mércores, abril 23, 2014

Next Men 3

























Un grupo de rapaces con facultades extraordinarias foxe da sinistra corporación que os creou. Non me refiro aos Next Men de John Byrne senón a DNAgents, a cabeceira creada en 1983 por Mark Evanier e Will Meugneot. As semellanzas entre ambos títulos non rematan aí xa que, como Byrne, Evanier e Meugneot preferiron desenvolver o seu proxecto á marxe das grandes editoras norteamericanas (publicarían a súa obra en Eclipse Comics), co propósito de conservaren o copyright das súas creacións. Se aquela cabeceira é lembrada hoxe con certa nostalxia é, ademais de polos seus modestos achados, pola súa contribución ao proceso de construción dunha alternativa autorial ao cómic comercial norteamericano. Alternativa á que Byrne se sumaría anos máis tarde, nos primeiros 90, con Next Men.

Máis que unha inspiración directa, as semellanzas entre un e outro título indican que Byrne non foi excesivamente orixinal na súa proposta, senón que se limitou a combinar unha serie de tópicos narrativos habituais das distopías futuristas cos propios do tebeo superheroico. A mesma premisa inicial, na que un grupo de rapaces caen ao mundo real dende o contorno idílico ("o invernadoiro") no que foron criados, remite á expulsión de Adán e Eva do Paraíso, outro tropo narrativo que ten sido revisado en innumerables ocasións. As connotacións bíblicas do relato son aínda máis claras á altura deste terceiro tomo da serie (Norma, 2014), no que a os protagonistas deberán confrontar unha serie de problemas derivados da súa conduta sexual. Afeitos a unha sexualidade puramente gozosa e irresponsable, os protagonistas aprenderán que no mundo real o sexo trae consigo consecuencias non desexadas. A máis obvia, a fecundación, mais tamén a transmisión venérea do seu estigma, é dicir, da condición de criaturas extraordinarias mais tamén anómalas. Fóra do Edén, o pecado. O embarazo dunha das protagonistas e a transformación, por contaxio sexual, dunha humana nunha criatura superpoderosa (e fóra de control) centrarán as novas aventuras dos Next Men, que Byrne comezou a organizar en arcos argumentais de catro capítulos: Fe, Poder e Mentiras.

Como adoita acontecer cando se prolonga un argumento aparentemente concibido para ser breve, o relato comeza a dispersarse á altura deste terceiro volume. Os personaxes, probablemente a mellor baza de Byrne ata o momento, pasan a un segundo plano para darlle preferencia ás diversas peripecias que o autor foi tecendo. En primeiro lugar, unha reedición do ciclo de Fénix Escura (poder-corrupción-caída) cunha secundaria coma protagonista. Byrne aproveitaría este ciclo para introducir fugazmente a algúns personaxes que naqueles anos compartían liña editorial cos Next Men en Dark Horse: Hellboy, Concrete, Monkeyman & O'Brien. O seu papel sería puramente anecdótico. A narración iría in crescendo ata desembocar nun complot para asasinar o Presidente norteamericano, un dos viláns da serie, na que os Next Men se verán involucrados. O clímax virá acompañado dun twist final, unha revelación coherente e ben deseñada que devolve o título ao seu carril central antes de ser bruscamente interrompida. Como xa mencionamos, a continuación tardaría 15 anos en chegar, pero a presente edición de Norma reducirá ese oco a apenas uns meses.

Entradas relacionadas
Next Men 1
Next Men 2

xoves, abril 17, 2014

Emma Ríos e José Domingo, entre os nominados aos Premios Eisner

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Moita ledicia nas redes sociais tras coñecerse que tanto Emma Ríos coma José Domingo (e tamén David Aja) están nominados aos prestixiosos Premios Eisner en diversas categorías. No caso de Emma Ríos, as nominacións (mellor debuxante e mellor portadista) non só recoñecen a versatilidade e constante evolución da artista arousana, senón que premian a súa aposta pola creación autorial, algo que non debería sorprender a ninguén que coñeza a traxectoria da debuxante antes da súa irrupción no mercado norteamericano. Especialmente merecida me parece a súa candidatura na categoría de mellor portadista, vista a beleza arroutada das súas cubertas para Pretty Deadly, aínda que terá que competir con artistas de talento contrastado coma Chris Samnee ou o propio David Aja. As restantes nominacións colleitadas por Pretty Deadly, incluída a da súa compañeira nesta viaxe, Kelly Sue DeConnick, coma mellor guionista, confirman o título coma un dos principais cómics mainstream de autor (parece unha contradición?) da tempada. Non é pouco.
 
Pola súa banda, Aventuras de un oficinista japonés dálle unha nova alegría a José Domingo, ao ser nominada a súa edición en inglés coma mellor obra internacional. Moi longo percorrido o deste peculiar traballo e unha demostración de que, ás veces, a imaxinación e a claridade de ideas son máis eficaces que as pretensións grandilocuentes.
 
Para difundir esta excelente noticia, escribín unha breve nota en Qadriños, que pode lerse aquí.

domingo, abril 13, 2014

Esenciais ACDCómic - Segundo semestre de 2013

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
ACDCómic vén de facer público o seu listado de títulos Esenciais correspondente ao segundo semestre de 2013. Coma no primeiro semestre, a selección inclúe 25 novidades e 5 clásicos, aos que se suman 5 títulos infantís de todo o ano. Deste xeito queda completa a proposta da Asociación de Críticos e Divulgadores de Cómic para todo o ano pasado, un total de 65 referencias que, a xuízo dos membros da mesma, merecen ser consideradas pola súa calidade. Toda escolma deste tipo é de seu obxectable, mais coido que o interese e tamén a variedade das obras elixidas está fóra de toda dúbida. Os Esenciais ACDCómic de 2013, aquí.

sábado, abril 12, 2014

O Dublín de Joyce e máis alá

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Regreso ás Paisaxes de papel despois dunha ausencia probablemente demasiado longa e que foi debida a unha mestura de causas, a metade propias, a metade alleas. O destino elixido desta volta é Dublín, cidade que a BD nos amosa como fortemente vinculada a personaxes reais e feitos históricos. O punto de partida é o Dublín no que naceu e medrou o escritor James Joyce, do que Alfonso Zapico elaborou unha completa biografía en Dublinés e que ampliou cun traballo posterior de tipo documental, La ruta Joyce. Seguindo coa familia Joyce, rastrexamos as pegadas da cidade en La niña de sus ojos, un interesante estudio biográfico de Mary e Bryan Talbot que se centra na figura de Lucia, filla do escritor irlandés. Outro feito histórico, a visita do mariscal Tito a Londres en 1953, é a premisa da que parten Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí para desenvolver Hágase el caos, un intenso thriller de espionaxe e conspiracións que tamén terá parada en Dublín. Finalmente, un dos iconos da BD, Corto Maltés, protagonizaría tamén unha breve aventura na capital irlandesa en 1916, cando ésta se atopaba en plena loita pola emancipación. Cómics e autores diversos cunha paisaxe coma factor común, esa é a vocación da columna. Velaí O Dublín de Joyce e máis alá.

martes, marzo 25, 2014

A BD galega que vén

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
A propósito do recente informe "La industria de la historieta en España en 2013" da Asociación Cultural Tebeosfera, convidei as principais editoras de BD galegas a que fixesen un balance de 2013 e adiantasen, na medida do posible, os seus plans para 2014. O resultado é A BD galega que vén, artigo que acaba de saír publicado en Praza. Malia que hai un par de referencias non contabilizadas por Tebeosfera e que coido que si poderían engadirse á súa lista, cómpre salientar, en primeiro lugar, que si houbo un incremento do número de títulos editados en galego, pasando dos 13 de 2012 aos 20 de 2013. Mais hai que ser prudente xa que, nun sistema tan cativo coma o noso, o destino dun simple axente ten unha repercusión notable sobre o global, e iso vale tanto para un proxecto que nace coma para outro que morre. Así, case podemos dicir que a diferenza entre o pasado ano e o anterior marcárona os cinco números da revista Oink! e que se a cabeceira desaparece definitivamente (e nesas estamos) poderiamos volver de inmediato á situación anterior. Eis a consistencia da "industria" da BD galega.
 
Por non querer parecer pesimista de máis, coido que si hai unha tendencia consolidada nos últimos anos. Mal que ben xurdiron varios proxectos editoriais que teiman en que exista unha edición de cómic en galego e non parece casual que os seus catálogos, os seus plans editoriais e as súas estratexias de mercado estean claramente diferenciadas. É obvio que non hai unha acción concertada, mais o noso microsistema editorial remata por adoptar de forma natural o único aspecto posible, a dun único ente cuxos compoñentes non compiten entre si senón fronte os seus equivalentes en castelán. As forzas son tan desiguais que non me parece esaxerado dicir que a vocación das editoras galegas de BD é de pura resistencia, facerse cun pequeno oco no mercado e aspirar a amplialo lentamente, a medio prazo. O mercado do libro galego pode ser un bo espello no que mirarse.
 
Exista ou non esta mentalidade, o certo é que nos últimos anos asistimos a un aumento da produción propia e á recuperación de obras recentes de autores da terra ao tempo que clásicos indiscutibles do medio eran vertidos ao galego. O que se ten feito xa é valioso e segue vivo, mais só medrará se existe un lector que o fai posible votando. Votando co peto, claro, que é a única democracia que recoñece o mercado. Quen queira mercar BD en galego atopará este ano, se se cumpren os plans que as editoras adiantaron, unha oferta variada e prometedora, cando non de calidade contrastada (ven a imaxe que acompaña este texto?). Os títulos e os autores están no artigo. Nun ano botamos contas.

venres, marzo 14, 2014

Qadriños: El Patito publicará “City of Glass” en galego

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Breve anotación en Qadriños para celebrar o anuncio, por parte da editorial El Patito, da inminente publicación en galego de Cidade de Cristal, a magnífica e moi influente adaptación da novela de Paul Auster que levaron a cabo Paul Karasik e David Mazzuchelli a mediados dos 90. E atención, a versión galega é de Xavier Queipo.

mércores, marzo 12, 2014

El gato perdido

 
Se comparamos os primeiros traballos de Jason, que chegaron a nós en torno ao ano 2000, cos máis recentes, podemos chegar a conclusión de que o artista noruegués apenas evolucionou neste tempo. Chama a atención que un grafismo tan persoal como o seu estivese xa notablemente definido nas súas primeiras obras e que o seu debuxo actual non sexa máis que unha versión algo máis precisa do de títulos como Chhht! (Astiberri, 2002) ou Espera... (Astiberri, 2004). Neste tempo temos asistido a pequenas variacións en aspectos como o uso ou non de cores ou o recurso a estruturas de páxina repetitivas, mais os elementos esenciais (o uso de animais antropomórficos, un catálogo de figuras limitado e recorrente, a frialdade dos rostros, o trazo sintético, as cores planas, a ausencia de sombras, etc.) manteñen unha presenza constante. Algo semellante acontece coas claves narrativas e temáticas que explican a súa obra. O acento sentimental e melancólico do que participan todos os seus títulos comezou a presentarse axiña baixo formas propias de xéneros populares (espadachíns, atracos, nazis, robots...), mais sempre marcando distancias, sen asumilas por completo. O xogo coas expectativas do lector, o gusto polo desvío, polo contraste e a mestura (moitas veces atolada) de convencións narrativas conforman outros tópicos que o autor vén cultivando dende os seus inicios. Xa que logo, Jason si evolucionou neste tempo, mais sempre dentro das marxes que el mesmo estableceu nos seus primeiros títulos. Cada novo traballo afonda nas mesmas claves autoriais para ofrecer unha nova versión, cada vez máis precisa e ensimesmada, do seu persoal imaxinario.

En consecuencia, nada do que atopamos en El gato perdido (Astiberri, 2014) debería sorprender en exceso a un lector medianamente coñecedor da obra do seu autor. Desta volta, a premisa argumental toma como punto de partida os códigos do xénero negro na súa versión máis canónica, cun protagonista que é un detective de gabardina e chapeu, e unha trama que xira arredor das súas investigacións. Mais as mencións explícitas (e irónicas) a Chandler, así coma outras citas literarias (Carver, Auster...), convidan axiña a tomar certa distancia e prever un desenvolvemento afastado de tópicos. Unha vez máis, todo o anterior resulta ser o decorado no que se desenvolve a historia dun namoramento súbito, un relato emocionalmente frío na superficie, mais cun poderoso caudal sentimental a discorrer soterradamente. O lector que se deixe levar asistirá a un estridente twist final, unha estrondosa colisión de xéneros coidadosamente anticipada por pistas que non debería sorprender a quen coñeza os antecedentes do autor. El gato perdido é, xa que logo, un artefacto xenuinamente jasoniano, unha nova volta de rosca ao imaxinario do autor noruegués que recolle os lugares comúns do seu traballo previo e consegue transformalos en algo sutilmente novo.

martes, marzo 04, 2014

Rural, crónica de un conflicto

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Un dos personaxes de Vermello e negro afirma que a política é unha pedra pendurada do pescozo da literatura, sentenza que coincide con outra frase célebre que Stendhal introduciu nesta obra e tamén en A cartuxa de Parma: falar de política nunha obra literaria é coma disparar na metade dun concerto, “algo groseiro ao que, sen embargo, non se lle pode negar certa atención”. Tense discutido moito acerca do que quería dicir exactamente Stendhal con estas afirmacións, mais todo indica que non era moi partidario de incorporar o debate político á obra literaria. Non sei que opinaría ao respecto o historietista francés Étienne Davodeau mais, de fiármonos polo conxunto da súa obra, todo indica que non debería estar moi de acordo. Dous dos seus títulos máis coñecidos, La mala gente ou Ha muerto un hombre, ambos a metade de camiño entre a memoria familiar e o xénero documental, serían unha contundente demostración de que se pode acadar a excelencia abordando frontalmente argumentos políticos. Mais hai tamén na súa produción outros traballos (El testimonio ou o recente e xustamente aclamado Los ignorantes) que, sen facer de cuestións políticas a substancia fundamental do relato, si acollen con naturalidade contidos desta natureza. Mais non nos trabuquemos, a concepción do político en Davodeau sobrevoa a dialéctica partidista para aventurarse no terreo no que as decisións persoais adquiren relevancia pública.

Un novo exemplo da presenza do político na obra de Davodeau é Rural, crónica de un conflicto (La Cúpula, 2014), título publicado orixinalmente en 2001 no que atopamos moitas das claves da súa obra previa e posterior. Por unha banda, o autor volve achegarse ao mundo do traballo no campo, do que xa se ocupara en La mala gente, e faino asumindo outra vez formas próximas á reportaxe xornalística. Mais a súa perspectiva muda, substituíndo a mestura de ollada histórica e memorialismo daquel traballo por un afán divulgativo que o achega ao máis recente Los ignorantes. De feito, é probable que a excelente acollida da que gozou este título o ano pasado resultase determinante para a recuperación de Rural, obra coa que garda semellanzas moi evidentes e que levaba máis de dez anos inédita.

En Rural atopamos unha minuciosa exposición do traballo diario de tres gandeiros que levan conxuntamente unha explotación na que se produce leite bio, o que implica que non seguen un modelo de produción intensiva senón que se valen de procedementos máis naturais, respectuosos co medio ambiente, co propio ritmo natural das bestas, e tamén, de forma inevitable, máis caros e custosos. Máis outra vez, Davodeau presenta ao lector persoas que escollen o camiño difícil, que optan conscientemente por un estilo de vida cheo de dificultades e que o fan guiándose unicamente por conviccións persoais. “Moléstame cando a xente di que come bio só por cuestións de saúde”, di un dos protagonistas cando Davodeau lle comenta que as virtudes dos produtos ecolóxicos non son recoñecidas unanimemente. O que Olivier, Étienne e Jean-Claude consideran beneficioso para a saúde non é o produto do seu traballo senón o propio modelo de produción. Fronte o interese persoal que representaría a preocupación pola propia saúde, eles guíanse por unha idea de beneficio colectivo que derivaría do emprego de formas de produción sostibles.

Para confirmar que a vida a contracorrente está sempre chea de obstáculos, os tres gandeiros protagonistas deberán afrontar a inminente construción dunha autovía que divide os terreos que ocupan, poñendo en cuestión a viabilidade da súa explotación. Errará quen pense que nos atopamos de novo perante a clásica tirapuxa entre tradición e modernidade. O modelo de produción que se presenta ao lector non renuncia aos adiantos técnicos senón á ditadura do beneficio a curto prazo. A súa modernidade é evidente. Pola contra, o que Davodeau propón é que nos cuestionemos se a autovía é realmente necesaria, se haberá alternativas de comunicación máis beneficiosas e se o seu trazado é o idóneo. A súa ollada inverte as asuncións de sentido común: se cadra o que se nos presenta como moderno non é tal e viceversa. E aínda máis, os movementos asociativos contrarios á construción da autovía ofrecen unha perspectiva sobre a orixe e evolución do proxecto que esclarece o alcance do seu impacto ao tempo que, sen caer en teorías conspiratorias, sementa dúbidas sobre os intereses realmente implicados no mesmo: políticos, empresariais e económicos. De forma consciente, Davodeau decide non conceder dereito de réplica á autoridade competente, da que non espera outra cousa que un discurso publicitario. “Non me interesa que ese discurso se difunda a través do meu libro”, di.

Vivimos en tempos de ironía extrema e desconfianza, mesmo ridiculización, das ideoloxías. O pensamento hexemónico non recoñece outro criterio de valoración para as iniciativas empresariais que o beneficio económico, nin mellor guía para o comportamento individual que a procura da satisfacción das propias necesidades. As súas engrenaxes traballan con eficacia para invisibilizar ou desprestixiar os que actúan conforme un sistema de valores diferente. As apelacións ao colectivo resultan sospeitosas, o movementos asociativos son descualificados con argumentos estereotipados. Rural, como outras obras de Davodeau, funciona coma un contradiscurso que demostra que existen outras formas de pensar pero tamén e sobre todo, outras formas  de actuar, ofrecendo un relato arroutado e fermoso sobre algo tan simple como a coherencia persoal.

martes, febreiro 11, 2014

Fashion beast


Un lector pouco informado que atopase un exemplar de Fashion beast (Panini, 2013) nunha libraría pensaría, con toda probabilidade, que se trata dun cómic de Alan Moore, no mesmo sentido en que V de Vendetta, Watchmen ou The League of Extraordinary Gentlemen son cómics de Alan Moore. Sen embargo, os lectores medianamente informados (se cadra estou trabucado, pero coido que son maioría, cando menos entre os que visitan puntos de venda especializados) saben que isto non é exactamente así. Coma outras obras publicadas pola editora norteamericana Avatar Press (Alan Moore’s Magic Words ou The Courtyard, por exemplo), estamos perante unha adaptación á banda deseñada dun traballo que non foi concibido inicialmente como tal por parte do escritor británico. Neste caso, trátase do guión dun proxecto cinematográfico que o egrexio Malcom McLaren lle encargou a Moore contra finais dos 80, que nunca chegaría a rodarse, e que agora chega a nós convertido nun cómic serial de 10 números. Agora ben, contradicindo o que rotundamente anuncian as capas do cómic, tanto na súa edición orixinal coma especialmente na edición española, os autores deste cómic non son Moore e McLaren (“de Sex Pistols”, como enfaticamente lembra a cuberta de Panini), que serían os creadores do texto que o inspira, senón Anthony Johnston, responsable da “adaptación secuencial” (?) e o debuxante Facundo Percio, encargado do apartado gráfico.

Coido que axuda a comprender este relato lembrar que foi na época da que data este proxecto, entre finais dos 80 e principios dos 90, cando tivo lugar o auxe internacional das supermodelos. Mulleres como Claudia Schiffer, Naomi Campbell, Linda Evangelista ou Cindy Crawford invadían revistas, vallas publicitarias e espazos de ocio, traendo tras de si un mundo de desfiles, beleza, glamour e tamén descubrindo a uns deseñadores que reclamaban para si a condición de artistas. A música poñíaa George Michael. Axiña chegaron as primeiras sátiras que se cebaban na frivolidade, impostura e vaidade deste mundiño, aínda que reflectían tamén unha inconfesable fascinación polo mesmo. Prêt-a-Porter, filme pouco afortunado de Robert Altman, podería ser paradigma desta tendencia. E é neste contexto cando, seica, Malcom McLaren lle encomenda a Alan Moore a o guión para unha fita ambientada no mundo da moda.

O resultado, Fashion beast, é un conto de fadas escuro, ambientado nunha sociedade temerosa do holocausto nuclear que vive sometida ao ditado das tendencias estéticas. Protagonizan o relato dous mozos que buscan o triunfo, ela como modelo, el como deseñador. Atoparano, cada un ao seu xeito, mais con significados ben distintos. Mentres que o éxito dela é só individual e confirma as relacións de poder vixentes (a ditadura do deseñador Celestine), o suceso del cuestiona o poder establecido e trae consigo a liberación popular. Adivíñanse xa nesta trama algúns elementos característicos da escrita de Moore daqueles anos: a descrición dunha sociedade acovardada pola ameaza da bomba que é case unha cita de Watchmen, unha chamada á revolta popular que conecta directamente con V de Vendetta e a configuración dun escenario sinistro e abafante que ben podería sintetizar as semellanzas entre estes dous títulos capitais. Non se pode deixar mencionar unha certa inxenuidade de fondo, que se cadra sorprenderá aos coñecedores do Moore máis descrido, pero que non deixa de estar en consonancia co ton de fábula que preside a narración e que vén confirmado por unha posta en escena deliberadamente artificiosa.

 Precisamente nesa proposta estética, excesiva e teatral, reside boa parte do interese desta obra, na que as sombras acubillan a criaturas deformes e os nomes dos protagonistas son epítetos (Doll e Tomboy). Cómpre salientar o minucioso labor de Facundo Percio, que foi quen de caracterizar con eficacia dous personaxes principais tan complicados coma os que suxería o guión (unha muller que semella un home efeminado e un home que semella unha muller masculina) e crear unha atmosfera opresiva mais cun punto kitsch e démodé, unha caste de Fantasma do paraíso en cómic. É ese aire de ópera rock retro o que lle concede a Fashion beast un interese que vai máis aló da explotación do nome dos seus creadores orixinais, conseguindo transmitir a sensación de que, de terse chegado a rodar, o filme sería hoxe un título de culto.

mércores, febreiro 05, 2014

La propiedad

























Non é doado ás veces sobrepoñerse ao éxito. A historietista israelí Rutu Modan deuse a coñecer internacionalmente con Metralla (Sins entido, 2006), relato no que dous mozos tentaban averiguar se o pai dun deles se atopaba entre as vítimas sen identificar dun atentado acontecido en Israel. A obra acadou recoñecementos e boas críticas, e a súa autora comezou a ser citada canda outros nomes (Marjane Satrapi, Alison Bechdel, Frederik Peeters...) cos que mantiña unha difusa coincidencia, xa fose polo contido social do seu traballo, pola súa procedencia afastada dos principais centros de produción de BD ou mesmo pola súa simple condición de muller historietista. Non era o seu debut, mais si o seu primeiro traballo dunha certa entidade. Anteriormente formara parte do colectivo Actus Trágicus, aportando narracións breves a publicacións colectáneas do grupo, a maioría delas recollidas en Jamilti y otras historias de Israel (Sins entido, 2008), obra claramente inferior a Metralla pero que nos permite formarnos unha imaxe máis completa da autora e ter certa perspectiva sobre a súa evolución. Con posterioridade emprendeu proxectos diversos, coma colaboracións co New York Times (unha columna/blog, un serial), participación en obras colectivas ou unha incursión na literatura infantil ilustrada. Mais non foi ata a recente publicación de La propiedad (Sins entido, 2013) que contamos cun traballo que, polas súas características, pode compararse directamente coa obra que lle deu a sona á autora.

Podemos dicir que La propiedad non só resiste a comparanza con Metralla, senón que recolle moitas das súas virtudes e mesmo consegue levalas máis aló. Protagonizan o relato dúas mulleres, Regina e Mica, avoa e neta, que viaxan a Varsovia co propósito de reclamar unha antiga propiedade familiar. Mais a viaxe tornará en algo menos prosaico: a evocación das duras lembranzas de mocidade para Regina, que fuxiu de Polonia tras a ocupación nazi, e a descuberta do seu pasado familiar por parte de Mica. Modan constrúe un relato sobre a recuperación da memoria persoal e familiar, e faino situando como pano de fondo o holocausto, suceso traumático para o pobo xudeu e auténtico acontecemento central do século XX que ten sido abordado pola ficción en innumerables ocasións. Mais no canto de subordinar a súa pequena historia ao macrorrelato da persecución dos xudeus polos nazis, Modan opta por situar no primeiro plano as vivencias de Regina e Mica en Varsovia, aproveitando sen malversar o abundante caudal emocional que acompaña aqueles feitos. Neste aspecto a obra lembra a Metralla, relato sobre o que sobrevoaba o conflito entre israelís e palestinos, que recibía por parte da autora un tratamento moi semellante. Tanto naquel caso coma neste, Modan prescinde de excesos tráxicos e aposta pola construción de personaxes sólidos e por un argumento que dosifica con intelixencia drama, humor e unhas pingas de misterio.

É probable que sexa no debuxo onde máis se evidencie a evolución de Modan neste tempo. As claves do seu grafismo seguen a ser as mesmas: o trazo limpo, a liña clara, a síntese das formas, moi especialmente nos rostros, as cores planas, sen case matices. Sen embargo, as súas páxinas son máis claras e directas, debido a unha mellor planificación, a unha posta en páxina máis coidada e tamén á maior variedade de recursos empregados. Os rostros gañaron en expresividade e as imaxes foron enchéndose de detalles, eliminando a sensación de baleiro que transmitían algúns dos seus traballos precedentes.

La propiedad fai esvaecer calquera dúbida acerca da capacidade de Modan para sobrepoñerse ao éxito de Metralla e deixa claro que estamos perante unha das historietistas máis talentosas da actualidade.

Entradas relacionadas
Metralla