Corren bos tempos para os fanzines e a autoedición. Coincidindo co tramo final de Viñetas desde o Atlántico celebrouse na Coruña a primeira edición do Autobán, microfestival de banda deseñada autoeditada e de autor organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, onde se presentaron as iniciativas dalgúns dos autores noveis máis prometedores do país e tamén proxectos de edición á marxe dos circuítos convencionais. O evento confirma que as ideas ferven entre a xente nova, pero tamén que existe unha corrente de autores consolidados que pulan por crear alternativas ao sistema tradicional de edición.
Exemplo do primeiro serían os catro compoñentes do grupo Fume de Carozo, que van camiño de incorporar o seu fanzine Sacoponcho á lista de cabeceiras ineludibles do cómic amateur galego. O número 2 (realmente a terceira entrega) sube a aposta dos dous anteriores, ofrecendo máis páxinas, convidados internacionais e, por se alguén precisa un argumento de autoridade, un limiar de Emma Ríos. A progresión dos autores é máis que evidente. O debuxo doce de Uxía Larrosa devólvenos ao desastre do Prestige cunha historia intimista, que esquiva tópicos e engade unha visión persoal aos sentimentos que provocou o suceso. Co seu característico trazo fino, Paloma Tarrío lévanos a un mundo surrealista de ovellas, starlets dos anos 20 e casas que voan. A querenza de Xulia Vicente polo binomio fantasía-natureza atopa a súa confirmación en Frautista, unha inquietante fábula de ambientación mariñeira protagonizada por criaturas híbridas, outra especialidade da casa. Non menos desacougante é アリ (Formigas), relato de terror na mellor tradición oriental no que Luis Yang demostra a súa capacidade para cambiar de rexistro gráfico e sintetizar influenzas dispares. Completan a revista ilustracións de artistas convidados, todos eles unidos por unha difusa afinidade formal. Sen desmerecer a ningún, non podo deixar de destacar a abraiante imaxe de Ben Sears. En suma, un paso adiante dun fanzine e dun colectivo de creadores do que se esperan grandes cousas.

O realmente significativo non é a calidade do volume, que non debería sorprender a ningún lector que coñeza a traxectoria dos autores participantes, senón que fosen eles mesmos os que tomasen a iniciativa de crear o tipo de revista que botan en falta no mercado. O momento tecnolóxico favorece as iniciativas de autoedición, permitíndolle aos autores recuperar o espírito fanzineiro (liberdade creativa, compañeirismo) e proporcionando canles de difusión do produto ata agora inexistentes.
[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 25 de agosto de 2014]