Pierre Christin e Enki Bilal escenificaban en As falanxes da orde negra (Norma, 2004) unha caste de confrontación final entre dous sistemas ideolóxicos, fascismo e esquerda libertaria, que o devir histórico abocaba á extinción. Os vellos fascistas erguíanse contra o modelo social europeo de finais do século XX (democracias burguesas, capitalismo máis ou menos limitado, Estados do Benestar...) con actos de violencia desesperada, conscientes da súa inutilidade; dábanse por aludidos e asumían a obriga de detelos un fato de ex-brigadistas, non menos desubicados (malia seren outras as apariencias) no novo contexto que os seus adversarios. O que pretendía ser un enfrontamento ideolóxico desembocaba nunha liorta persoal, un axuste de contas entre inimigos irreconciliables.
Christin e Bilal reúnense cinco anos máis tarde en Partida de caza (Norma, 2005), onde retratan a decadencia do bloque soviético. Publicada orixinalmente en 1983, é dicir, seis anos antes de caída do Muro, a obra relata a reunión dun grupo de dirixentes de distintas repúblicas da órbita soviética nun couto arredado da Europa do Leste para levar a cabo unha xornada de caza. Non estragamos nada se adiantamos que o que alí vai acontecer ten pouco que ver co lecer e moito con loitas intestinas polo poder. A cazata é, en definitiva, unha obvia metáfora da purga. Co seu retrato de varios persoeiros de diferentes estados comunistas, Christin e Bilal delimitan distintas posicións fronte ao chamado socialismo real, da ortodoxia militante ao oportunismo máis cínico, pasando por distintos graos pragmatismo e desafección crítica. Bilal, caracteriza os protagonistas coa dureza de trazo que o caracteriza, presentando un elenco de personaxes de perfil pétreo e hieratismo glacial, gráficamente inconfundibles dende a primeira viñeta.
A perspectiva que lle achega ao lector este clima cismático é a dun mozo idealista que asiste ao encontro en calidade de intérprete. Mais non habendo vontade de entenderse entre as partes, senón de se impoñer, e habendo xa unha linguaxe común entre eles (a violencia), a función que lle está reservada será ben outra. Os autores presentan unha praxe política na que a violencia non só é unha ferramenta habitual, senón mesmo, repetindo unha idea presente xa en As falanxes..., o sustrato final da ideoloxía. Christin e Bilal falaron en presente dun sistema político que se desintegraba e que hoxe percibimos cunha lonxanía enganosa. Pero o seu pesimismo vai máis aló, presentando a perversión do sistema coma consecuencia da condición humana, dunha ambición e un desexo de dominio que non coñecen límites.
Entradas relacionadas
Ningún comentario:
Publicar un comentario