martes, agosto 19, 2014

Dieter Lumpen Integral

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Os 80 foron anos de auxe das revistas de cómic en España. Cabeceiras como Cimoc, Totem, El Víbora ou Cairo publicaron a moitos dos principais autores internacionais do momento ao tempo que produciron materiais propios que aspiraban a equipararse a aqueles. Foi esta a escena na que comezaron a trazar a súa carreira artistas como Max, Miguelanxo Prado ou Daniel Torres, por citar só algúns dos máis coñecidos. Tamén Jorge Zentner e Rubén Pellejero, que en 1985 crearían o seu personaxe máis célebre, Dieter Lumpen, cuxas primeiras aventuras aparecerían na revista Cairo en forma de narracións breves.

Dende a célebre Un puñal en Estambul, aventura inaugural do personaxe aparecida en 1985, ata o ano seguinte, Zentner e Pellejero publicarían oito historias de Dieter Lumpen en Cairo, relatos de apenas unha ducia de páxinas nos que atopamos xa as características que o definirían en toda a súa vida posterior: a pulsión aventureira, a ambientación exótica e tamén un certo sentido irónico que lle daría un aquel persoal á cabeceira. O tempo das grandes certezas morais caducara e Lumpen, máis aventureiro que heroe, non busca facer xustiza senón salvar o cu, aínda que en ocasións consiga as dúas cousas. Explotando esta fórmula con máis sentido lúdico que dramático, os autores foron quen de sintonizar coas tendencias da banda deseñada europea do momento e deixar unha certa pegada no lector, o que lles permitiría sortear o declive das revistas de cómic, que irían sendo canceladas sen apenas excepcións co cambio de década.

Cando se confirmou a inviabilidade comercial das revistas o título xa derivara cara o formato europeo por excelencia, o álbum, cuxa maior extensión permitiu aos autores explorar novos camiños narrativos. O cambio resultou ser un pulo para a serie, que probablemente reclamaba evolucionar cara outras formas narrativas para non esmorecer. Enemigos comunes (1987) e Caribe (1989) perfeccionan os mecanismos que se foran consolidando nas entregas previas ao tempo que amosan a un Pellejero en constante crecemento. A cabeceira chegaría á súa conclusión coa que probablemente sexa a aventura máis lograda do personaxe, El precio de Caronte, narración de ton onírico e chea de referencias á mitoloxía grega que apareceu como álbum en Francia en 1994 mentres que en España apareceu serializada na revista Top Cómics un par de anos máis tarde. Conscientes de que os tempos cambiaran, os autores trasladan as viaxes do protagonista ao terreo metafórico, nun relato que reflexiona con humor sobre o percorrido previo do personaxe e pecha o ciclo narrativo no seu mellor momento.

As aventuras de Dieter Lumpen constitúen un dos máis notables exemplos do cómic con pretensións adultas que se fixo en España durante os anos 80. Proba do seu valor é a proxección internacional da que o título gozaría xa naquela época, sendo introducido no esixente mercado francófono e chegando a ser publicado, aínda que parcialmente, en Estados Unidos. Ademais, a cabeceira ofrece unha ocasión idónea para comprobar a evolución dun artista, Rubén Pellejero, cuxo prestixio non fixo senón medrar dende entón. O seu trazo elegante, a forza evocadora das súas paisaxes e a sutil caracterización dos personaxes protagonistas revelan xa a un artista de talento arroutado, que seguiría evolucionando nos anos seguintes ata consolidarse coma unha referencia ineludible da banda deseñada europea actual. Estes álbums constitúen tamén o corpo fundamental da produción de Jorge Zentner, cuxa carreira posterior como guionista de cómic seguiría en gran medida vinculada a Pellejero.

Por todos estes motivos, cómpre celebrar a recuperación por parte de Astiberri de todas as historias que compoñen a cabeceira en formato integral, nun volume cuxas características permiten gozar dela en todas as súas dimensións e no que só se bota en falta a información esencial sobre a cronoloxía de publicación orixinal do título.

luns, agosto 18, 2014

El prisionero de las estrellas


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Aínda que con antecedentes nos anos previos, foi na década dos 80 cando o cómic español tentou dar o primeiro gran salto cualitativo cara a posta en valor do medio. Ata ese intre, o cómic que se producía en España estaba encadeado ao circuíto de edición comercial e rara vez aspiraba a algo máis que ofrecerlle entretemento ao lector, un entretemento en ocasións moi digno, pero que non deixaba espazo para obras con outras pretensións. A aparición dunha xeración de autores convencidos da necesidade de mudar esta situación, a existencia dun contexto editorial propicio, o das revistas de cómics, e tamén o labor dunha primeira crítica especializada que asumiu a tarefa de elaborar un discurso coherente con este movemento, fixeron posible que comezaran a producirse obras dun perfil novo, nas que tiñan cabida a experimentación formal, a transformación das estruturas de xénero ou a incorporación de influencias doutros medios. Os resultados foron desiguais, dando lugar a algúns títulos perdurables e outros moitos esquecibles, mais o esforzo si deixou os seus froitos a medio e longo prazo.

Unha figura central deste movemento foi o catalán Alfonso Font, autor cunha extensa produción entre os 70 e mediados dos 90, inicialmente como ilustrador de guións alleos (colaborou con Patrick Cothias, Jean Michel Charlier ou Víctor Mora entre outros) e máis adiante como autor completo. Debuxante versátil e moi prolífico, traballou durante anos para axencias internacionais antes de involucrarse en proxectos de perfil máis autorial, tanto en España coma en Francia. Tras debutar como autor dos seus propios guións en Historias negras (1980) e Cuentos de un futuro imperfecto (1980), comezaría a publicar o serial El prisionero de las estrellas (Norma, 1985) na revista Cimoc entre 1983 e 1984. Concibido coma un relato de ciencia ficción post-apocalíptica, o lector afeccionado ao xénero será quen de rastrexar nel influenzas dos clásicos literarios, dende un título que é case unha cita directa a Jack London ata detalles argumentais que remiten a escritores coma Dick ou Clarke. Tamén hai referencias cinematográficas, sendo moi obvias as semellanzas do capítulo Servicio público con Soylent green (1973).

Mais non nos enganemos, El prisionero de las estrellas é en esencia a historia dun preso que foxe e, como tal, ofrece ante todo acción e aventura, algo potenciado pola orixe serial do título, que se traduciu nunha división en capítulos de 8 páxinas que debían conter ineludiblemente algo de intriga e algo de acción. Para dotar de sentido o inmediato entorpeceuse o desenvolvemento de fondo, algo que resulta especialmente evidente nunha lectura lineal e completa da obra. A trama, os personaxes, os dilemas de fondo, todo podería estar mellor definido, pero aínda así o autor foi quen de dotar o seu relato dun carisma que sobrevive mesmo tres décadas máis tarde. E por riba de todo, Font confírmase coma un debuxante extraordinario, áxil e detallista, capaz de responder a un ritmo de publicación periódico sen que o seu debuxo perda forza. En El prisionero de las estrellas, Font foi quen de crear un universo ficticio sen o preciosismo dos grandes mestres da ciencia ficción europea (Moebius, Bourgeon) mais cos seus propios contornos: áspero, poeirento e inhóspito.

A obra concluiría cun final aberto, se cadra demasiado, e sería continuada uns anos máis tarde en El paraiso flotante, que aparecería serializada en Cimoc ao longo de 1986 e que posteriormente sería tamén recollida en álbum (Norma, 1988). Font cambia o escenario, trasladando a acción a un contexto aparentemente utópico que axiña se revelaría como o contrario. Pese a incluír detalles relevantes, coma a revelación da identidade do protagonista, non consegue aportar nada realmente substancial ao conxunto e podemos considerala como prescindible.

Houbo un tempo no que Alfonso Font parecía case unha figura omnipresente no cómic español. Hoxe está case esquecido, a maior parte da súa produción está descatalogada e, exceptuando a recente recuperación de Jon Rohner, marino a cargo de Planeta, só Joan Navarro en Glènat amosou un interese claro por reeditar a súa obra. Unha mágoa, xa que algúns dos seus títulos, coma este, resultan de grande axuda para comprender a evolución do cómic en España entre os 70 e os 90.

luns, agosto 11, 2014

Mara



















 
Actualmente son moitos os autores que alternan traballos para Marvel e DC con títulos da súa propia creación publicados nalgunha das outras editoriais do mainstream norteamericano (Image, Dark Horse, IDW...). É frecuente que estes autores aproveiten para afastarse dos superheroes e practicar outros xéneros, mais non son poucos os casos en que optan por xogar ás semellanzas cos universos superheroicos, algo comprensible xa que o lector ao que se dirixen é esencialmente o mesmo. Mara (Planeta, 2014) podería ser un bo exemplo disto. Escrita por Brian Wood (autor de DMZ, Demo ou Local e que vén de traballar na oficina mutante de Marvel), a miniserie parte dun contexto futurista, mais engade un elemento típico do xénero dos heroes enmascarados: a adquisición de superpoderes por parte da protagonista. O seu propósito semella ser o de explorar como sería asumida esta circunstancia nun contorno coma o suxerido: como afectaría a un personaxe coma a protagonista, unha rapaza nova que se atopa no mellor momento da súa carreira coma deportista tras anos de preparación; e tamén como o encaixaría unha sociedade engaiolada ata o fanatismo polo deporte e o culto á figura do deportista.

Se a premisa ofrece tantas posibilidades coma calquera outra, Wood non é quen de sacarlle moito partido. As súas conclusións sobre a transformación persoal da protagonista tras a adquisición de superpoderes teñen pouco de novidosas. Convertida nunha figura case divina, Mara experimenta unha desafección cada vez maior cara os seres humanos e decide afastarse deles. A sociedade debátese entre a admiración e o temor, algunhas institucións tentan sometela ao seu control, outras vena coma unha ameaza. Nada que non teña sido explorado antes con bastante máis profundidade e tino. Wood introduce outros elementos, se cadra máis dos que podería manexar nunha miniserie de seis números: control social e determinismo, relacións familiares e de parella, capitalismo exacerbado, publicidade invasiva, conflitos bélicos... E efectivamente, nada disto é debidamente atendido, mais ao mesmo tempo un non ten a sensación de que á serie lle falte percorrido senón máis ben o contrario, sóbralle. Mara é unha historia curta que se fai longa, errática e indecisa, que sinala camiños pero non é quen de saír da encrucillada.

xoves, xullo 24, 2014

Elipses e sombras: Dámsmitt

Dámsmitt

Kike Benlloch é un dos poucos autores galegos cunha traxectoria longa e estable como guionista de cómics. Ademais de ser membro fundador do colectivo Polaqia, coordinador de publicacións diversas (Mmmh!!, Barsowia, H2Oil) e comisario de exposicións sobre cómic, Benlloch ten publicada unha decena de títulos propios, ademais dunha chea de relatos breves espallados en cabeceiras como Barsowia, Golfiño  ou BD Banda. Entre os seus colaboradores atopamos algunhas das figuras máis relevantes da BD galega actual, como David Rubín, José Domingo, Alberto Vázquez ou Manel Cráneo, con quen asinaría este Dámsmitt, álbum que foi publicado orixinalmente en 2006.
 
A acción de Dámsmitt transcorre nun entorno fantástico, coidadosamente elaborado por Benlloch e Cráneo. A arquitectura e o vestir dos personaxes remiten a algunha gran vila centroeuropea de finais do século XIX, pero os autores non só non a identifican, senón que engaden invencións tecnolóxicas anacrónicas (robots, maquinaria) que aproximan a ambientación ao steampunk. A recreación deste escenario é un reto ao que Cráneo responde con acerto, cun debuxo minucioso e detallista que proporciona a atmosfera que o relato demanda.
 
Mais lonxe de abandonarse á especulación fantasiosa, en Dámsmitt o imaxinario preséntase en tensión co real, nun argumento que incorpora elementos históricos como a decadencia dos grandes imperios europeos e a emerxencia dos movementos obreiros, o socialismo e o anarquismo. Na obra hai, xa que logo, un discurso político e máis concretamente unha reflexión sobre o poder, pero ese é só un dos fíos que se cruzan nun argumento que tamén incorpora unha intriga, unha historia de amor ou cuestións como a pertenza a unha tradición familiar ou mesmo étnica. Se Benlloch é quen de abrir tantas liñas argumentais en apenas 60 páxinas de relato é porque a súa obra suxire moito máis do que amosa, algo habitual na súa escrita e que neste caso acada unha das súa mellores expresións. Un dato máis, o volume conta cun gabancioso prólogo do prestixioso historietista norteamericano Jason Lutes.
 
Como diciamos, Dámsmitt foi publicado orixinalmente en 2006 pola editora madrileña Dibbuks, mais se un lector se achega hoxe a algunha libraría especializada galega poderá atopalo con toda probabilidade nos seus andeis, xa que os autores mercaron e redistribuíron o excedente editorial da obra a través de Demo Editorial, que é propiedade de Manel Cráneo, para impedir que se destruíse ou se saldase. Un esforzo que fala do amor dos autores pola súa obra e unha oportunidade que os amantes da boa banda deseñada non deberían deixar pasar.
 

sábado, xullo 19, 2014

The Private Eye Vol. 1

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
De The Private Eye (Panel Syndicate, 2014) falouse, e non pouco, cando Brian K. Vaughan e Marcos Martín anunciaron o seu lanzamento a principios de 2013. A serie comercialízase exclusivamente en versión dixital mediante a plataforma Panel Syndicate, creada ad hoc polos autores, sendo especialmente rechamante o feito de ser o lector quen decide con liberdade o prezo que quere pagar polo produto. Isto, unido á boa proxección comercial do equipo Vaughan-Martín, serviu para estimular de novo o debate sobre a dialéctica entre cómic impreso e dixital e o futuro do medio. Do cómic en si tamén se falou, aínda que menos. Fíxose unha valoración maioritariamente positiva do capítulo inaugural, que foi a tarxeta de presentación da serie, pero por desgraza o seu desenvolvemento posterior foi absorbido en boa medida polo debate de fondo. Unha mágoa xa que a obra ben merece un achegamento.
 
Vaughan sitúa a acción nun futuro próximo no que todos os cidadáns teñen unha identidade secreta e agochan o seu aspecto baixo disfraces pintorescos. Este comportamento deriva dun suceso traumático acontecido anos antes, cando toda a información cidadá almacenada nunha nube virtual foi divulgada de forma masiva. A exposición indiscriminada dos segredos, a negación da intimidade, a violación máxima do dereito á privacidade levarían os cidadáns a interpoñer identidades ficticias nas súas relacións sociais. Nese contexto, Vaughan presenta un misterio criminal, un asasinato que debe ser resolto por un paparazzi, realmente un investigador privado. Unha premisa e en boa medida un argumento que se axeitan aos canons do xénero negro, mais afastado do revival noir contemporáneo polo desenvolvemento gráfico de Marcos Martín, auténtica antítese do tópico grim and gritty. O seu debuxo de trazo fino e liña clara, unido á luminosidade das cores que aporta Muntsa Vicente, contrastan abertamente coa tradicional escuridade dun xénero que non por casualidade se define pola ausencia de cor. Nada de atmosferas opresivas senón o contrario: espazos abertos, sol californiano e un desfile de personaxes que semellan saídos dun baile de Entroido. Gran parte do pracer que proporciona este primeiro volume, composto polos cinco primeiros capítulos da serie, deriva do magnífico labor de Martín e Vicente, que foron quen de imprimirlle á serie unha estética de seu. Á exuberancia dos deseños de Martín, a metade de camiño entre a tradición europea da ciencia ficción e a estética superheroica, e á súa minuciosa construción de espazos, cómpre sumar unha depurada narrativa, vistosa e funcional a partes iguais, que aproveita con intelixencia as posibilidades que ofrece o formato pantalla.
 
Mais sería inxusto obviar o papel dun Brian K. Vaughan que segue a situarse a metade de camiño entre o tebeo comercial e o cómic de autor, aportando títulos de entretemento e dirixidos a un público amplo á marxe (aínda que con inevitables tanxencias) do tebeo de superheroes. Estes primeiros números de The Private Eye ofrecen intriga e acción ben conducida, pirotecnia argumental en doses episódicas, sen descoidar un subtexto concibido para ser lido en clave actual. Non deixa de ser unha xogada intelixente que Internet estea no texto (a palabra pecha este primeiro volume) e no subtexto da obra, mais tamén ao seu redor, debido ao mencionado sistema de comercialización e o debate que trouxo consigo. Hai que dicir ademais que Vaughan concede nesta obra menos espazo ao humor, a ironía e os diálogos faiscantes, unha contención que beneficia o seu traballo sen restarlle axilidade.
 
A previsión inicial dos autores é que a serie dure uns dez capítulos, polo que o final deste primeiro volume nos sitúa xusto na metade do camiño. As expectativas son boas e a brevidade pode ser un argumento máis a prol da obra.

luns, xullo 07, 2014

Qadriños: Viñetas dende o Atlántico 2014, un repaso aos convidados
















Entre o 4 e o 10 de agosto terá lugar unha nova edición de Viñetas dende o Atlántico, o festival de BD da Coruña. Hai xa uns anos que a redución orzamentaria obrigou a redimensionar as xornadas, o que repercutiu principalmente na diminución do número de convidados, en especial dos internacionais. Malia todo, son evidentes os esforzos da organización por manter a calidade do evento e a fidelidade aos seus sinais de identidade. En Qadriños fago un breve repaso do listado de convidados á vindeira edición, creadores de perfil moi diverso pero cuxa obra reúne meritos abondo para merecer un achegamento.

sábado, xuño 28, 2014

Saga 3

























Non me gusta deixar a medias as series que comezo a seguir, nin deixar de comentar as miñas impresións sobre unha cabeceira unha vez que comecei a facelo neste espazo. Mais neste caso, resúltame moi difícil referirme ao terceiro tomo de Saga (Planeta, 2014) sen repetir os argumentos que mencionei respecto das entregas anteriores, se cadra porque a propia serie continúa tamén polo camiño sinalado nos capítulos precedentes. Brian K. Vaughan e Fiona Staples seguen a decorar con vistosidade unha trama que en ningún intre deixa de ser perfectamente convencional. A suxestiva extravagancia das formas (deseños, nomes e apenas algún outro detalle) e o probado talento do escritor para a introdución de xiros argumentais no final de cada capítulo continúan a ser os principais argumentos dunha cabeceira que segue o seu lineal avance sen ofrecer excesivas sorpresas de fondo. Ante a falta de noticias relevantes da parella de protagonistas, desdebuxados e sen mostras de evolución dende que o título deu os seus primeiros pasos, os autores botan man dos secundarios e introducen algúns personaxes novos, combustible para manter a maquinaria en funcionamento sen que haxa avances perceptibles no substancial. Coma os protagonistas, a trama foxe.

Non quero parecer un snob que pretende gañar creto a base de falar mal dunha serie coma esta, gañadora de prestixiosos premios, acredora de numerosas críticas gabanciosas e que goza da preferencia dun notable grupo de lectores. Tampouco pretendo presentarme coma un lector clarividente, o único capaz de ver que o rei vai espido. Tras a lectura dos dous primeiros volumes tentei achegarme a este terceiro coa mellor das predisposicións, buscando gozar daquilo no que a serie é forte, mais nin así a experiencia resultou satisfactoria. É tan simple coma iso.

Entradas relacionadas
Saga 1
Saga 2

venres, xuño 20, 2014

Fuerza X Integral

























Aconteceu hai case 15 anos, así que a historia é máis ou menos coñecida. O número 116 de X-Force (Vol. 1) abría unha nova etapa na serie, coa chegada dun novo equipo creativo, o escritor Peter Milligan e o debuxante Michael Allred, cunha remuda radical do elenco de protagonistas e, sobre todo, cunha dirección creativa totalmente afastada da precedente. Sorprendeu daquela que esta profunda transformación da cabeceira non se traducise na cancelación do primeiro volume da serie e a apertura dun segundo cun novo número 1, unha manobra á que Marvel adoita recorrer con menos motivos cando quere incrementar as vendas dos seus títulos. Sen embargo, vista con distancia, esta circunstancia pode resultar coherente cun cómic que semella concibido precisamente para rachar coas convencións implícitas do cómic comercial norteamericano.

O conxunto da etapa, que Panini recompila agora nun volume unitario baixo o título Fuerza-X Integral (Panini, 2014) e que tería continuación posteriormente baixo a denominación X-Statix, pode resumirse a partir do capítulo inaugural da mesma, o mencionado número 116. O lector que chegara a el dende a etapa precedente atoparía unha formación totalmente renovada, composta por personaxes de aparencia extravagante, nomes revirados (Sluk, Zeitgeist, U-Go Girl...) e poderes que, nalgún caso, resultaban escatolóxicos (dende o vómito ácido de Zeitgest aos suores letais do Anarquista). O debuxo plano, colorista e con aire retro de Michael Allred acentuaba as distancias coas convencións superheroicas, ao tempo que remitía certeiramente a Madman, título da súa creación que, coma este, sobordaba constantemente as fronteiras do tebeo de heroes enmascarados. Dende a paródica orixe de Zeitgest ata o lance final, coa morte de practicamente todos os membros do equipo, incluído o que dende o inicio se nos mostra como figura central, o conxunto do capítulo semella concibido coma unha deliberada inversión dos tópicos do tebeo comercial americano, toda unha declaración de principios que os autores confirmarían no percorrido posterior.

Nos capítulos seguintes, Milligan e Allred introducirían máis personaxes grotescos, ironizarían sobre a angustia existencial mutante así coma sobre oas rivalidades internas nos equipos superheroicos, parodiarían os cameos publicitarios de Lobezno e mesmo introducirían argumentos políticos reais, case un tabú no tebeo comercial estadounidenese, coma o xa esquecido conflito do neno balseiro Elián. O resultado é un cómic que cuestiona os códigos do tebeo de superheroes sen perderse en transgresións infantiloides, mantendo unha sana distancia irónica. Canda Milligan e Allred, cómpre recoñecer o labor de Laura Allred nas cores e o de Darwyn Cooke, que debuxa o capítulo 124, centrado en U-Go Girl, e de Duncan Fegredo, que xa colaborara con Milligan e ilustra o capítulo que pecha o tomo. Lamentar tan só a elección dun formato de edición, a Colección Extra Superhéroes de Panini, que non proporciona os mínimos de calidade que demanda unha obra coma esta.

mércores, xuño 18, 2014

O western sobrenatural de Emma Ríos

Pretty Deadly Vol. 1: The shrike
 
En apenas cinco anos, a galega Emma Ríos pasou de ser unha debutante no mercado do cómic norteamericano a encadear proxectos para Marvel Comics, a maior e máis popular editora de banda deseñada do planeta. Neste tempo, Ríos non só tivo ocasión de colaborar con figuras relevantes do cómic comercial norteamericano (Mark Waid, Dan Slott) e ofrecer a súa versión de superheroes icónicos coma Spiderman ou Daredevil, senón que o seu traballo gozou da difusión global que só unha editora coma Marvel é quen de proporcionar. Pode sorprender que, nun momento crucial para consolidar a súa posición nun mercado tan competitivo, Ríos optase por deixar aparcada, aínda que fose temporalmente, a súa colaboración con Marvel para lanzar un proxecto de creación propia. Sen embargo, a decisión resulta coherente cunha traxectoria caracterizada polo marcado perfil autorial de todos os seus traballos previos e por ter optado, xa nos seus inicios, pola autoedición.

A finais do ano pasado vía a luz o primeiro número de Pretty Deadly, a cabeceira creada por Ríos en colaboración coa escritora Kelly Sue DeConnick, coa que coincidiu en Marvel, e publicada baixo o selo de Image Comics, unha editora que xoga no mesmo terreo que Marvel ou DC pero que, ao contrario que aquelas, permite que os autores conserven a propiedade sobre as súas creacións. Nos primeiros cinco capítulos da serie, compilados baixo o título The shrike, atopamos un western sobrenatural no que a acción e a fantasía comparten espazo cunha atinada combinación de elementos propios doutras tradicións narrativas. A proposta de DeConnick parte dun escenario tomado dos relatos do Oeste na súa versión máis violenta e crepuscular para ofrecer unha fábula macabra, unha historia de amor tráxico e sentimentos extremos na que non faltan alusións bíblicas ou referencias folclóricas (o primeiro capítulo ábrese cun cantar de cego, sen dúbida máis familiar para o lector galego que para o norteamericano). Polas páxinas de Pretty Deadly circulan nenas disfrazadas de voitre, espíritos vingadores, corvos que falan e mulleres encerradas en torres, tópicos da tradición fantástica, do gótico americano ou mesmo da novela romántica que DeConnick consegue gobernar sen soterrar a narración nin caer no pastiche. Pola contra, a escritora é quen de combinar este caudal referencial e poñelo ao servizo da historia, dando lugar a un peculiar imaxinario que poderá ser desenvolvido máis aló deste arco inaugural.

Imprescindible para darlle consistencia ao seu labor é o desenvolvemento gráfico dunha Ríos que foi quen de recrear a atmosfera visual que precisa o relato, levando os espazos recorrentes do western á fronteira co fantástico ou o macabro. É moi de salientar tamén a contundente definición gráfica do elenco de protagonistas, personaxes dunha fasquía tan extrema coma as paixóns que abeiran. Polo demais, Ríos permanece neste novo traballo fiel ao seu estilo, ofrecendo a mellor versión das características que definían xa as súas primeiras creacións: o dinamismo, o gusto polas escenas de acción, a influenza do cinema, así coma unha persoal síntese gráfica na que, aínda que soe a tópico, podemos rastrexar influenzas do manga, da tradición europea e do cómic norteamericano. Non podemos deixar de mencionar o seu excelente labor nas cubertas de cada capítulo, ilustracións a dobre páxina minuciosamente detalladas e de forte simbolismo, que revelan o coidado con que a debuxante abordou este traballo. Unha mágoa que a edición en capa dura atenúe o seu efecto ao apareceren reproducidas en páxinas interiores a dobre cara.

Podemos dicir xa que a aposta de Ríos e DeConnick foi un éxito. A acollida crítica de Pretty Deadly está a ser positiva, as vendas superaron os prognósticos máis optimistas e a industria do cómic estadounidense vén de recoñecer a cabeceira con catro candidaturas aos prestixiosos Premios Eisner, con DeConnick, Ríos e tamén a colorista Jordie Bellaire nominadas. A serie segue a discorrer na actualidade co mesmo equipo creativo e é probable que sexa publicada en castelán antes de que finalice o ano. Pero máis aló do éxito deste proxecto, o que se nos antolla como realmente importante é que, calquera que sexa a relación de Ríos coa industria do cómic comercial de aquí cara o futuro, siga atopando as fórmulas que lle permitan desenvolver unha carreira dende as súas propias claves creativas.

[Publicado en Galicia Confidencial Tendencias o 17 de xuño de 2014]

domingo, xuño 15, 2014

Qadriños: O Museo de Pontevedra acollerá a exposición “Do cómic á novela gráfica”

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A finais de 2012, o Museo de Pontevedra acolleu os "Primeiros enconcontros sobre banda deseñada", un ciclo de charlas centrados no mundo da historieta e no que participaron autores coma David Rubín, Kiko Da Silva e Pepo Pérez. O organizador daquel evento, o crítico Octavio Beares, regresa agora como comisario da exposición "Do cómic á novela gráfica. A banda deseñada en España no século XXI”, que terá lugar do 20 de xuño ao 20 de xullo na mesma sede, un percorrido pola obra dalgúns dos autores máis relevantes da BD contemporánea: Miguelanxo Prado, José Domingo, David Rubín e Santiago García, Max, Santiago Valenzuela, Antonio Altarriba e Kim, Alfonso Zapico e Paco Roca. A indiscutible calidade dos autores expostos garante o interese do evento, mais alén diso cómpre celebrar tamén a presenza periódica do cómic nunha institución, o Museo de Pontevedra, que está a contribuír decidimente á divulgación e dignificación do cómic como medio. Tampouco queremos deixar de recoñecer o labor de Octavio Beares, battling boy sempre disposto a dar guerra pola banda deseñada, xa sexa en papel, no dixital ou, como agora, no Museo. A presentación do evento polo miúdo en Qadriños.