martes, maio 16, 2006

A derrota do pensamento



A derrota do pensamento é, cando menos, un libro estraño. Un ten a sensación de que ou Alain Finkielkraut se excedeu na exposición dos antecedentes ou se quedou curto na redacción da súa tese. Por outra banda, non é doado posicionarse perante ésta, xa que o autor se limita a expresar unha protesta fronte a unha situación de feito pero sen construir alternativas á mesma ou á corrente de pensamento que a propicia.

O libro estructúrase en tres partes. A primeira adícase a contrapoñer o racionalismo francés ó concepto alemán de Volkgeist. A obra de Voltaire ou os enciclopedistas sostería a existencia de rasgos culturais comúns a toda a humanidade; a idea de Volkgeist ou “espíritu do pobo” baséase, pola contra, no carácter continxente e conxuntural de toda actividade humana. O auxe dos nacionalismos de finais do século XVIII viría a avalar esta segunda tese, segundo a cal as manifestacións culturais deben comprenderse dentro do seu contexto xeográfico e cronolóxico. Finkielkraut expresa a súa preferencia polo universalismo cultural, pero sen proceder á desactivación ideolóxica da liña de pensamento contraria.

A segunda parte achéganos á actuación da ONU e máis concretamente da UNESCO con posterioridade á Segunda Guerra Mundial. Como antídoto fronte as arelas conquistadoras e asimilacionistas da Alemaña nazi plantéxase a necesidade de dignificar as culturas particulares, de xeito que se recoñece a pluralidade e igualdade das culturas do mundo. Esta idea, que permite desbotar a superioridade dunhas manifestacións culturais fronte a outras, desagrada igualmente a Finkielkraut, que destaca algunhas das contradiccións das súas versións máis exacerbadas pero, máis outra vez, sen dar alternativas.

A exigua terceira parte adícase á exposición do corolario que o autor extrae de todo o anterior: que eses particulares xiros históricos conduciron a unha situación como a actual, na que se propugna non só a igualdade entre culturas senón tamén entre manifestacións artísticas, de xeito que un eslogan publicitario, un vídeo-clip ou partido de fútbol están a mesma altura que unha obra de Shakespeare, un cadro de Picasso ou unha ópera de Verdi.

Debo recoñecer que os argumentos de Finkielkraut están en moitas ocasións cargados de razón, e iso fundamentalmente porque apunta case sempre cara as situacións máis extremas que se dan no contexto actual. Pero un non pode evitar pensar que se elude a confrontación con versións máis moderadas do mesmo pensamento é pola dificultoso que resulta argumentar en contra. A obsesión por xerarquizar maniféstase tanto en quen mantén a superioridade da música clásica sobre o rock como en quen sostén a súa paridade. A cuestión é se a música popular, o cómic, a publicidade etc. poden ou non ser depositarios de valores artísticos. Atrévome a pensar que a resposta debe ser afirmativa mesmo para alguén de preferencias tan distantes como as do autor.

O problema non é, xa que logo, o posicionamento do autor, senón a vía pola que o mantén. Sabido é que non abonda con descalificar unha corrente de pensamento para dar por boa a que se lle opón; a antítese debe ser exposta, desenvolvida e fundamentada de seu e non só por oposición. Este segundo paso é o que elude Finkielkraut, que se limita a presentar as eivas dunha corrente de pensamento sen deixar claro se realmente el mantén o contrario (neste caso, que si hai valores universais e manifestacións culturais universalmente superiores ó resto) e, nese caso, en base a que ideas. Por se fose pouco, sempre escolle como branco das súas críticas á víctima máis propicia para os seus propios intereses, isto é, nunca amosa as versións máis significativas das teses ás que se opón senón as máis extremas.

Unha mágoa, considerando que, cando mantén posiciones constructivas, Finkielkraut aporta ideas interesantes e perfectamente asumibles. Así o fai cando se refire á educación (“a escola é a derradeira excepción ó self-service xeralizado; (...) a escola é moderna e os estudantes son posmodernos”) ou ó fenómeno da inmigración en Europa (“Tratar ó estranxeiro como individuo non é obligalo a copiar todos os seus comportamentos das maneiras de ser en vigor entre os autóctonos, e é posible denunciar a desigualdade entre homes e mulleres na tradición islámica, sen que iso signifique querer revestir ós inmigrados musulmáns cunha librea de prestado ou destruir os seus vínculos comunitarios. (...) O espíritu dos Tempos modernos europeos, pola súa parte, acomódase perfectamente á existencia de minorías nacionais ou relixiosas, a condición de que estén compostas, a partir do modelo da nación, por individuos iguais e libres”).

Ningún comentario: