martes, marzo 22, 2016

Elipses e sombras: Un heroe romántico

Paciencia

O novo traballo de Daniel Clowes é unha historia de amor romántico que se desenvolve nun aparatoso decorado de ciencia ficción.

Nun dos momentos de maior tensión dramática do Superman de Richard Donner, primeiro filme no que o Home de Aceiro era interpretado polo adónico Christopher Reeve, a xornalista Lois Lane atopaba unha morte cruel ao quedar atrapada no seu coche e ser arrollada por un encoro desbordado. Cun cabreo notable, o superheroe kryptoniano retrocedía no tempo para poder rescatar ao seu “interese romántico”, nunha escena que resultaría polémica tanto polo discutible rigor científico da técnica empregada (inverter o sentido de rotación da Terra) como por suxerir que Superman podía remediar por esta vía calquera fatalidade que puidera acontecer. Sexa como for, a idea de alterar o curso da historia por amor permítenos establecer un misterioso vínculo entre dúas obras tan distantes como o Superman de Donner e Paciencia, o novo traballo do historietista norteamericano Daniel Clowes.

A partires duns inicios vinculados ao underground e a autoedición, Daniel Clowes foi desenvolvendo unha carreira marcada por unhas claves artísticas intensamente persoais ata converterse nunha das figuras máis relevantes do cómic norteamericano actual. Dende uns primeiros títulos marcados polo absurdo e o gusto polo grotesco, Clowes foi evolucionando cara un costumismo amargo, menos estridente no formal pero igualmente cáustico no fondo. Os seus personaxes son sempre erros do sistema, o refugallo que a sociedade sitúa nas marxes ao non poder asimilalos. O seu resentimento convérteos en seres antipáticos e amargados capaces de poñer a proba a calquera lector disposto a compadecelos.

Malia seren tamén uns inadaptados, Jack e Paciencia están entre os personaxes máis riquiños concibidos por Clowes. Os protagonistas de Paciencia fracasaron nas súas pretensións vitais e chegan á idade adulta coas maletas ben cargadas de traumas. Pero están namorados, téñense o un ao outro e a súa historia de amor é tamén un valado que os protexe do mundo. O asasinato de Paciencia estragará a única oportunidade que ambos tiñan de levar unha vida normal e deixa a Jack de novo á intemperie. Clowes confírmao transportándonos ata 2029, onde o atopamos endurecido e neurótico, obsesionado polo asasinato acontecido dezasete anos atrás. É entón cando o autor impón un desvío, introducindo unha viaxe no tempo que lle concede a Jack a oportunidade de descubrir quen matou a súa parella e mesmo de impedir o asasinato. O que principiaba como un relato de xente común tipicamente clowesiano transfórmase de súpeto nun relato de ciencia ficción alucinada, nun xogo de códigos narrativos semellante ao que o autor ensaiara noutro dos seus títulos máis notables, El rayo mortal.

Aquí es donde comienza mi historia”, di Jack cando atopa o cadáver de Paciencia. E é certo, coa destrución da súa historia de amor a súa vida adquire un propósito, salvar a súa parella, pero tamén salvarse a si mesmo, reconstruíndo o único lugar onde podía levar unha vida normal. Jack convértese nun Superman cabreado que pretende cambiar o curso da historia, un Drácula disposto a “atravesar océanos de tempo” para atopar a súa amada. Soterrado baixo unha grosa codia de ciencia ficción atopamos un amor de bolero. Ao seu xeito, Jack é un heroe romántico, un home que se nega a aceptar o inevitable e decide mudar o que xa pasou. Malia a estridencia do grafismo e o desapiadado retrato social que contén, Paciencia non deixa de ser un relato cargado de esperanza e iso si supón unha novidade nun autor que ata agora apenas se deixara ver fóra do círculo de seguridade que proporciona a ironía. Clowes mantense fiel a si mesmo mais, lonxe de repetirse, somete as súas claves creativas a unha nova volta de rosca, asinando un dos mellores traballos da súa notable carreira.

sábado, marzo 19, 2016

Todo va bien

























Alberto Madrigal, cuxo nome comezara a soar tras o seu debut Un trabajo de verdad (Norma, 2014), regresa con Todo va bien (Norma, 2016), obra que pretende ser unha fotografía do momento que está a atravesar un determinado sector da mocidade europea. Ambientada en Berlín, a obra debulla as dificultades dun grupo de mozos para acadar a autonomía en medio da actual crise económica. O autor presenta dúas alternativas: a de Sara, que ten un proxecto de negocio peculiar, persoal e creativo pero de viabilidade dubidosa; e a de Daniel, cuxa maior aspiración é erguerse cedo pola mañá para ir traballar a unha oficina. Ela representa un certo idealismo, que concibe o traballo coma unha fonte de satisfacción; el é pragmático, non quere ser músico malia ter talento senón acadar a estabilidade económica que lle permita manterse. Ademais da súa dialéctica co mercado laboral, Madrigal explora as relacións persoais que se establecen entre eles dous e o seu grupo de amigos/parellas.

Este novo traballo confirma a Madrigal coma un debuxante elegante, de trazo fino e estilizado semellante ao de autores coma Cyril Pedrosa, Gipi ou Tyto Alba, pero adozado, sen as asperezas que aqueles adoitan amosar. As súas imaxes puramente contemplativas, sen texto nin mesmo acción, son dunha beleza indiscutible e contribúen a dotar o relato dun ritmo pausado sen dúbida buscado polo autor. Sen embargo, hai algo que non funciona. A descrición da actitude vital que representa cada personaxe é calquera cousa menos sutil. Sobran subliñados como sobran escenas estereotipadas (ese guindar obxectos en plena rifa de parella). Pero por riba de todo, o que lle falta a Todo va bien é contexto. Os personaxes de Madrigal parecen vivir nun baleiro. En ningún momento se aventuran as causas da situación que lles afecta, de feito, nin sequera se alude, sequera implicitamente, á existencia dun conflito. O mundo é como é, as cousas están así, veñen mal dadas. O problema, xa que logo, é dos protagonistas. Madrigal conta a historia duns mozos estudados e limpos, que probablemente se asemellan bastante aos lectores da obra, e que parece ser que non están a ser vítimas do sistema de organización social senón que teñen problemas puramente persoais. Especialmente significativa é a frase final, que funciona coma corolario e chave de interpretación para todo o precedente. Se como afirma o autor, estar "ocupados con la mierda" nos impide decatarnos de que "la vida está llena de oportunidades", a conclusión é que, efectivamente, todo va bien. Non hai por que mudar as cousas, tampouco cuestionalas. Abonda con procurar as oportunidades que a vida ofrece, seica, a esgalla. Pode concibirse unha mensaxe máis conservadora?

O discurso de Madrigal está despolitizado no literal pero resulta inevitablemente ideolóxico no fondo. O seu retrato do presente resulta ser unha polaroid nostálxica, que se recrea na beleza duns rapazotes tristes ao tempo que renuncia a afondar nas forzas que os abanean. A obra convida a buscar saídas individuais xa que o problema (pero hai realmente algún problema?) non é colectivo. Tudo bem.

mércores, marzo 09, 2016

Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2015














A listaxe de títulos esenciais de 2015 seleccionados por ACDCómic fica completo coa publicación dos correspondentes ao segundo semestre do ano, vintecinco cómics diversos aos que de seguro se poderían engadir algúns máis, pero que teñen en común o seu indiscutible interese.

luns, marzo 07, 2016

Arenas movedizas

























Cando case van alá trinta anos dende a caída do Muro de Berlín resulta difícil aceptar que a mesma Alemaña que hoxe leva a Europa da correa fose hai tres décadas un país dramaticamente dividido e cunha capital, Berlín, esgazada por un muro fantasmal. A idea de dúas comunidades veciñas que viven en mundos opostos ás dúas beiras dunha mesma parede semella máis o escenario dunha distopía que un feito histórico do noso pasado recente. O muro, a stasi, as fugas, o pobo asoballado, a cidadanía resistente... fascínannos por pareceren ingredientes dunha fábula sobre o totalitarismo e non ese mesmo totalitarismo na súa substancia real. E por se non fose abondo, o capítulo final do Muro, o incidente que deu lugar á súa caída de vez, imprímelle ao relato un aquel de ópera bufa, a constatación da esclerose do réxime a través da torpeza dun dos seus xerifaltes condecorados.

Os escritores Alexander Lahl e Max Mönch, xunto coa ilustradora Kitty Kahane, ofrecen en Arenas movedizas (Impedimenta, 2015) un retrato deste momento crucial do século XX a través do o periplo na RDA do xornalista norteamericano Tom Sandman, desprazado a Berlín semanas antes da caída do Muro. A relación que establece coa disidente Ingrid Bärwolf e a súa familia válelles aos autores para rebaixar o ton documental, descendendo dende a grandeza dos acontecementos ata o plano persoal e deixando testemuño da vivencia da falta de liberdades entre os cidadáns de Berlín Leste. Lonxe de limitarse a relatar episodios de represión ou intentos de fuga, os autores retratan a intromisión do Estado na esfera privada dos individuos, condicionando as relacións familiares e as eleccións individuais. Talvez porque os personaxes resultan demasiado arquetípicos (forman a familia un vello militante comunista, unha deportista de elite e un garda fronteirizo), porque a historia de amor ten algo de rutinaria e predicible, ou talvez polo propio magnetismo dos feitos históricos, son estes os que rematan tomando o control do relato e deparando os mellores momentos dun volume que ademais nos permite entrar en contacto coa escena actual do cómic alemán.

venres, febreiro 26, 2016

Qadriños: Umberto Eco, lector de fumetti


















Foise Umberto Eco, semiólogo, escritor e filósofo, unha figura clave da intelectualidade do cambio de século que acadou tamén unha notable popularidade como novelista. Unha parte do seu legado non excesivamente extensa pero si significativa está vinculada á banda deseñada. En Qadriños escribo sobre Apocalípticos e integrados, o influente ensaio sobre a cultura de masas que publicou en 1964 no que analizaba cómics coma Steve Canyon, Superman ou Peanuts.

xoves, febreiro 18, 2016

Elipses e sombras: Persoal e político

Julie Doucet. Cómics 1986-1993

Fulgencio Pimentel publica o primeiro volume da obra completa da historietista canadense Julie Doucet, unha das voces máis persoais e influentes do cómic underground de finais do século XX.
 
Julie Doucet comezou a autoeditar o seu fanzine Dirty plotte cara 1988, cando contaba pouco máis de 20 anos e estaba a rematar os seus estudos de Arte na Universidade de Quebec. Nun período de menos de dous anos e sen deixar de colaborar con outras publicacións semellantes, Doucet foi quen de elaborar integramente ata catorce revistiñas que posteriormente fotocopiaba e distribuía en tendas nas que se comercializaban outros produtos underground. Algo máis que transgresión e espírito punk debía de haber naquelas páxinas cando a editora Drawn & Quarterly, peza esencial do cómic independente canadense, convidou á autora a publicar a súa revista de forma profesional baixo o seu paraugas editorial. Nos oito anos seguintes, Doucet ofrecería novas achegas de Dirty plotte ao tempo que colaboraba con outras iniciativas do cómic independente, confirmándose coma unha das voces máis singulares da súa xeración.
 
Con excelente criterio, a editorial rioxana Fulgencio Pimentel emprendeu o ano pasado a publicación da obra completa da autora canadense, da que ata agora só existían en castelán uns poucos títulos que levan anos descatalogados. Julie Doucet. Cómics 1986-1993 recolle tanto a súa primeira etapa fanzineira coma parte da súa posterior andaina baixo o selo de Drawn & Quarterly, o que nos proporciona unha perspectiva axeitada para contemplar a súa evolución artística. Nos seus primeiros cómics, cicelados no papel a punta de rotring, abundan a violencia e o sexo turbio percorridos por unha sensación de absurdo. Pequenos relatos truculentos, impregnados de humor negro que se poden reconducir facilmente aos esquemas do cómic underground pero que tamén nos permiten entrar en contacto con algunhas das que posteriormente se confirmarían coma constantes da súa obra.
 
O cambio cualitativo acontece cando a autora se sitúa a si mesma no centro das súas creacións, substituíndo o mosaico de narracións inconexas por unha reste de relatos nos que ela mesma é a protagonista, o que nos permite vinculala a outros nomes significativos do underground norteamericano que naqueles anos optaron tamén pola autobiografía e as ficcións do eu. Autores coma Robert Crumb, Joe Matt ou Harvey Pekar inxectaban realidade a un medio, o cómic, que na súa versión máis comercial semellaba demasiado acomodado nos relatos de evasión. No caso de Doucet, as narracións en primeira persoa semellan ser algo intensamente persoal, unha ferramenta para comprenderse a si mesma antes que unha forma de intervención. A súa é unha obra torrencial e catártica, na que a reflexión segue ao relato e non ao contrario. A identidade está na cerna dos seus cómics, sexan estes ficcións, vivencias ou soños narrados: o autoconcepto, a percepción de si mesma; a familia, a relación coa nai, conflitiva malia ser exposta con humor; as expectativas familiares ou mesmo sociais sobre a súa persoa; o xénero, a feminidade, a identidade sexual; o futuro laboral, a integración social. Os seus traballos poden lerse, e así se ten feito, en clave feminista ou coma discursos de xénero. O retrato xeracional semella tamén evidente, ao recoller a confusión, o desengano e a falta de expectativas dos mozos e mozas que descubriron a finais dos 80 que a Arcadia capitalista non era o que lles prometeran. A obra de Doucet confirma ata que punto o persoal é político. 
 
Achegarse a Doucet é unha experiencia esixente para calquera lector. O seu grafismo érguese coma unha grosa coiraza, as súas páxinas son densas, dun detallismo abafante. Abundan as imaxes agresivas, a escatoloxía, as mutilacións, o sangue, a exposición nada glamourosa de corpos espidos. Pero errará quen entenda que a autora non ten outra pretensión que a de escandalizar ao lector. En Doucet a transgresión vén sempre da man dun discurso tan sincero que chega a resultar inxenuo. Os seus relatos son dunha honestidade amarga, conmovedora. É difícil non apreciar o moito de si que a autora deixa en cada viñeta. Dificilmente pode abordarse a transición dende o cómic underground cara o cómic de autor dunha das máis talentosas xeracións de historietistas norteamericanos (Robert Crumb, Daniel Clowes, Peter Bagge) sen contemplar a súa figura, como tampouco se pode negar a súa influenza na máis recente vaga de cómic autobiográfico (Chester Brown, Marjane Satrapi, Craig Thompson). A recuperación da súa obra é ante todo un acto de xustiza, un recoñecemento merecido a unha creadora única.
 

luns, xaneiro 25, 2016

Qadriños: Patricia Highsmith, escritora de cómics

















A inminente estrea de Carol trae de novo á actualidade a Patricia Highsmith, magnífica novelista que exerceu tamén durante un tempo como guionista de cómics. Foi nos anos 40, tras rematar os seus estudos universitarios e antes de ver publicadas as súas primeiras creacións literarias. Highsmith formou parte da lexión de profesionais (escritores, debuxantes, entintadores, rotulistas...) que se incorporaron á produción de banda deseñada nunha época na que o medio experimentou un crecemento espectacular en Estados Unidos. The Black Terror, The Fighting Yank, Spy Smasher ou The Destroyer, fillos menores da primeira gran vaga superheroica, foron algúns dos personaxes que pasaron polas súas mans antes de abandonar o medio cara 1949 e centrarse na súa emerxente (e fértil) carreira literaria. Máis información, en Qadriños.

mércores, xaneiro 20, 2016

Algo se move no blogomillo










Coma nos grandes mitos, o blogomillo apareceu cunha grande explosión. Nun breve período de tempo agromaron centos de bitácoras en galego, a ferver cada mañá con ideas, novas, opinións, coñecemento, propostas, brincadeiras... Despois veu a contracción, a previsible selección natural aumentada pola auxe doutras redes sociais. Mais a implosión non levou á desaparición, os blogues en galego seguen a existir, algúns deles transformados en referentes ineludibles dentro do seu eido. Por iso, recollemos e celebramos a iniciativa de Xabier P. Iglesias de cartografar o blogomillo, proxecto que vai medrando dende a súa primeira listaxe e que vén de ser mellorado cun formulario que permite aos blogueiros que o desexen censar a súa bitácora. Beizóns para os promotores!

Imaxe descargada de marcus.es, descoñezo a autoría. 

martes, xaneiro 19, 2016

Elipses e sombras: Dúas olladas sobre Cervantes

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas

Miguelanxo Prado e David Rubín colaboran nun proxecto divulgativo centrado na figura e obra de Miguel de Cervantes.

Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas preséntase coma o catálogo que acompaña á exposición do mesmo nome, unha iniciativa da Comunidade de Madrid, o Instituto Cervantes e Acción Cultural Española para difundir a figura de Cervantes e a súa obra co gallo do IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote (2015) e do pasamento do seu autor (2016). Trátase realmente dun volume con distribución ordinaria en librarías que contén unha breve biografía ilustrada de Cervantes e unha adaptación ao cómic de El retablo de las maravillas. Os escollidos para levar a cabo estes labores foron dous autores centrais da banda deseñada galega, Miguelanxo Prado e David Rubín, valores seguros do cómic e a ilustración que cumpren con eficacia a tarefa encomendada. 

Non ten sentido descubrir a estas alturas o talento de Miguelanxo Prado, autor recoñecido internacionalmente e cunha traxectoria tan extensa coma prestixiosa. Cómpre lembrar que malia ser esencialmente un autor de cómic, Prado ten tamén unha longa experiencia coma ilustrador, tendo deseñado numerosos carteis e cubertas de libros, ademais de acompañado cos seus debuxos títulos de autores coma Ramón Caride, Agustín Fernández Paz e Manuel Rivas entre outros. Nesta ocasión, ocúpase de ilustrar un breve percorrido polos escasos feitos certos que se coñecen da vida de Cervantes, a súa orixe familiar, os seus parentes e algúns retrincos da súa traxectoria vital. Abonda con contemplar os bosquexos que acompañan este libro ou os moitos que compoñen os dous volumes de Papeles dispersos, título no que recupera debuxos do natural e traballos preliminares, para nos decatar de que a Prado abóndalle con catro riscos para reflectir acenos, ollares e expresións facilmente recoñecibles. As ilustracións deste libro, nas que atopamos un Cervantes imaxinado a partir da súa propia descrición (lembremos que non existen retratos auténticos seus), ofrecen unha nova mostra deste talento. Mais hai xa tempo que Prado labra as súas imaxes en capas sucesivas nas que vai engadindo luz, cor e matices a esa simplicidade orixinal. Limpas e sen apenas fondos, as súas ilustracións neste volume concédenlle todo o protagonismo á figura humana. A falta de texto, os personaxes falan cos ollos (irónicos, coléricos, enfastiados...) e tamén co corpo, cunha teatralidade que nunca chega a ser excesiva.

Pola súa banda, David Rubín leva ao cómic El retablo de las maravillas, “entremés” cervantino publicado por vez primeira en 1615 que parte dun motivo argumental moi semellante ao que posteriormente popularizaría O traxe novo do Emperador de Hans Christian Andersen para ofrecer unha ácida crítica de determinados tipos sociais e costumes do seu tempo. Rubín traduce as pretensións satíricas do texto adoptando un rexistro caricaturesco pouco usual na súa obra, cun deseño de personaxes memorable (recalcados, hiperbólicos), e un desenvolvemento narrativo con abundantes pinchacarneiros visuais. Como vén sendo habitual na súa produción máis recente, Rubín acentúa a visibilidade do aparello narrativo, recorrendo a solucións gráficas ostensibles, mesmo estridentes, mais perfectamente coherentes co espírito algareiro do argumento. As páxinas deste Retablo de las maravillas conforman un quebracabezas extraordinariamente vivaz, unha nova mostra de xenio creativo por parte do seu autor.  

A combinación de biografía e ficción, cómic e relato ilustrado, converte a Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas nun artefacto estraño, difícil de reconducir a unha categoría estandarizada. É posible que ese sexa un dos principais argumentos ao seu favor. O outro, máis obvio aínda, é que ofrece a oportunidade de ler conxuntamente a dúas das figuras máis relevantes da banda deseñada galega, dous autores que adoitamos vincular pero que en poucas ocasións teñen colaborado dunha forma tan directa. A portada deste volume, realizada conxuntamente por ambos, reflicte a disparidade dos seus estilos, a refinada perspicacia de Prado fronte o estoupido de enerxía de Rubín. Diferenzas que, lonxe de facelos incompatibles, constitúen un dos principais incentivos para a lectura do libro.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 18 de xaneiro de 2016]

venres, xaneiro 08, 2016

Qadriños: Catro novelas de superheroes











Rick Moody, Michael Chabon, Jonathan Lethem e Junot Díaz son catro voces singulares da narrativa norteamericana actual. Malia as peculiaridades de cadansúas carreiras é posible establecer unha cadea de vínculos entre eles coa banda deseñada coma fío condutor. Novelas coma A tormenta de xeo, As asombrosas aventuras de Kavalier e Clay, A fortaleza da soidade e A marabillosa vida breve de Oscar Wao conceden unha singular importancia ao cómic popular, poñendo de relevo o seu papel na educación emocional de sucesivas xeracións de rapaces en Norteamérica. Os afeccionados á BD apreciarán a reivindicación do valor cultural do cómic implícita nas catro novelas mais, por riba de todo, trátase de catro excelentes obras que paga a pena ler. A elas me refiro máis polo miúdo en Qadriños.