terça-feira, agosto 26, 2014

Elipses e sombras: Fanzine e autoedición, outra forma de facer cómic

Sacoponcho nº2 e Altar Mutante nº1
 
Corren bos tempos para os fanzines e a autoedición. Coincidindo co tramo final de Viñetas desde o Atlántico celebrouse na Coruña a primeira edición do Autobán, microfestival de banda deseñada autoeditada e de autor organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, onde se presentaron as iniciativas dalgúns dos autores noveis máis prometedores do país e tamén proxectos de edición á marxe dos circuítos convencionais. O evento confirma que as ideas ferven entre a xente nova, pero tamén que existe unha corrente de autores consolidados que pulan por crear alternativas ao sistema tradicional de edición.
 
Exemplo do primeiro serían os catro compoñentes do grupo Fume de Carozo, que van camiño de incorporar o seu fanzine Sacoponcho á lista de cabeceiras ineludibles do cómic amateur galego. O número 2 (realmente a terceira entrega) sube a aposta dos dous anteriores, ofrecendo máis páxinas, convidados internacionais e, por se alguén precisa un argumento de autoridade, un limiar de Emma Ríos. A progresión dos autores é máis que evidente. O debuxo doce de Uxía Larrosa devólvenos ao desastre do Prestige cunha historia intimista, que esquiva tópicos e engade unha visión persoal aos sentimentos que provocou o suceso. Co seu característico trazo fino, Paloma Tarrío lévanos a un mundo surrealista de ovellas, starlets dos anos 20 e casas que voan. A querenza de Xulia Vicente polo binomio fantasía-natureza atopa a súa confirmación en Frautista, unha inquietante fábula de ambientación mariñeira protagonizada por criaturas híbridas, outra especialidade da casa. Non menos desacougante é アリ (Formigas), relato de terror na mellor tradición oriental no que Luis Yang demostra a súa capacidade para cambiar de rexistro gráfico e sintetizar influenzas dispares. Completan a revista ilustracións de artistas convidados, todos eles unidos por unha difusa afinidade formal. Sen desmerecer a ningún, non podo deixar de destacar a abraiante imaxe de Ben Sears. En suma, un paso adiante dun fanzine e dun colectivo de creadores do que se esperan grandes cousas.
 
Tamén entre Viñetas e Autobán tivo lugar na Coruña a presentación de Altar Mutante, unha revista de cómic promovida por Álvaro López e Luis Sendón e na que colaboran un grupo de historietistas ben coñecidos para o lector galego (Manel Cráneo, Kike Benlloch, Sergio Covelo e Pedro Villarejo entre outros), a maioría vinculados ao extinto colectivo Polaqia e que contan xa cun feixe de títulos publicados. A publicación asume como sinal de identidade o horror na súa versión máis mórbida, aínda que nas súas páxinas atopamos tamén outras variantes do xénero terrorífico e fantástico. Abre o volume Encuentros hostiles, unha historia de Álvaro López que mestura zombies e ciencia ficción. Acción e violencia a esgalla, mais tamén un final astuto que sitúa o lector diante dos seus propios preconceptos. Ese matiz cerebral é o que se bota en falta en Diario de un científico, contribución de Bougie e Putrid que aposta polo exceso ata extremos paródicos. Tamén excesiva é a historia sen título de Don Rogelio, que deita unha ollada irónica sobre o reparto de roles nos procesos revolucionarios. O humor máis explícito vén da man de Sergio Covelo, que parodia as portadas das cabeceiras bélicas e terroríficas norteamericanas previas a Wertham e o Comics Code. Ideas bizarras, pero non máis que as dos seus referentes. El regreso é un relato de espectros que retornan do alén e tamén a historia dun feliz encontro, o de Manel Cráneo en labores de guionista cun Luis Sendón que asina un dos seus mellores traballos como debuxante. Sobrio e conciso, mesmo os corpos en descomposición destilan elegancia nos seus lapis. Moi notable tamén o relato de Pedro Villarejo, trazo simple e viñetas limpas que avanzan a ritmo de metrónomo ata o arreguizo final. Sobran as palabras. Para pechar o volume, Kike Benlloch e Josep Rico levan a cabo unha incursión no sempre desacougante universo infantil, nun relato que xira arredor de si mesmo dúas ou tres veces.
 
O realmente significativo non é a calidade do volume, que non debería sorprender a ningún lector que coñeza a traxectoria dos autores participantes, senón que fosen eles mesmos os que tomasen a iniciativa de crear o tipo de revista que botan en falta no mercado. O momento tecnolóxico favorece as iniciativas de autoedición, permitíndolle aos autores recuperar o espírito fanzineiro (liberdade creativa, compañeirismo) e proporcionando canles de difusión do produto ata agora inexistentes.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 25 de agosto de 2014]

Sem comentários: