domingo, maio 15, 2011

Mamed Casanova, o fillo da furia



Mamed Casanova, o fillo da furia (Demo, 2010) de Manolo López Poy e Miguel Fernández xira arredor dunha figura tan propria da historia e tamén do imaxinario galego coma a dos bandoleiros e fuxidos. Son moitos os estudos que sobre eles se teñen publicado na nosa terra e non poucas as ficcións (dende o paródico Fendetestas de El bosque animado ao Morning Star de Xosé Miranda) que se ocupan deles. Posta en relación coa obra coa que a editorial Demo comezou a súa andaina, Os lobos de Moeche (Demo, 2009) de Manel Cráneo, ambientada nas revoltas irmandiñas, parecería confirmarse unha vontade da editora de procurar un mercado para a banda deseñada en galego e de temática centrada en Galicia. O máis recente traballo publicado por Demo, Sen mirar atrás de Dani Montero (Demo, 2010), cuestionaría esta conclusión ou, cando menos, indicaría que a editorial traballa con horizontes máis amplos, algo que sen dúbida resulta igualmente saudable.

A obra que nos ocupa busca desacomplexadamente integrarse na categoría "baseado en feitos reais", relatando algúns dos episodios máis relevantes protagonizados polo fuxido Casanova, que lavou a cabo as súas actividades á marxe da lei nas proximidades de Ortigueira a principios do século XX. O guión, escrito con oficio por López Poy, aproveita o halo de romanticismo que rodea á figura do bandoleiro, sementando dúbidas acerca da lexitimidade dos poderes legais e fácticos e presentando a Casanova se non coma un heroe, si cando menos coma un personaxe máis ético que os seus opoñentes. Nunha sociedade inxusta, clasista, violenta, resulta doado identificarse cos revoltados.

A solidez do relato de López Poy atopa un alicerce fundamental nos deseños dun Fernández que compón con intelixencia e amosa unha notable soltura no branco e negro. Aínda que o seu estilo adoece dunha certa indeterminación entre o realista e o caricaturesco, a súa recreación da Galicia dura, ríspeta e sombría de principios do século XX non deixa dúbidas acerca do persoal da súa ollada. A eficaz compenetración dos dous autores sustenta unha obra que pode abordarse coma simple aventura, mais tamén coma aproximación preliminar a un fenómeno social e a un período histórico.

Ningún comentario: