Lin os dous primeiros álbums de O Escorpión, A marca do diaño (Norma, 2001) e O segredo do Papa (Norma, 2002), haberá catro ou cinco anos. A impresión que levei daquela foi que se trataba dunha cabeceira que apostaba explícitamente por reproducir os esquemas clásicos do relato de aventuras a través dun guión xeneroso en acción e dun acabado gráfico de atractivo indiscutible. Sen negar a eficacia da proposta, decidín que non era eu o lector ao que se dirixían os seus autores, Stephen Desberg e Enrico Marini. Iso si, lectores non deben de faltar, xa que a cabeceira vai xa pola novena entrega (con oito delas publicadas en España) máis un especial que se nutre de extras (deseños, bosquexos) non excesivamente valiosos e polo tanto dirixidos a seguidores incondicionais.
Achégome agora ao conxunto da obra publicada no noso país con intencións vicarias e recunco nas miñas impresións preliminares. A serie asume con sinceridade os seus presupostos lúdicos, adopta unha estrutura lineal, matizada por flashbacks introdutorios ao principio de cada nova entrega e ofrece ao lector equilibradas doses de acción, romance e intriga. Pouco importan os escasos matices con que e son definidos os personaxes, a teatral maldade do Cardeal/Papa Trebaldi, a inconsistente personalidade do Escorpión ou a súa previsible tirapuxa sentimental cos personaxes femininos, definidos apenas por contraste entre si, a unha en función da outra. O relevante é a renovación cíclica do espíritu aventureiro, o continuo plantexamento de retos, a constancia do pulso narrativo.
Dende o punto de vista gráfico, é unha obviedade destacar a espectacularidade do debuxo de Marini, artista dunha elegancia fácilmente apreciable. Chaman a atención, no negativo, algúns problemas nas perspectivas, especialmente nos primeiros tomos. Mais resulta igualmente salientable a forza icónica que imprime aos seus deseños, outorgándolle aos distintos personaxes unha imaxe inmediatamente recoñecible. Non é precisamente o Escorpión quen mellor exemplifica este rasgo, senón os personaxes secundarios: a cigana Mejai (de pel escura, vestida de cíngara, con frascos de veleno a colgar do seu cinto); Ansea Lata (rubia, de porte masculino, dotada de espada); ou o Capitán Rochnan e os seus monxes guerreiros (con capa e carapucha, teatralmente enmascarados). Os seus lapis representan Roma e o Vaticano con toda a súa grandiosidade e outro tanto pode dicirse das máis fugaces paisaxes de Estambul e a Capadocia. Non hai mellor publicidade para a cabeceira que contemplar o espectáculo colorista que recollen as súas páxinas.
Descoñezo cales son os plans dos autores para a serie. Intúo que unha prolongación excesiva podería perxudicar unha trama na que xa comeza a haber conspiracións bíblicas e (glups!) templarios. Mais entendo os motivos comerciais que poden aconsellar unha continuación que encaixa sen forzar excesivamente as premisas argumentais da obra. Se me permiten a obviedade, supoño que teremos Escorpión mentres os autores teñan historias que contar e os lectores queiran lelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario