terça-feira, agosto 19, 2014

Dieter Lumpen Integral

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Os 80 foron anos de auxe das revistas de cómic en España. Cabeceiras como Cimoc, Totem, El Víbora ou Cairo publicaron a moitos dos principais autores internacionais do momento ao tempo que produciron materiais propios que aspiraban a equipararse a aqueles. Foi esta a escena na que comezaron a trazar a súa carreira artistas como Max, Miguelanxo Prado ou Daniel Torres, por citar só algúns dos máis coñecidos. Tamén Jorge Zentner e Rubén Pellejero, que en 1985 crearían o seu personaxe máis célebre, Dieter Lumpen, cuxas primeiras aventuras aparecerían na revista Cairo en forma de narracións breves.

Dende a célebre Un puñal en Estambul, aventura inaugural do personaxe aparecida en 1985, ata o ano seguinte, Zentner e Pellejero publicarían oito historias de Dieter Lumpen en Cairo, relatos de apenas unha ducia de páxinas nos que atopamos xa as características que o definirían en toda a súa vida posterior: a pulsión aventureira, a ambientación exótica e tamén un certo sentido irónico que lle daría un aquel persoal á cabeceira. O tempo das grandes certezas morais caducara e Lumpen, máis aventureiro que heroe, non busca facer xustiza senón salvar o cu, aínda que en ocasións consiga as dúas cousas. Explotando esta fórmula con máis sentido lúdico que dramático, os autores foron quen de sintonizar coas tendencias da banda deseñada europea do momento e deixar unha certa pegada no lector, o que lles permitiría sortear o declive das revistas de cómic, que irían sendo canceladas sen apenas excepcións co cambio de década.

Cando se confirmou a inviabilidade comercial das revistas o título xa derivara cara o formato europeo por excelencia, o álbum, cuxa maior extensión permitiu aos autores explorar novos camiños narrativos. O cambio resultou ser un pulo para a serie, que probablemente reclamaba evolucionar cara outras formas narrativas para non esmorecer. Enemigos comunes (1987) e Caribe (1989) perfeccionan os mecanismos que se foran consolidando nas entregas previas ao tempo que amosan a un Pellejero en constante crecemento. A cabeceira chegaría á súa conclusión coa que probablemente sexa a aventura máis lograda do personaxe, El precio de Caronte, narración de ton onírico e chea de referencias á mitoloxía grega que apareceu como álbum en Francia en 1994 mentres que en España apareceu serializada na revista Top Cómics un par de anos máis tarde. Conscientes de que os tempos cambiaran, os autores trasladan as viaxes do protagonista ao terreo metafórico, nun relato que reflexiona con humor sobre o percorrido previo do personaxe e pecha o ciclo narrativo no seu mellor momento.

As aventuras de Dieter Lumpen constitúen un dos máis notables exemplos do cómic con pretensións adultas que se fixo en España durante os anos 80. Proba do seu valor é a proxección internacional da que o título gozaría xa naquela época, sendo introducido no esixente mercado francófono e chegando a ser publicado, aínda que parcialmente, en Estados Unidos. Ademais, a cabeceira ofrece unha ocasión idónea para comprobar a evolución dun artista, Rubén Pellejero, cuxo prestixio non fixo senón medrar dende entón. O seu trazo elegante, a forza evocadora das súas paisaxes e a sutil caracterización dos personaxes protagonistas revelan xa a un artista de talento arroutado, que seguiría evolucionando nos anos seguintes ata consolidarse coma unha referencia ineludible da banda deseñada europea actual. Estes álbums constitúen tamén o corpo fundamental da produción de Jorge Zentner, cuxa carreira posterior como guionista de cómic seguiría en gran medida vinculada a Pellejero.

Por todos estes motivos, cómpre celebrar a recuperación por parte de Astiberri de todas as historias que compoñen a cabeceira en formato integral, nun volume cuxas características permiten gozar dela en todas as súas dimensións e no que só se bota en falta a información esencial sobre a cronoloxía de publicación orixinal do título.

Sem comentários: