sexta-feira, maio 16, 2014

El Nao de Brown

























Se hai algo que lle concede valor aos premios, especialmente aos que polo seu prestixio se teñen convertido en referentes, é a súa capacidade para contribuír a visibilizar obras que, doutro xeito, pasarían desapercibidas. É moi probable que El Nao de Brown (Norma, 2014) non tería sido publicada en castelán de non gozar da condición de obra premiada en Angoulême. E sería unha mágoa, xa que se trata dun traballo que merece a maior difusión e que nos permite descubrir a un autor, Glyn Dillon, practicamente descoñecido malia ter contribuído de forma modesta a cabeceiras coma o Sandman de Neil Gaiman ou Shade, the changing man de Peter Milligan. A liberdade con que se expresa neste traballo propio sitúano moi lonxe do máis recente e discreto Egipto, escrito tamén por Milligan. Cun grafismo de elegancia británica (disimulen o tópico), Dillon desenvolve unha trama intimista centrada nunha protagonista que padece un trastorno obsesivo-compulsivo. A obra sitúase, xa que logo, no ronsel de títulos como Epiléptico ou Píldoras azules, que se teñen convertido en referentes do relato biográfico ou semi con doenzas coma pano de fondo e cuxa influenza na banda deseñada europea posterior está fóra de toda dúbida. Mais Dillon é quen de atopar o seu propio camiño e non só porque a delicadeza do seu trazo e o colorismo doce das súas acuarelas contrasten abruptamente coa sobriedade formal daqueles títulos. Tamén porque o seu desenvolvemento argumental consegue ir máis aló da convivencia coa enfermidade para tecer un verosímil relato sobre relacións persoais e tamén sobre o software do que se vale o ser humano para relacionarse co seu redor. Ademais da patoloxía que padece a protagonista, en El Nao de Brown atopamos personaxes que son atropelados, que padecen unha apoplexía ou que practican a meditación, e todos eles expoñen detalladamente cales eran as súas sensacións mentres atravesaban eses transos, ata completar un pequeno estudo sobre os xogos do cerebro humano cando se atopa en circunstancias, digamos, pouco habituais.

Sem comentários: