente a Nicholas Cage. Doutra, o habitual estilo caricaturesco do autor vese aquí enfatizado, na procura dunha máxima expresividade. Queda confirmada a inmensa capacidade narrativa do autor, capaz de conducir a ollada do lector pola páxina á mesma velocidade á que se move o protagonista. Polo demáis, ainda que a trama se resolve con eficacia, o conxunto non deixa de ser unha caste de exercicio de estilo (sen dúbida sería de extrema utilidade para debuxantes novéis), constituindo un traballo menor dentro da obra do seu autor.

venres, decembro 02, 2005

O Señor Jean: como quen oe chover

Image hosted by Photobucket.com

Resulta habitual no mundo do cómic que unha obra sexa o resultado da actividade creadora de dúas persoas, escritor e debuxante. Anque o perfecto deslinde de funcións entre un e outro non adoita ser doado (os debuxantes aportan frecuentemente ideas referidas á trama ou ós personaxes), en poucos casos existe unha compenetración tan fonda como a que demostran os franceses Dupuy e Berberian en cada obra que asinan conxuntamente. Álbumes coma os protagonizados polo seu personaxe máis popular, o Señor Jean, son escritos e debuxados por ambos en perfecta simbiose, sendo o resultado un exemplo de solidez e coherencia en todos os aspectos.

Acaba de sair ó mercado o quinto volume da serie do Señor Jean, que leva por título Como quen oe chover. Debo recoñecer que son un incondicional destes autores e da súa creación dende que, por casualidade, merquei o primeiro volume da serie anos atrás. Podo dicir que, dende entón, Dupuy e Berberian teñen consolidado o seu estilo e o tono da serie o cal, no seu caso, non implica inmobilismo ou reiteración, senón exactamente o contrario. Os autores recurren tomo tras tomo a recursos semellantes (por exemplo, eses soños cos que se lle presenta ó lector cómo o protagonista vai dixerindo o que lle acontece), o que crea situacións e gags recoñecibles polo lector habitual. Pero con cada entrega, o señor Jean vese obrigado a dar un paso cara diante, a medrar diante dos lectores que, ó rematar cada historia, perciben sempre unha certa evolución do personaxe.

Como é habitual cando as historias se prolongan no tempo, o elenco de secundarios vai medrando en importancia. Este tomo non é unha excepción, ainda que se nota a predilección dos autores por un dos personaxes en concreto (Félix, o eterno mellor amigo, o perpetuo desastre, o contrapunto cómico), ainda que sexa en detrimento doutros.

O certo é que, transcurrido o tempo e os capítulos, a calidade da serie non decae. Eu, dende logo, son incapaz de borrar o sorriso da cara mentres leo e cada vez que remato un volume espero ansioso que saia o seguinte.

O prezo de Norma, abusivo coma sempre.