segunda-feira, maio 05, 2014

La Gran Guerra




















Joe Sacco volve amosar a guerra en viñetas. O seu novo traballo, La gran guerra (Reservoir Books, 2014), recrea os acontecementos do 1 de xullo de 1916 a carón do río Somme, en Francia, onde tivo lugar un dos primeiros e máis sanguentos lances da I Guerra Mundial. Sacco retorna, xa que logo, ás paisaxes de miseria e desolación que traen os conflitos armados, e que explorara xa con merecida sona nos seus títulos máis influentes, Palestina, Gorazde, zona segura e Notas al pie en Gaza entre outros. Mais a perspectiva muda, xa que o autor abandona o formato de crónica xornalística e renuncia ao que ata o de agora fora un dos eixos fundamentais da súa produción, a súa presenza sobre o terreo, para optar pola recreación histórica . O labor de documentación previo reflíctese de xeito sutil nas páxinas deste libro, traducíndose nunha reprodución que intuímos fiel de escenarios, uniformes, maquinarias e mesmo personaxes reais. Coma case sempre nas crónicas históricas, os detalles suxiren veracidade. E La gran guerra está inzado de detalles.

Mais se este traballo destaca por algo é pola coidada elección do seu formato. A obra componse de doce pranchas en sentido horizontal nas que se prescinde totalmente de texto. O formato acordeón do libro fai que cada prancha se abra coma unha dobre páxina sen grampa no medio, e se un as desprega todas descubrirá que compoñen unha soa imaxe. O libro concibido como artefacto, un corpo estraño que traizoa a súa aparencia externa, convencional, e cuxo deseño, meditado en cada detalle, impide unha lectura distraída. Situándose na fronteira da banda deseñada con outros medios, a obra convida ao lector a facerse preguntas: é posible facer un cómic sen texto, sen viñetas, a partir dunha única imaxe? Preguntas inexactas e probablemente trabucadas, xa que o realmente crucial é: como é posible que un relato así construído, de forma tan cerebral e con tanta austeridade de medios, deixe unha pegada tan fonda?

A obra confirma ademais a evolución de Sacco coma debuxante. Nin rastro das formas toscas dos seus primeiros traballos, os corpos que excedían os marcos das viñetas, os rostros desencaixados, o trazo groso. O rudo expresionismo daqueles traballos, matizado xa no máis recente Notas al pie en Gaza, respondía á necesidade de transmitir as emocións que o autor experimentara de primeira man sobre o terreo. Para relatar agora uns feitos afastados no tempo e aos que accede de forma mediada, Sacco prefire situarse a distancia e presentar ao lector unha sucesión de planos xerais, limpos e minuciosamente detallados. Con grande habelencia narrativa, o debuxante transporta o lector dende as proximidades do campo de batalla ao corazón das trincheiras, para regresar logo e contemplar os mortos amoreados sobre a terra arrasada. Un camiño de ida e volta ao horror que consegue bater con forza a pesar da frialdade con que se mostra.

La gran guerra é un exercicio de coherencia por parte de Sacco, non tanto polo tema que aborda como por ser de novo froito dunha ollada persoal e inconformista, que prefire procurar novos camiños a repetir fórmulas de éxito.

Sem comentários: