luns, agosto 26, 2013

Tom Strong 5

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Sabemos que os cómics que Alan Moore creou para a súa liña ABC pretendían ser unha caste de competencia refinada ao tebeo comercial norteamericano. Por iso, malia tratarse dunha iniciativa “de autor”, tampouco debe sorprender que, chegado certo momento e na mellor tradición do cómic de masas, Moore confiase a outros autores a continuación dunha cabeceira coma Tom Strong, que a partir do número número 23 pasou a ser escrita e debuxada por diferentes equipos artísticos. Malia a súa diversidade, todos eles interpretaron o seu paso polo título coma unha continuación do labor previo de Moore, asumindo todos os sinais de identidade da serie e sen aspirar a alterar o status quo da mesma.
 
O quinto tomo da serie (Norma, 2008) contén os números 26 a 30 da cabeceira e neles atopamos a visión do personaxe de catro escritores e outros tantos debuxantes. A proposta do guionista Mark Schultz mestura ciencia e fantasía ao servizo dunha mensaxe ecoloxista, nun exemplo paradigmático de fidelidade aos conceptos de Moore. Perfectamente secundado polo infalible Pascual Ferry nos lapis, o seu capítulo ben podería ter sido asinado polo autor de Watchmen. Non tan atinado aínda que tamén coherente coa concepción orixinal do personaxe, é o seguinte relato, escrito por Steve Aylett e debuxado por Shawn McManus, que recunca nas viaxes interdimensionais que xa introducira Moore para ofrecer visións alternativas (e, para máis señas, cartoonizadas) dos personaxes do título. Pola súa banda, Brian K. Vaughan e Peter Snejberg desenvolven no número 27 unha narración que adopta o punto de vista de Pneuman, o robot axudante de Strong, e no que se propoñen os dilemas habituais dos relatos protagonizados por personaxes robóticos (o Eu, Pneuman que atopamos na cuberta do número resulta abondo elocuente), acompañando unha trama de ironía (unha antagonista chamada Mirada Crítica que libera a personaxes de cadros) xenuinamente mooreana. Sen ser un relato redondo, acerta na súa melancólica humanización do personaxe de Pneuman. O tomo péchase cunha historia en dúas partes a cargo de Ed Brubaker e Duncan Fegredo, na que o protagonista debe enfrontarse a unha versión de si mesmo exenta de atributos heroicos, e que, coma os capítulos precedentes, carece de pretensións, alcanzando os seus mellores momentos cando Brubaker exacerba a súa mirada irónica: “El cielo era siempre gris, los políticos siempre mentían, la gente vivía presa de la soledad. La aventura y el sentido de la maravilla no existían (…). Me di cuenta de que un lugar así no podía existir excepto en la mente de un loco”.
 

domingo, agosto 25, 2013

Qadriños: Asterix volverá falar galego da man de Xerais















Está a ter unha magnífica acollida nas redes sociais a noticia de que Xerais publicará en galego Asterix e os pictos, o novo álbum de Asterix e primeiro dos irredutibles galos sen participación de ningún dos seus creadores, Goscinny e Uderzo. O interese desta nova, da que falo extensamente en Qadriños, é dobre.
 
Dunha banda, axiña poderemos comprobar se a cabeceira pasa a estar en mellores mans tras a retirada dun Uderzo ao que deberiamos xulgar con máis visión de conxunto e non só considerando o mediocre e polémico tramo final da súa produción. Jean-Yves Ferri e Didier Conrad non parecen unha mala elección, mais probablemente o seu labor estará sometido a un férreo control editorial, así que cómpre ser prudentes e agardar para comprobar o que poden dar de si.
 
Doutra, a aposta de Xerais por Asterix, que non se limita á edición da nova aventura, senón tamén das posteriores, ademais da reedición do material clásico, supón a recuperación para o galego dun título fundamental da BD europea e uns personaxes que excederon xa hai moito os límites do medio para se converteren en auténtica cultura popular. Poucos cómics gustan indistintamente a nenos e adultos como o fai Asterix; poucos cómics resisten tan ben o paso do tempo e seguen ofrecer, décadas máis tarde, o gozo máis elemental, entretemento e diversión, na súa versión máis intelixente e refinada. Asterix é un clásico da BD por dereito propio e un dos poucos cómics do que existe unha tradición de edición en galego. En galego foron publicados, en distintas etapas e por diferentes editores, 20 álbums do personaxe e cómpre non esquecer que a edición en galego do último álbum da serie ata a data, O libro de ouro, foi posible porque houbo unha campaña popular demandándoo.

Xa que logo, a aposta de Xerais pola cabeceira será fundamental para que non se rompa ese fío que une as creacións de Uderzo e Goscinny cos lectores galegos e por iso é esencial que o apoio a esta iniciativa non se limite a rechíos, MeGustas e +1s, senón que se traduza na súa viabilidade comercial. Dende aquí, desexámoslle toda a sorte.

domingo, agosto 18, 2013

Fatale: La muerte me persigue





















Fatale é a nova serie de creación propia de Ed Brubaker e o debuxante Sean Phillips, unha nova volta de rosca ao xénero negro que ambos cultivaran xa en Sleeper, Criminal ou Incógnito. En La muerte me persigue (Panini, 2013), primeiro tomo da serie, Brubaker camiña simultaneamente en dúas direccións opostas. Por unha banda, recorre a algunhas das esencias más ortodoxas do xénero, ao ambientar parte da acción nos anos 50, o que lle permite recrear formas e ambientes dos grandes clásicos do noir. Por outra, engade elementos terroríficos á trama criminal, xogando a unha mestura de xéneros moito máis contemporánea. O resultado participa das virtudes habituais da escrita de Brubaker, que constrúe e resolve un relato sólido, sen fendas, ben fornecido polo debuxo duro dun Phillips que aporta a atmosfera sombría que a narración demanda.
 
Sen embargo, e malia a mestura de xéneros, o argumento non chega a afastarse da previsible estrutura do relato criminal da que o escritor é devoto. Acomodado na recuperación e posta ao día do xénero, Brubaker leva anos repetindo as mesmas fórmulas con talento suficiente para obter o recoñecemento da crítica e a fidelidade dun público incondicional, pero a súa escrita non evoluciona. A execución é tecnicamente irreprochable pero a partitura é sempre a mesma, con variacións que son apenas matices. Na súa produción, especialmente nos seus traballos nas marxes da industria, abundan os títulos notables. Mais alén de preferencias persoais, segue a faltar unha obra que destaque claramente por riba das demais e que represente a contribución ao tebeo comercial norteamericano dun autor que pasa por ser un dos mellores do panorama actual.

luns, agosto 12, 2013

La imposible Patrulla X 3

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Ademais do predecesor de John Byrne no título, Dave Cockrum fora o primeiro debuxante de Uncanny X-Men, o creador gráfico de moitos dos novos personaxes e o seu entendemento co guionista Chris Claremont durante a súa estadía no título fora bo, polo que traelo de volta cando Byrne deixou a cabeceira foi una decisión cargada de lóxica. Tamén foi unha decisión conservadora. Con todas as súas virtudes, o seu grafismo resultaba xa clásico naqueles anos, máis aínda en comparación coa modernidade dun Byrne que estaba a producir as mellores páxinas da súa carreira. O terceiro tomo de Marvel Gold: La imposible Patrulla X (Panini, 2012) recolle integramente esta segunda estadía de Cockrum na cabeceira mutante, ademais de capítulos soltos doutros títulos relacionados coa serie.
 
O volume ábrese cun capítulo debuxado por Brent Anderson no que Cíclope se enfronta a D’spayre, ao que segue unha decepcionante aventura en tres números, xa con Cockrum como debuxante, na que os antagonistas dos mutantes serán a Arcade e o Doutor Morte. Maior interese teñen os capítulos seguintes nos que Claremont recupera ao principal adversario da Patrulla X, Magneto, xa que neles comeza o proceso de transformación que faría do Amo do Magnetismo un dos viláns (ou non) máis complexos e interesantes da Marvel dos 80 e posterior. Se dende a súa orixe ata ese intre Magneto non pasara de ser un tirano plano e previsible, na saga que abrangue os números 148 a 150 da cabeceira Claremont aporta uns primeiros matices á súa figura, ofrecendo datos do seu pasado e facéndoo dubidar das súas propias conviccións, comezando unha produtiva remodelación do personaxe da que tiraría partido máis adiante.
 
Non sería Cockrum, senón de novo Brent Anderson, quen debuxaría o intranscendente Anual #5 da cabeceira, cos 4F e Arkón coma convidados, e os Badoon coma adversarios. Tamén descansaría durante un par de meses na serie regular, coincidindo coa reaparición da Raíña Branca e o resto do Club Hellfire. Mais regresaría no número 153 da cabeceira debuxando “o conto de fadas de Kitty”, un capítulo autoconclusivo no que a máis nova do equipo mutante facía dos seus compañeiros de equipo os protagonistas dun relato de aventura e fantasía. Escrita por Claremont a suxestión do propio Cockrum, a inocencia e desenfado desta historia contrasta co ton cada vez máis sombrío que caracterizara a cabeceira meses atrás. Os capítulos que pechan o tomo, do 154 ao 158, envolven a Patrulla nunha aventura espacial na que o debuxante se reencontrará con outros personaxes deseñados por el, os Saqueadores Estelares. Nela, mutantes e Saqueadores enfrontaranse aos Shi’ar e tamén ao Niño, unha nova raza extraterrestre que fai aquí a súa primeira aparición e que dará lugar a unha magnífica saga espacial que concluirá no tomo seguinte.
 
En conxunto, a segunda estadía de Cockrum no principal título mutante marca unha certa baixada da tensión dramática, que fora en ascenso durante a etapa de Byrne. Coa liña argumental central algo máis dispersa e tras algunhas historias de transición, o relato comeza a tomar forza de novo no tramo final, nos capítulos que serven de prólogo á Saga do Niño que leremos no seguinte volume.
 
Mais como diciamos, o presente tomo recolle tamén unha serie de historias alleas a Uncanny X Men aínda que relacionadas coa franquicia mutante. Atopamos en primeiro lugar os números 37 e 38 da cabeceira de Spiderwoman, no que a Muller Araña se enfronta a Juggernaut, Black Tom Cassidy e Syrin. Xustifica a inclusión dos mesmos non só a presenza da Patrulla X, que colabora coa superheroína seguindo o clásico esquema confrontación-cooperación dos crossovers, senón tamén o feito de ser Claremont daquela o guionista dunha cabeceira que esmorecería axiña. A tendencia do escritor a darlle un tratamento conxunto aos distintos títulos que escribía levaríao a introducir a Spiderwoman como secundaria no capítulo 148 de Uncanny. Algo moi semellante faría con Ms Marvel, personaxe cuxa serie estaba tamén a escribir e que, tras o seu peche, acubillou no título mutante coma secundaria. Antes escribiu o Anual #10 dos Vingadores, incluído tamén no tomo, un relato esencial na complicada cronoloxía da heroína e tamén punto de partida clave para Pícara, personaxe que fai a súa primeira aparición coma membro da Irmandade de Mística e que remataría por ser unha figura central na franquicia mutante. A historia vese claramente potenciada polo trazo poderoso de Michael Golden, un debuxante que leva anos fóra da industria e que asinaba entón un dos seus mellores traballos. Golden ilustra tamén dous dos catro capítulos da miniserie coa que arrincaría Marvel Fanfare, unha aventura na que a Patrulla X e Spiderman viaxaban á Terra Salvaxe para atoparse con Ka-Zar, Sauron e demais ilustres habitantes da mesma. Sen grandes achados, o interese está de novo no grafismo de Golden e do encargado de debuxar o derradeiro capítulo, Paul Smith, outro magnífico artista que ofrecería aquí a súa primeira versión dos Homes X antes de substituír a Cockrum coma debuxante habitual da cabeceira mutante. Pecha o tomo unha intranscendente aventura do Home de Xeo extraída do número de Bizarre Adventures debuxada por un George Perez case irrecoñecible.
 
Entradas relacionadas

venres, agosto 09, 2013

Skreemer

























Algunhas das cabeceiras máis influentes da primeira etapa do selo Vertigo, marca fundamental no cómic norteamericano dos 90, existían antes que o propio selo e foron reunidas dentro do mesmo tras a súa creación. É o caso de Sandman, Animal Man, Doom Patrol ou Swamp Thing. Tamén de Skreemer (Planeta, 2009), de Peter Milligan e Brett Ewins, obra que malia reeditarse habitualmente co selo de Vertigo na cuberta foi publicada orixinalmente por DC Comics en forma de serie limitada de 6 números en 1989, é dicir, catro anos antes de que a liña de cómic para adultos da compañía comezase a existir. A súa adscrición a posteriori xustificaríase no ton adulto do relato e tamén na orixe británica dos autores, elementos que resultarían característicos dos cómics Vertigo de principios dos 90.

Atopamos en Skreemer futurismo e violencia, dous ingredientes moi propios do cómic británico dos anos 80 (Judge Dredd, Rogue Trooper, Strontium Dogs...) do que ambos autores proviñan. Ambientada nunha Norteamérica distópica dominada por bandas mafiosas, a obra narra a loita do líder criminal Veto Skreemer por manterse no poder perante un inminente cambio de era. Argumentos clásicos coma o ciclo de ascensión e caída ou a imposibilidade de fuxir do destino conforman o núcleo dun argumento que, na tradición do mellor cinema de gangsters, xira arredor da figura dun Skreemer ao que Milligan pretende dotar dunha fasquía dramática, case shakesperiana. As constantes apelacións ao destino, as citas literarias (Finnegan's wake, tanto a novela de Joyce coma a canción popular irlandesa da que está tomado o título) ou a recorrente e moi teatral representación de Skreemer diante dun abismo evidenciarían o desexo demasiado obvio de Milligan de darlle profundidade á trama, o que remata por ser un obstáculo para o seu desenvolvemento. O traballo gráfico de Brett Ewins, de trazo ríspeto e escasamente vistoso, acompaña o relato correctamente, mais tampouco consegue engadirlle valor. A obra remata por diluírse nas súas pretensións.

Sen embargo e coas súas imperfeccións, Skreemer conserva aínda parte da súa forza primixenia e a súa lectura resulta interesante hoxe non só por ser o primeiro traballo de Milligan para o mainstream estadounidense no que agora se atopa solidamente instalado, senón tamén porque ilustra os primeiros intentos do cómic comercial norteamericano por abrirse a un público adulto, ao tempo que demostra que a estratexia adoptada non se limitou á fichaxe de creadores provenientes do mercado británico, senón tamén á importación de contidos claramente semellantes aos que levaban anos desenvolvéndose nas Illas.

domingo, xullo 21, 2013

Cuento de arena

























Cuento de arena (Norma, 2013) é a adaptación á linguaxe da banda deseñada dun guión que o produtor televisivo Jim Henson, pai dos célebres Muppets, elaborou xuntamente con Jerry Juhl, co que colaborou durante anos, destinado inicialmente a converterse nunha longametraxe. Durante aproximadamente unha década, Henson e Juhl someteron o proxecto a sucesivas reelaboracións ata abandonalo a mediados dos anos 70, ante a imposibilidade de atoparlle financiamento e a necesidade de atender outros traballos máis exitosos. Foi Lisa Henson, filla de Jim e directora de The Jim Henson Company, quen atopou recentemente o guión e promoveu a súa reconversión en novela gráfica tras poñerse en contacto co ilustrador Ramón K. Pérez, que é quen a levaría a cabo.
 
Mac, o protagonista de Cuento de arena, vese envolto nunha arriscada carreira que o levará a percorrer o deserto do Sur dos Estados Unidos perseguido por un letal antagonista. A falta dun sentido claro dos acontecementos, dende o propósito da carreira ata a relación antagónica que provoca a persecución, así coma a constante introdución de elementos fantásticos, dotan o relato dun deliberado espírito onírico, no que os autores parecen querer abraiar o lector a base de xiros ilóxicos, cambios de escenario arbitrarios e solucións imaxinativas. A dozura do debuxo de Pérez, a elegancia do seu trazo e a calidez cromática, resultan esenciais na creación da atmosfera surreal do relato, ao tempo que atenúan a aparente fereza dalgunhas das situacións descritas, impedindo que o lector chegue realmente a temer pola vida do protagonista. A súa frenética carreira, narrada con pulso firme por Pérez, atopará un final non menos críptico que o resto do percorrido, no que se intúe unha mensaxe de superación persoal.
 
Salientar o labor de Ramón K. Pérez nesta obra é pouco menos que unha obviedade. O seu magnífico desenvolvemento narrativo, o perfecto control do ritmo e a exuberancia dos seus deseños constitúen de seu motivos abondo para achegarse a esta obra, malia o cal o seu espectacular traballo non consegue ampliar os significados dun relato que se esgota nas súas premisas. A súa é unha resposta dificilmente mellorable ás dúas esixencias principais da historia: velocidade e fantasía. Alén diso, a constante interposición dun segundo relato, o que narra os avatares do guión orixinal, e que se nos lembra con teimosía dende as capas do libro ata os paratextos, rematando coa inclusión íntegra do texto, semella responder á vontade de conferirlle valor engadido á obra  apelando a circunstancias anteriores e externas a ela.

luns, xullo 15, 2013

“É unha mágoa que un cómic no que puxemos tantas ganas estea nun limbo editorial"














Es mi tebeo fantasma, una obra que dibujé y cobré, en la cual Kike y yo pusimos el alma y que me trae muy buenos recuerdos, pero en Galicia se conoce poco, y fuera de Galicia menos”. David Rubín referíase nestes termos nunha entrevista recollida no número 2 da revista Zona Cómic a Uxío Novoneyra: A voz herdada, cómic creado por el mesmo en colaboración co guionista Kike Benlloch e que foi publicado pola Xunta de Galicia en 2010, ano no que o Día das Letras Galegas estivo dedicado ao poeta do Courel. Con esa declaración como punto de partida, mantiven cos dous autores unha conversa que agora publica Praza Pública. Nela, ambos lembran como foi o proceso de creación do título e a súa posterior publicación, ao tempo que reflexionan sobre a figura de Novoneyra, os traballos por encomenda, a edición promovida institucionalmente e a liberdade creativa. 

xoves, xullo 11, 2013

Batman desde la periferia. Un libro para fanáticos o neófitos

























Ademais dun dos personaxes de cómic máis populares, Batman é unha figura amplamente coñecida alén das viñetas debido á súa longa e habitual presenza noutros medios. Un libro para fanáticos o neófitos, o revelador subtítulo do recente Batman desde la periferia (Alpha Decay, 2013), expresa esta dualidade ao tempo que ilustra o dilema que debe confrontar o editor que decide poñer no mercado un libro sobre o Home Morcego. Dunha banda, pode dirixirse ao reducido grupo de seguidores fieis do personaxe, que adoitan ser lectores dos seus cómics e profundos coñecedores da figura; doutra, pode apelar a un colectivo moito máis extenso de persoas que teñen un coñecemento máis reducido e probablemente derivado doutras fontes (o cinema e a TV, fundamentalmente), mais que poden tamén ter interese por achegarse ao personaxe. Os primeiros son poucos pero incondicionais; os segundos son moitos máis pero tamén máis difíciles de seducir. Hai unha terceira posibilidade, probablemente a máis complicada: pretender dirixirse por igual a todos eles. Esta foi a opción elixida por Laura Fernández, Enric Cucurella e Ana S. Pareja, coordinadores do volume que vimos de citar, no que se recollen dez textos sobre o personaxe a cargo de autores diversos e que ofrecen outras tantas perspectivas sobre o mesmo.

O tópico da heteroxeneidade propio desta caste de libros colectivos resulta pertinente tamén neste caso. Os autores son distintos en procedencia, formación e traxectoria, e o mesmo acontece con cadanseus puntos de vista á hora de abordar o mito do Home Morcego. De querermos atopar unha nota común, esta sería a brevidade, non tanto no que atinxe á extensión dos textos, por outra banda moi homoxénea, senón ao feito de que practicamente todos eles apuntan ideas que poderían ter desenvolvido con maior detalle.

O primeiro texto, escrito por Juan Francisco Ferré, pode resultar paradigmático disto. Calquera visitante habitual do seu blog coñece a tendencia expansiva da súa prosa, mais neste caso o autor de Providence amosa unha infrecuente contención. A premisa de partida, a explicación da bonanza cinematográfica da figura superheroica polo seu axeitamento ás necesidades da sociedade contemporánea, tanto no económico coma no social-institucional, é interesante, mais fica apenas apuntada, sen maior desenvolvemento. Algo semellante acontece co resto do texto, no que Ferré non pasa de apuntar ideas tan suxestivas coma concisas sobre títulos da significación de O regreso do Cabaleiro Escuro, A broma asasina, Arkham Asylum ou as moitas adaptacións cinematográficas do personaxe.

Do mesmo xeito, non hai que ser un profundo coñecedor da galería de viláns de Batman para decatarse de que pode ser sometida  a unha análise abondo máis exhaustiva que a que leva a cabo Greg Baldino no seu texto. Dende unha perspectiva distante e sen a pretensión de ofrecer unha visión completa dos adversarios do Home Morcego, Baldino encadea unha serie de reflexións entre as que atopo especialmente interesante a que define o Espantallo coma representación dun mundo rural antitético do contorno urbano que no que cobra o sentido a figura de Batman.

Dous textos introducen cuestións de xénero na súa análise. Por unha banda, Laura Fernández ocúpase das dúas contrapartidas femininas do Home Morcego, Batwoman e Batgirl. Da primeira constata o abismo que afasta á Kathy Kane orixinal da recente Kate Kane, dous personaxes tan contrapostos coma as concepcións da bat-familia que sosteñen. Froito de cadanseus tempos, o contraste permite explorar algúns dos atributos da figura do Home Morcego (basicamente, a súa sospeitosa sexualidade) aínda que a conclusión pode ser simple: pasou moito tempo entre a concepción dunha e outra, cada unha é filla do seu tempo e ambas representan a mudanza dos valores socialmente predominantes na súa época. A seguir refírese ás diferentes mulleres que teñen actuado baixo  nome de Batgirl, con especial atención a Barbara Gordon pola súa evidente maior relevancia. Doutra banda, Elisa McCausland detense no estudo de varias figuras femininas da bat-familia, a Robin de O regreso do Cabaleiro Escuro (Carrie Keene Kelley), Batwoman (Kate Kane) e Batgirl (Cassandra Cain), expoñendo en cada caso a alternativa que cada unha delas supón á figura do Home Morcego, nun texto que consegue ser persoal sen perder exactitude e rigoroso sen caer nunha erudición que impida o achegamento de lectores non iniciados. Resulta moi interesante tanto a súa reivindicación de Cassie Cain, personaxe de pouca fortuna editorial e traxectoria un tanto errática que McCausland atribúe á súa rareza, coma a recondución de varias das Mulleres Morcego ao esquema de Primeira, Segunda e Terceira Muller suxerido por Gilles Lipovetsky.

Pola súa banda, Javier Calvo analiza o Batman de Grant Morrison demostrando un notable coñecemento do personaxe en todas as súas vertentes, especialmente na historietística, e tamén da obra do guionista escocés, o que non sorprenderá a quen coñeza minimamente a súa traxectoria ou a quen lera, por exemplo, a súa novela Mundo maravilloso. Non tendo lido eu a etapa de Morrison e considerando a falta de consenso a respecto da mesma, é moi de agradecer un texto coma este, que non só contén unha análise pormenorizada e rigorosa da mesma senón tamén unha posición franca de defensa do seu valor.

O texto de Eloy Fernández Porta explora a relación de Batman coa arte. Coma nel resulta habitual, a súa ollada é aberta e con tendencia á hipertrofia, abranguendo dende a irrupción do Joker no Museo de Gotham na adaptación fílmica de Tim Burton ata a apropiación do Home Morcego elevado á condición de icona pop por artistas contemporáneos de distintas tendencias. O texto ofrece interesantes mostras da frecuencia e variedade de perspectivas con que Batman vén sendo representado nas artes gráficas.

En maior ou menor medida, todos os artigos citados ata agora adoptan un punto de vista ensaístico no seu achegamento á figura do Home Morcego. Non é ese o caso dos textos de Blake Butler e Christophe Claro, que escriben dende unha perspectiva máis persoal e literaria. O primeiro ofrece unha visión do Home Morcego que non é tanto unha análise da figura coma unha reelaboración subxectiva, a relación das vivencias do escritor relacionadas co personaxe, a súa comprensión da icona co paso do tempo. Butler parte de anécdotas, da visión deformadora da infancia, de teimas persoais posteriores ou das malas xogadas da memoria para soster algunhas reflexións sobre o personaxe. Pola súa banda, Claro leva a cabo un exercicio narrativo con Batman como motivo, no que o autor desliza algunhas ideas sobre o personaxe, pero no que este está máis ao servizo do escritor que o contrario.

Pechan o volume dous textos sobre as recentes adaptacións fílmicas de Batman. O primeiro, asinado polo desaparecido Aaron H. Swartz, non é nin unha crítica nin propiamente unha análise do filme O Cabaleiro Escuro, segunda parte da triloxía de Batman de Christopher Nolan, senón unha relectura do seu argumento, que aparece descrito cun alto grao de detalle, á luz da teoría dos xogos. O seu achegamento resulta orixinal, mais as conclusións ás que conduce non difiren no esencial do moito que se ten escrito respecto da devandita fita. O artigo sería a derradeira anotación do autor no seu blog antes de se suicidar. Pecha o libro un artigo de Slavoj Zizek sobre The Dark Knight rises, terceira parte da triloxía de Nolan e filme que, pola súa condición de blockbuster hollywoodense cun subtexto político explícito, estaba predestinado a ser obxecto da análise do filósofo esloveno. O seu texto participa da habitual lucidez de Zizek sen chegar a resultar críptico nin abusar de tecnicismos psicanalíticos, como lle acontece en ocasións. A súa interpretación abrangue a triloxía de Nolan no seu conxunto, sen pasar por alto os elementos dickensianos que a propia película introduce vía cita. O resultado, coma moitos dos traballos do autor de Lacrimae rerum, invita á reflexión ou mesmo a un novo visionado da fita á luz da súa exexese.

Probablemente o libro cumpra o seu obxectivo e resulte apto para un amplo espectro de lectores, mais conségueo a cambio de renunciar á profundidade e tamén á coherencia interna. A contención da maioría dos autores e a súa renuncia (voluntaria ou inducida) a espremer ao máximo as posibilidades das súas achegas permítelles resultar máis accesibles, mais tamén limita o valor dos seus traballos. Simultaneamente e sen negar o interese da maioría dos textos, o conxunto deles resulta dispar e carente do mínimo de unidade que lle concedería ao volume unha voz unívoca. En definitiva, a imaxe do Home Morcego que ofrece Batman desde la periferia é poliédrica e un tanto inconexa, o que, por outra banda, podemos interpretar como unha expresión da complexidade que a figura ten adquirido a día de hoxe, froito das moitas vidas que leva vividas en medios diversos.

martes, xuño 18, 2013

Os Novos Mutantes: Nova Roma

























A dos Novos Mutantes non foi a primeira cabeceira protagonizada por superheroes adolescentes, de feito, o concepto de superheroe teen é case tan antigo coma o propio xénero. Sen embargo, a maneira en que Chris Claremont afrontou a franquicia xuvenil dos X-Men si incorporaba unha perspectiva novidosa ao impedir que a adquisición de superpoderes conducise automaticamente á transformación en superheroe convencional. Claremont puxo especial énfase na cuestión da aprendizaxe, explorando a dimensión "escolar" que estaba xa na orixe da franquicia mutante pero quedara practicamente esquecida. Malia introducir inevitables concesións aos tópicos superheroicos, a serie escapaba da rutineira confrontación dos heroes con viláns convencionais, como poderá comprobar quen se achegue a Nova Roma (Panini, 2013), tomo que contén os capítulos 5 a 13 da primeira cabeceira da serie.

Abre o tomo unha historia en dúas partes que introduce a dous viláns clásicos do Universo Marvel, o Samurai de Prata e Víbora, e tamén a un equipo de supermotoristas (o Equipo América) que gozara daquela dunha efémera serie propia e que hoxe percibimos como inequivocamente kitsch. Pero é na saga que segue e ocupa o resto do volume onde máis claramente se percibe a vontade de Claremont de subtraer a serie das dinámicas habituais da Marvel do momento. A saga de Nova Roma leva aos Novos Mutantes á selva amazónica onde atopan unha improbable civilización perdida, mestura de romanos e aztecas (a explicación sobre a orixe da cidade mudaría posteriormente). O relato semella unha actualización das aventuras decimonónicas de exploradores na liña de Henry R. Haggard, o que parece confirmado pola introdución do personaxe de Selene, unha caste de Ayesha malvada que gozaría dunha longa traxectoria posterior. Claremont aproveita a ocasión para introducir tamén a un novo membro do grupo, Magma, nunha aventura que hoxe só podemos xulgar coma inxenua e de perfil (deliberadamente) baixo

O volume válenos tamén para achegarnos ao debuxo de Sal Buscema, un profesional cunha longa traxectoria en Marvel que foi apreciado case unicamente pola súa puntualidade na entrega. Encargado nestes números só de facer uns bosquexos preliminares, os seus lapis serían acabados por distintos artistas con resultados moi desiguais. Bob McLeod, primeiro debuxante da serie e creador gráfico dos personaxes, impón o seu estilo, suavizando o acabado duro de Buscema ata facelo case imperceptible. Sen embargo, o seu peculiar grafismo abrolla nas escenas de acción, resoltas co estilo directo e o sentido do ritmo que caracterizou ao menor dos Buscema durante toda a súa carreira. A combinación co debuxante de orixe dominicana Armando Gil resúltalle pouco favorecedora, polo seu escaso detallismo nos fondos e pola aspereza do seu trazo. Finalmente, o debuxo algo impersoal de Tom Mandrake é o que máis deixa translucir os deseños orixinais dun Buscema que, pouco máis adiante, sería despedido da cabeceira (se cremos a versión de Sean Howe) sen moitas contemplacións. Bill Sienkiewicz chamaba á porta.

Entradas relacionadas
Os Novos Mutantes: Terceira Xénese
Os Novos Mutantes: Fillos das sombras
Os Novos Mutantes: A orixe de Lexión

venres, xuño 14, 2013

Grandville




















Bryan Talbot imaxina en Grandville (Astiberi, 2013) unha Gran Bretaña que inicia o século XX como República Socialista recentemente emancipada do imperio francés, ao que estivo sometida dende a súa derrota nas guerras napoleónicas. Na paisaxe ucrónica que Talbot debuxa, o Reino Unido aparece coma vítima da política colonial que el mesmo promoveu no mundo que coñecemos. A lingua inglesa, a día de hoxe a maior ferramenta de penetración cultural do mundo anglosaxón, é en Grandville un dialecto connotado pexorativamente que sobrevive só no rural. Os británicos falan en francés e son desprezados na antiga metrópole. Simpatizando con eles, o lector estará a censurar o pasado colonial británico no noso mundo, todo un paradoxo (especialmente para o lector británico) que nos indica que a ucronía de Talbot non ten nada de inocente. De feito, a compoñente política do relato, no que atopamos tamén alusións ao 11-S e ás célebres armas de destrución masiva, ten máis relevancia que a de ofrecer un simple escenario no que desenvolver un argumento policial. Ao contrario, diríase que a trama, un misterio criminal, é o pretexto que o autor se dá para presentar ao lector este mundo estraño que non só inverte o pasado histórico de Europa para desenvolver un discurso político, senón que crea un aparatoso escenario mediante a combinación de códigos narrativos diversos .

Unha das referencias máis obvias da obra é a estirpe holmesiana dos protagonistas, o inspector Le Brock de Scotland Yard e o seu axudante Roderick Ratzi. Aínda que a filiación das dúas figuras é máis que evidente, Talbot xoga a mudar os estereotipos, cun detective menos flemático e máis violento que o de Conan Doyle, ademais de activo sexualmente, e un pseudo-Watson que non se limita a ser testemuña asombrada das investigacións do seu compañeiro senón que é tamén un home de acción. Habería que especificar que non é un home senón unha rata, xa que Talbot concibe os seus protagonistas coma funny animals. Orabén, dado o ton sombrío do relato e o notable grao de violencia da trama, os animais de Grandville teñen pouco de funny. Ao contrario, participan da tendencia máis recente que subverte a tradición orixinal dos animais antropomórficos empregándoos en obras que pouco teñen que ver co entretemento infantil. E finalmente, o conxunto do relato desenvólvese nun grandioso escenario no que a ambientación art-déco convive con tecnoloxía anacrónica na mellor tradición do steampunk.

Grandville revélase así coma un texto hipercodificado, no que un aparatoso aparello formal sostén unha trama policial sinxela, mesmo convencional, e no que o máis interesante son as lecturas en clave política que suscita o escenario. O plan do autor é desenvolver a cabeceira en cinco volumes dos cales xa foron editados os tres primeiros. Esta primeira aventura pode considerarse unha introdución prometedora, mais está por ver se Talbot é quen de tirarlle todo o partido a este peculiar mundo que creou.