Raúl López detalla no prólogo de Powers: Z (Panini, 2011) os motivos que xustificarían o relanzamento da cabeceira cun novo número 1 coincidindo con este arco argumental (falamos, obviamente, da edición norteamericana; aquí publicouse sempre por tomos); ningún realmente convincente. A serie experimentou un profundo cambio de enfoque con ocasión do seu traslado de Image a Marvel-Icon, feito que conlevou unha primeira renumeración comprensible, mais de aí en adiante todo transcorre polo mesmo camiño. É certo que o tomo anterior pechaba unha longa subtrama coa substitución dun personaxe tan relevante como Deena Pilgrim, mais non é menos certo que a súa saída é máis virtual que real e que xa a temos de volta no final desta nova entrega. Xa que logo, os motivos, se os hai, son externos á lóxica interna da serie e con toda probabilidade de natureza comercial.
Polo demais, neste volume Brian M. Bendis segue a encher os ocos do pasado de Brian Walker, cun argumento que introduce fragmentos retrospectivos ambientados na Segunda Guerra Mundial, na que o hoxe policía loitou coma superheroe contra as potencias do Eixo no típico grupo seudo-JSA. Estamos perante un exercicio de retrocontinuidade non excesivamente referencial, no que, máis aló de reproducir a intervención dos superheroes no conflito, nin as figuras creadas son excesivamente icónicas nin o achegamento creativo se leva a cabo cos parámetros formais da época, solución ésta abundantemente explotada noutras cabeceiras. Pola contra, Michael Avon Oeming mantén o seu rexistro gráfico habitual tamén nas escenas que transcorren no pasado, probablemente porque o argumento, lonxe de incidir na inxenuidade nostálxica dos cómics daquela época, recunca na visión turbia e desmitificadora da figura superheroica.
O que comezou sendo un paseo noir polo patio traseiro das mitoloxías superheroicas rematou por converterse, case inadvertidamente, nun policíaco moito máis centrado nos personaxes protagonistas. A forza da proposta orixinal foi quedando polo camiño e aos creadores non lles quedan máis bazas que o atractivo de Walker e Pilgrim. Non se trata dun mal argumento, mais se cadra menos orixinal e ambicioso que o que deu sentido á cabeceira na súa orixe.
Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Identidade secreta
Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos
Ningún comentario:
Publicar un comentario