venres, agosto 21, 2015

Elipses e sombras: Sombras chinesas

Cuimnhe: La deuda

Sete anos despois, cunha sensibilidade máis serena e acompañado por un suxestivo desenvolvemento gráfico de Pedro Villarejo, Kike Benlloch recupera o universo fantástico que creara para a novela gráfica Cuimnhe: El fuego distante.

Foi por volta de 2008, co colectivo Polaqia a atravesar o momento de madurez que precedeu á súa disolución, cando Kike Benlloch e José Domingo publicaron Cuimnhe: El fuego distante, unha novela gráfica de ambientación fantástica que sería o primeiro traballo extenso do autor que posteriormente acadaría sona internacional con Aventuras de un oficinista japonés. Paga a pena achegarse hoxe a aquelas páxinas que mostran a Domingo nun rexistro gráfico moi afastado do seu estilo actual pero cuxa narrativa, ambientación e caracterización de personaxes anunciaban xa a presenza dun debuxante de talento. Malia estar ambientado nun entorno de espada e bruxería, con criaturas míticas e animais que falan, o argumento concibido por Benlloch xiraba arredor de conceptos políticos e relixiosos, sobordando os límites da fantasía de pura evasión. A narración aparecía dividida abruptamente en dúas partes que case podían lerse de forma independente e que lle conferían ao conxunto un aquel episódico. Como adoita acontecer coas historias de Benlloch, o percorrido do relato non chegaba a consumir o potencial dos personaxes e no mundo imaxinado polo escritor coruñés enxergábanse aínda fronteiras por explorar. Había espazo para máis historias pero ben poderían non terse contado nunca.

Non foi así. Hai poucas semanas Benlloch presentaba Cuimnhe: La deuda, un pequeno comic-book coidadosamente autoeditado que engade un novo capítulo á biografía do personaxe. En apenas dezaseis páxinas, La deuda explora simultaneamente a mocidade e a madurez de Cuimnhe, sustentándose nos elementos orientais presentes xa no volume precedente. A espiritualidade e habelencia coa espada da protagonista achegábana á figura do samurai, ao que se engade agora un argumento que xira en torno a conceptos como a honra ou o sentido do deber. A épica e a aventura deixan paso a un relato máis pausado, sen elementos fantásticos relevantes e que pretende ante todo perfilar o carácter do personaxe principal. Sen grandilocuencia nin efectismos, Benlloch fai discorrer en paralelo as dúas liñas temporais ata que se pechan dunha forma natural.

Non se pode pasar por alto a decisiva contribución de Pedro Villarejo, debuxante de trazo rexo e pouco dado ao ornamento co que Benlloch colaborara xa en Anónimo e que tiña ante si o difícil reto de substituír a Domingo. Segundo el mesmo confesou, ningún dos deseños preliminares do personaxe lle resultaba convincente e só se sentiu capaz de debuxar a historia cando se lle ocorreu imitar a aparencia dos teatros de sombras chinesas, siluetas negras que se proxectan sobre un fondo máis claro. A solución engaiola non só pola súa sinxeleza e encanto, senón pola perfección con que recolle e potencia o espírito do relato.

Con Cuimnhe: La deuda Benlloch e Villarejo engaden unha elegante coda ao relato orixinal. Tería atopado acubillo un cómic destas características nunha editorial convencional? Dificilmente. Hai xa tempo que a autoedición deixou de considerarse un paso previo á edición convencional para xustificarse coma un fin en si mesmo. A liberdade creativa e o control dos autores sobre o produto final son algúns dos motivos que explican o auxe actual desta corrente e traballos coma o que nos ocupa ofrecen unha boa mostra das súas posibilidades.

martes, agosto 11, 2015

Xente que fuma en pipa: Críticos e divulgadores de cómic











Os organizadores do Autobán, minifestival dedicado á autoedición e o cómic de autor que celebra a súa segunda edición, tiveron a amabilidade de convidarme a participar nunha das mesas redondas que forman parte do seu excelente programa para este ano e que leva por título Xente que fuma en pipa: Críticos e divulgadores de cómic. A cita será o sábado 15 ás 17:00 no bar La Maleta da Coruña e alí estarán tamén Octavio Beares (Faro de Vigo, CuCo, Vigo·é, Serie de Viñetas...), Bruno Lorenzo (Vivir na Coruña, Esperando a Godot, Cómic Digital) e Manu Barreiro (Metrópoles Delirantes), con Óscar Iglesias Urbanoscar coma moderador. Será un pracer conversar con eles e tamén con todos os que queirades achegarvos.

xoves, agosto 06, 2015

Esenciais ACDCómic - Primeiro trimestre de 2015














Se as listaxes de Esenciais de ACDCómic sempre adoitan vir inzadas de lecturas gorentosas, a colleita do primeiro trimestre deste ano paréceme especialmente vizosa. Nela atopamos o primeiro tomo da imprescindible compilación da obra completa de Julie Doucet, artista irrepetible escasamente coñecida e apenas editada entre nós ata agora; a nova e moi inspirada achega do universo de Jaime Hernández; a conclusión da triloxía de NitNit de Charles Burns, que afía de novo as arestas das súas claves creativas; o humor eviscerante e suburbial de Kaz; o enxeño metaliterario de Tom Gauld... Ata vintecinco títulos diversos en estilos e pretensións, mais todos eles interesantes e valiosos.

venres, xullo 31, 2015

El escultor

























Scott McCloud é coñecido sobre todo como teórico polo seu célebre ensaio Entender o cómic (Rinoceronte, 2011) e tamén, en menor medida, polas monografías que o seguiron, La revolución de los cómics (Norma, 2001) e Hacer cómics: secretos narrativos del cómic, el manga y la novela gráfica (Astiberri, 2007). No eido da ficción o seu traballo máis relevante é Zot! (Astiberri, 2009), unha serie de cómic-books a cabalo entre os superheroes e a ciencia ficción que o autor publicou cara finais dos anos 80, unha obra fresca e renovadora que conseguiu chamar a atención crítica no seu día, que foi premiada e que se reedita frecuentemente, pero tamén un traballo que ten xa vintecinco anos e no que resultan ben visibles as marcas da súa orixe como produto de vocación popular: o carácter seriado, o xénero. Un ten a impresión (indemostrable, coma todos os xuízos de intencións) de que a vontade que move a Scott McCloud a crear El escultor (Planeta, 2015) é a de consagrarse coma autor de ficción cun traballo que reúna as características do tipo de obras que na actualidade proporcionan respectabilidade e prestixio aos autores de BD, as denominadas novelas gráficas, volumes unitarios e autoconclusivos orientados a lectores adultos. El escultor é un relato longo que aborda temas existenciais clásicos (a vida, a morte, o amor) cunha clara vocación de transcendencia. Trátase en esencia dun traballo con pretensións, que transpira o desexo do seu autor de crear unha obra complexa, profunda e perdurable.

Como é sabido, El escultor recupera o pacto de Fausto, desta volta cun mozo ao que se lle ofrece a oportunidade de relanzar a súa carreira artística a cambio de prolongar a súa vida só durante douscentos días máis. Unha criatura sobrenatural agochada baixo a aparencia dun parente concédelle a David Smith a facultade de moldear a materia coas súas mans ao seu antollo, o que le permitirá crear esculturas inverosímiles. Mais iso non abonda, xa que o artista deberá decidir o que quere facer con ese talento, que obras crear e, por tanto, esclarecer as súas prioridades, dilucidar se pretende triunfar e reafirmarse fronte o público ou crear unha obra artisticamente relevante alén de consideracións alleas. Na metade do proceso, Smith coñecerá a Meg, unha rapaza da que se namorará de forma instantánea, que será a súa inspiración pero que tamén alterará o significado do seu pacto ao proporcionarlle un novo motivo para seguir vivo.

Xa que logo, McCloud sitúa na cerna do seu relato o misterio da creación artística, a vida, a morte e o amor. Case nada. E a pouco que se afonde abrollan outros temas non menos transcendentes, coma a amizade ou a familia. El escultor é unha obra explicitamente ambiciosa, mais non é a ambición (lexítima e mesmo positiva) o problema de McCloud. O seu problema é estar ao nivel das súas propias pretensións. Cómpre moita confianza nas propias facultades para abordar temas coma os sinalados, complexos, existenciais e sobre os que as figuras privilexiadas do pensamento e a creación teñen feito achegas decisivas. Un debe ter algo que ofrecer se elixe ese camiño. De aí que o máis sorprendente de El escultor resulte ser o contraste entre o alto que apunta o autor e o baixo que dispara ou, dito doutro xeito, o pouco de substancial que McCloud ten que dicir sobre os asuntos que el mesmo propón.

A recuperación do pacto faustiano como premisa da obra resulta ben significativa. Por unha banda, temos unha apelación directa e facilmente recoñecible a un mito fundacional da cultura occidental que deixou enunciado un dilema esencial da condición humana. Mais estamos tamén perante un tropo narrativo que ten sido reproducido ad nauseam, explotado e mesmo parodiado ata ficar reducido a pouco máis que un clixé. McCloud escolle unha referencia de prestixio que se converteu xa nun tópico manido. A cal dos dous extremos se achegará máis a súa obra?


David Smith, protagonista do relato, é pouco máis que o prototipo de mozo amouchado coa agravante de bloqueo creativo que vai redefinir a súa existencia tras a coñecer a Meg, unha manic pixie dream girl de manual. Riquiña e unha miga excéntrica, vital pero tamén vulnerable, Meg dará un sentido novo á vida de David, transformará os seus puntos de vista e inspirará o seu labor artístico. Non é iso o que fan as MPDGs? É moi difícil facerlle xustiza a Goethe coas estruturas dunha comedia romántica de Hollywood.

Non menos estereotipadas son as posicións intelectuais que o autor mantén no relato. Resulta sumamente revelador que McCloud recorra a Jeff Koons para exemplificar a tensión entre valor artístico e prezo de mercado e, máis aínda, que as consideracións que pon en boca dos seus personaxes sexan os lugares comúns que alguén coma min, que o ignora todo sobre escultura, escoitou xa mil veces. Isto que podería parecer anecdótico define perfectamente a lixeireza analítica que o autor exhibe en toda a obra. McCloud porfía en falar da arte, a vida a morte e o amor, pero sen ser quen aportar nada que non sexan ideas superficiais. O ton solemne e un dramatismo que chega a resultar exasperante non fan senón destacar máis as súas carencias.

A obra conta cun desenvolvemento narrativo notable. McCloud fai un claro esforzo por sobreporse á que semella ser a súa tendencia natural cara as formas simples e caricaturescas, e mantén o debuxo dentro das coordenadas dun acabado realista que lle acae mellor ás características do relato. O seu trazo fino e a preeminencia do branco sen apenas sombras sitúano no ronsel da denominada liña clara americana (Adrian Tomine, Chester Brown, Gabrielle Bell...). E aínda sendo o apartado gráfico o mellor que McCloud ten que ofrecer, tropeza na trama que el mesmo deseñou, que o obriga a algo practicamente imposible: representar con verosimilitude esculturas que o lector identifique como inequivocamente sublimes. Non é que non o consiga, é que está moi lonxe de facelo.

El escultor expresa, na miña opinión, un enorme fallo de cálculo. McCloud pretendeu reivindicarse como creador de ficción cunha obra profunda e valiosa sobre asuntos esenciais da natureza humana, pero os resultados indican que carece de orixinalidade na ollada e sutileza na expresión. Apostou forte. Son dos que pensan que perdeu claramente.

mércores, xullo 29, 2015

Elipses e sombras: Fagamos croquetas coa momia de Stalin

A deserción de Stalin

O debuxante Tomás Guerrero debuta como historietista con A deserción de Stalin, unha dexeneración festiva dos relatos de espías coa figura de Stalin na súa cerna.

É probable que ningunha etapa da humanidade teña sido tan retratada dende a ficción coma o pasado século XX. Son innumerables as novelas, películas, series de TV e cómics que se teñen achegado a eventos como as dúas Guerras Mundiais, a posterior Guerra Fría, Vietnam ou a Guerra Civil española, en ocasións con vocación de recreación histórica ou ánimo divulgativo, outras veces coma simple pano de fondo no que se desenvolve un relato doutra natureza. Tamén as principais figuras históricas relacionadas con eses eventos se teñen convertido en presenzas habituais dos relatos de ficción, retratados con rigor nuns casos, caricaturizados noutros. Un caso paradigmático sería o de Adolf Hitler, personaxe sobreexplotado por ficcións de toda natureza ata rematar por converterse en pouco máis que un arquetipo de vilán, a encarnación do mal absoluto. E, sen chegar a eses extremos, algo semellante podemos dicir da URSS e os seus grandes líderes, tantas veces erixidos en rivais das figuras heroicas que a día de hoxe resulta difícil discernir se o que sabemos deles conta con algún fundamento real ou é puro tópico.

Esta disolución dos perfís reais de personaxes e eventos históricos nun magma de tópicos narrativos explica unha obra como A deserción de Stalin (Demo, 2015) de Tomás Guerrero, ilustrador e creador gráfico cunha longa experiencia no eido da animación que debuta agora na banda deseñada. Ambientado na Guerra Fría, o relato revela a existencia dun plan para “extraer” a Stalin da Unión Soviética e transportalo en autoxiro ao Canadá francófono. Se a alguén lle soa extravagante está no certo. Guerrero retorce os lugares comúns das ficcións de espionaxe, cos seus moi británicos servizos de intelixencia, segredos inconfesables e plans conspirativos, ata compoñer un disparatado exercicio de estilo que se vale das ocorrencias máis delirantes para reconstruír unha figura histórica esnaquizada.

Que sabiamos realmente de Stalin?”, pregúntase o narrador, un ex-espía británico membro do exclusivo club coñecido como “The Last Gentlemen of the Cold War”. “Tiñamos miles de fichas, metros e metros de película con imaxes borrosas ou pouco nítidas, centos de miles de páxinas realizadas polos nosos mellores técnicos e analistas. Pero quen era realmente “pai”, a xulgar polas últimas novas? Un monicreque, un tolo, un monstro?”. Esa podería ser a pregunta que o autor traslada ao lector: quen era Stalin, que hai de certo no que sabemos del? O exceso de información é ruído. Esmagado polo peso dos innumerables retratos que se lle teñen feito, o Stalin real, de existir, está en paradoiro descoñecido. Guerrero opta pola festa e retrata un Stalin pop e mutante, que o mesmo se nos mostra coma un autócrata cruel que coma un cinéfago compulsivo. Stalin-Frankenstein, Stalin-cowboy, Stalin-Dorothy, Stalin-Gene Kelly... O ditador converteuse nunha boneca Barbie, un manequín que podemos vestir como queiramos.

A mediados dos 80, Suso de Toro convidábanos a facer croquetas coa momia de Castelao. Aquel era un berro provocador xurdido dunha obra, Polaroid, que pretendía abanear os piares que sostiñan a literatura galega ata entón. Tomás Guerrero convídanos tamén a facer croquetas, desta volta coa momia de Stalin, pero a falta doutro contexto que o xustifique, a súa proposta fica coma un exercicio de humor iconoclasta. Ironía e xogo a costa dos vellos fantasmas da URSS.

sábado, xullo 18, 2015

Qadriños: As mulleres invaden as Viñetas, etc.











Achéganse as Viñetas desde o Atlántico 2015 e con elas visitarán A Coruña un feixe de convidados selectos. Sucede que cinco deles, a metade máis un(ha), maioría absoluta, son mulleres. Por que tantas mulleres? Será unha "edición especial"? Corrección política, un capricho? Haberá outro motivo? Ten que haber un motivo? Sobre estas cuestións e a propósito do chío de Natacha Bustos que sobrevoa estas liñas escribo en Qadriños.

martes, xuño 30, 2015

Sr. Esperanza




















Nos últimos anos veñen agromando na escena da banda deseñada pequenas editoras cuxo labor está a mudar a paisaxe das nosas librarías. Sen os medios das grandes compañías, adoitan apostar por autores aínda por descubrir entre nós ou por figuras e obras esquecidas. Dende fóra, un ten a impresión de que non se guían por criterios comerciais senón que practican unha economía de subsistencia, que considera publicar un fin en si mesmo polo que o único obxectivo económico é manterse con vida. Ademais de estaren perfectamente traducidos e corrixidos, os seus libros adoitan ser obxectos fermosos, que emanan respecto polo autor, o lector e o medio.

Sr. Esperanza, obra do historietista finlandés Tommi Musturi que acaba de publicar a editorial extremeña Aristas Martínez, constitúe un novo exemplo do que estou a falar. O título recolle nun único volume cinco libros publicados orixinalmente de forma independente que forman parte dun mesmo ciclo denominado polo seu autor Toivon kirja, os libros da esperanza. Todos eles teñen como protagonistas a unha parella de anciáns que viven nun entorno rural e recollen algunhas das súas vivencias, pero tamén e sobre todo, as  sensacións, reflexións, sentimentos e ideas que experimentan no tramo final das súas vidas. A proximidade da morte está presente en toda a obra, implícita ou explicitamente, e tamén a vellez entendida coma perda de facultades, dexeneración, frustración de desexos. Hai medo e tristura, mais tamén un humor melancólico e por momentos absurdo. De cando en cando agroman con forza as ganas de vivir ou o amor (nun sentido cotián, nada sentimentaloide) cara a parella. O conxunto da obra é coma unha sucesión de haikus de fondo existencial, uns lúcidos, outros indescifrables. A beleza do debuxo de Musturi acompaña todo o relato ata erguerse coma unha parte esencial da mensaxe. A coidadosa edición de Aristas Martínez multiplica os seus efectos.

Confeso que non coñecía a Musturi, autor que seica goza dunha certa sona no seu país natal e cuxa obra foi traducida xa a varios idiomas, como descoñezo practicamente todo do que se move nos países nórdicos no que á BD atinxe, se exceptuamos o caso do noruegués Jason, autor que conta cun extenso número de títulos publicados entre nós. Obras coma esta non só nos descobren un autor novo, senón que demostran que o que nos chega é unha parte ínfima de todo o que paga a pena e agarda por nós aí fóra.

luns, xuño 22, 2015

El árabe del futuro. Una juventud en Oriente Medio (1978-1984)

Duns anos para acó Occidente descobre Oriente a través da banda deseñada. É moi probable que o éxito de determinados produtos resultara esencial para consolidar unha tendencia creativa que desembocaría en algo que poderiamos considerar un subxénero, de límites algo difusos, mais con rasgos recoñecibles. Obras que recollen vivencias normalmente en primeira persoa e na súa maioría cunha compoñente real, por seren de tipo documental ou autobiográfico. Traballos nos que se presenta ao lector occidental (europeo, norteamericano) a realidade de países afastados xeográfica pero sobre todo culturalmente, países orientais cos que estamos familiarizados polos telexornais, pero de cuxa historia e realidade cotiá adoitamos coñecer pouco. Palestina, Notas al pie de Gaza, Shenzen, Pyongyang, Crónicas birmanas, Crónicas de Jerusalén, Persépole, El coche de Intisar, Nylon Road, Sonrisas de Bombay, Donde la tierra arde... A lista é realmente interminable. Como é natural, dentro desta familia de títulos atopamos de todo, obras salientables e de influenza indiscutible canda outras máis discretas. Non prexulgo a valía das obras, resalto as súas coincidencias. En concreto, o xogo de olladas de todos eles resulta ben semellante: quen observa e quen é observado, que se mostra e a quen. O observador é sempre un enviado de Occidente, aínda que en ocasións teña a súa orixe persoal ou familiar na cultura que se nos mostra. Entre os propósitos da obra sempre se atopa o de axudar ao lector a coñecer e comprender a realidade dos países nos que a obra en cuestión transcorre. 

A partires diso, que coido que está aí e é máis ou menos tanxible, o meu cerebro quere intuír unha caste de paternalismo neocolonial que transforma a complexidade de determinadas realidades culturais que nos son alleas nun produto  apto para o consumo en Occidente. Unha caste de zoolóxico cultural no que contemplamos mundos exóticos cuxas carencias tanxibles ou intanxibles nos reconfortan e reconcilian co noso propio modelo social. Supoño que se trata dalgún tipo de malia conciencia occidental que me fai achegarme con precaución a este tipo de obras, co detector de indicios de superioridade cultural, condescendencia ou visión folclorizante activado.O cal non quere dicir que desprece as obras que mencionei máis arriba. Ao contrario, gosto de moitas delas e outras parécenme títulos imprescindibles da BD recente, tal como teño deixado por escrito neste blog. Hainas tamén que me parecen mediocres ou malas, como é normal. Pero confeso que a miña actitude de aproximación é sempre desconfiada.

E así chegamos a El árabe del futuro (Salamandra, 2015), o máis recente traballo de Riad Sattouf, obra que mereceu a Fauve d'Or na edición de 2015 do Festival de Angoulême e que se sitúa no ronsel das obras mencionadas anterioremente. Coma o propio subtítulo anuncia, estamos perante un relato autobiográfico no que o autor lembra os seis primeiros anos da súa vida, que pasou entre Francia, Libia e Siria. As vivencias da súa familia válenlle a Sattouf para ofrecernos unha imaxe da situación dos inmigrantes de Oriente Próximo na Francia de finais dos 70 e tamén para achegarnos á realidade de dous Estados que deron que falar naquel tempo (e aínda hoxe), a Libia de Muamar el Gadafi e a Siria de Hafez al-Asad, pai e predecesor do tristemente célebre Bashar al-Asad. No relato brilla con luz propia a figura do pai de Sattouf, Abdel-Razak, sirio de nacemento, de familia humilde e que foi quen de progresar grazas a uns estudos que remataría en Francia, na Universidade de Sorbonne. Sattouf retrata o seu pai coma unha persoa de principios, comprometida cunhas orixes que el mesmo extende máis aló do seu país ata abranguer todo o mundo árabe. Casado cunha francesa, a nai de Sattouf, Abdel-Razak renuncia a ficar en Francia, onde podería levar unha vida acomodada, e prefire aceptar un posto de profesor universitario en Libia primeiro e Siria despois. O retrato que Sattouf ofrece de ambos países coincide no esencial: falta de liberdades, culto á personalidade do líder, propaganda e ocultación no político, miseria extrema no social.


O retorno á terra pon de manifesto algúns aspectos contraditorios da personalidade do pai. Malia ser un home intelixente e culto, Abdel-Razak revélase incapaz de poñer en cuestión a propaganda do poder, tanto en Libia coma en Siria, ao tempo que acepta tradicións culturais ou relixiosas aparentemente incompatibles co seu pensamento avanzado. A súa morriña e o seu desexo dun futuro mellor para o mundo árabe tradúcense nunha inxenuidade case infantil, que naturaliza o que a ollos do lector occidental resulta estraño ou cuestionable. Son as vivencias do pequeno Sattouf as que revelan a violencia cultural, un antisemitismo exacerbado ou a flagrante subordinación da muller. Velaí unha sorprendente eiva do relato, a inexplicable ausencia da nai, personaxe que se nos mostra difuminado, case inexistente. Situada nun segundo plano, sen escoitarmos a súa voz máis que en ocasións contadas, somos incapaces de averiguar como viviu unha muller coma ela, nacida e formada en Francia, o seu periplo por Oriente Próximo. É ela quen máis debeu de padeceu o choque cultural e, polo tanto, correspoderíalle a ela revelar a realidade que o pai non percibe. Sen embargo, Sattouf non só se nega a concederlle a palabra, senón que en ningún momento tenta ollar cos seus ollos e aventurar como viviu ela a situación.

Coma en toda a súa obra previa, Sattouf recorre constantemente ao humor, que neste caso permite restarlle dramatismo ao relato. Mais se o humor de El árabe del futuro resulta menos vitriólico e mordaz que o que atopamos noutros traballos seus como Pascal Brutal, algo semellante acontece co seu debuxo, de perfís máis doces que en traballos precedentes. A obra goza da forza da veracidade, mais fáltalle a aspereza que caracterizou sempre ao seu creador, o humor absurdo, ríspeto, a complicidade co lector. Sóbralle literalidade, fáltalle alma. Esixencias do relato ou concesións para aspirar a un público maioritario, tanto ten. 

xoves, xuño 18, 2015

Elipses e sombras: Un xogo de apócrifos

El infierno del dibujante

El infierno del dibujante, o traballo máis recente de Kiko da Silva e obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2014, é un sentido tributo a algúns dos autores e personaxes máis célebres da banda deseñada mundial, ademais dunha labiríntica reflexión sobre o fracaso creativo e os límites da autoría.
 
Foi cara finais da década dos 90 cando comezaron a darse a coñecer os autores que hoxe, na súa plenitude creativa, conforman a imaxe máis visible da banda deseñada galega: Emma Ríos, Kike Benlloch, David Rubín, Manel Cráneo. Tamén Kiko da Silva, que naqueles anos comezaba a ser premiado en certames de BD e ilustración mentres revistas como a efémera La Carallada publicaban os seus primeiros cadriños. Sen embargo, aínda pertencendo á mesma xeración que os autores mencionados, Da Silva seguiu sempre unha traxectoria de seu ata acadar a posición singular que hoxe ocupa no sistema cultural galego. A súa actitude inconformista fronte as limitacións que padece a banda deseñada (falta de espazos de visibilización, falta de cabeceiras de vocación popular ou dirixidas aos lectores máis novos, inexistencia dunha orientación profesional acaída para os novos creadores) e o seu carácter activo e emprendedor levárono a promover publicacións como a revista BD Banda, a cabeceira satírica Retranca ou a revista infantil Fiz, a exercer coma editor no selo BD da editora Factoría K ou, máis recentemente, a fundar e dirixir “O Garaxe Hermético”, a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada de Galicia. No estritamente artístico, case toda a súa produción está composta por achegas a cabeceiras esenciais do cómic galego (Golfiño, BD Banda, Retranca), español (El Jueves, Míster K) e mesmo internacional (Spirou), ademais de ter traballado como humorista gráfico en prensa e como ilustrador de libros dirixidos aos lectores máis novos. Velaí outra particularidade da súa traxectoria, a inexistencia ata agora de títulos monográficos significativos na súa obra. E de aí tamén o interese da recente aparición de El infierno del dibujante, que pasa a ser o seu primeiro traballo concibido e creado para ser editado en formato unitario.

El infierno del dibujante, título co que Da Silva resultou merecedor do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2014, contén o relato dunha frustración interminable, a do historietista septuaxenario Manuel Pardo, que ao longo da súa vida contemplou unha e outra vez como outros explotaban as súas ideas máis brillantes. Rompetechos, 13 Rue del Percebe, Asterix, Mafalda ou Calvin e Hobbes, estas e outras obras mestras da banda deseñada existiron na mente de Manuel Pardo antes que en ningún outro sitio. Mais chegou sempre tarde, outros buliron máis e popularizaron as súas creacións, levaron a sona. Ou cando menos iso é o que el sostén, porque os feitos, narrados en primeira persoa, non só resultan dificilmente cribles, senón que parecen estar ao servizo dunha intención exculpatoria, a de xustificar o fracaso creativo deste debuxante sen obra. Manuel Pardo é un narrador autoindulxente e por tanto sospeitoso, pouco fiable. O lector debería desconfiar.

Neste argumento de eco borgiano Da Silva atopa o pretexto para facer unha homenaxe a algúns dos personaxes máis icónicos da banda deseñada mundial e os seus creadores. A versatilidade do seu debuxo e a súa capacidade para imitar estilos, da que xa ten deixado mostras na súa obra previa, permítenlle propoñer dobres convincentes dalgúns dos personaxes máis coñecidos que ten dado a banda deseñada. El infierno del dibujante é en esencia un xogo de referencias cunha virtude notable, a de resultar apto para calquera lector dada a popularidade da maior parte dos referentes elixidos. Hai tamén citas a autores menos coñecidos coma Paco Roca (o título e a portada do álbum, ademais dalgunhas páxinas interiores, sinalan directamente cara o historietista valenciano, un valor en alza da novela gráfica española recente, pero que non alcanza aínda a sona mundial de Quino ou Goscinny), Germán García (un bartleby da historieta, debuxante de talento que chegou a triunfar no mercado norteamericano para despois abandonar o mundo do cómic) ou Lewis Trondheim (figura ineludible da BD francesa actual), cos que Da Silva semella querer ampliar o marco referencial da súa obra ou se cadra compracer os lectores máis eruditos.

Pero ademais de celebrar as grandes figuras da banda deseñada, a ollada de Da Silva reflicte tamén un pouso amargo, o do creador que goza pero tamén sofre co xenio alleo. Ademais de referentes creativos e fontes de inspiración, os clásicos poden chegar a ser presenzas molestas. A grandeza das súas obras empequenécenos, os seus achados limítannos, a imposibilidade de acadar a súa altura frústranos. A historia de Manuel Pardo pode entenderse coma unha protesta da persoa común contra a forza asoballante do xenio. Tamén coma un subterfuxio infantil, unha escusa pouco verosímil para non recoñecer as propias limitacións.

El infierno del dibujante provocará sorrisos cómplices naqueles lectores que acepten o xogo de chiscadelas e autorías cruzadas que se lles propón. Os sobreentendidos, a conivencia entre autor e lector resultan imprescindibles nos metarrelatos e ficcións do eu. Porén, malia que o artificio gráfico sexa parte fundamental da obra e chame a atención constantemente sobre o labor do debuxante, este remata por ser o grande ausente. Por obvias esixencias do guión, Da Silva aparece sempre camuflado baixo estilos alleos, sen apenas oportunidade para deixar constancia da súa propia personalidade artística. Neste xogo de apócrifos o autor agochado non é Manuel Pardo senón el mesmo, se é que ambos non son a mesma persoa.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 17 de xuño de 2015]

xoves, xuño 11, 2015

Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2014

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Xa está dispoñible na web de ACDCómic o listado de obras seleccionadas coma “esenciais” correspondentes ao segundo semestre do ano pasado. Vintecinco novidades, cinco clásicos, cinco obras para os lectores máis novos e tres obras dixitais, unha escolma ampla e diversa que, coma sempre, pretende ser ante todo un convite á lectura. Nesta ligazón pode lerse ademais o moito que teñen escrito os membros da asociación sobre os títulos seleccionados.