venres, setembro 17, 2010

Hellboy: O home retorcido



Dende as primeiras historias protagonizadas por Hellboy quedou establecido que a indagación acerca da orixe e destino do personaxe non sería o único motor argumental da saga. Tan lonxe como á altura da segunda miniserie da cabeceira, Os lobos de santo Augusto, ficaba xa establecido o outro gran principio que rexería as aventuras da creación de Mike Mignola, a de facelo interactuar coas distintas tradicións esotéricas do mundo. A lonxevidade do personaxe, consecuencia dun éxito que non estaba inicialmente garantido, fixo que esta segunda vertente (non incompatible coa primeira, por certo) fose adquirindo importancia, conformando a cabeceira nun lugar no que se nos presentan distintas concepcións do sobrenatural baixo as formas da narración terrorífica e tamén doutros xéneros que van da ficción científica, á serie B cinematográfica pasando polo bélico ou o detectivesco.

Aínda que ambientado en 1958, O home retorcido (Norma, 2010), a máis recente miniserie do personaxe, non pretende afondar na caracterización dun Hellboy cuxa participación apenas excede á dunha mera testemuña. Cunha ambientación propia do gótico americano, o relato suma a unha premisa fáustica (a venda da alma ao diaño) o tópico do soldado retornado (e, como alguén dixo, dende a Odisea, todo soldado que retorna é Ulises), para enfiar unha historia de bruxas e demos sen excesivas pretensións. Aínda que os méritos para ser acredora do Eisner á mellor miniserie poidan ser discutibles, non pode negarse a corrección e coherencia da trama, perfectamente ilustrada por un Richard Corben que non precisa despregar todas as súas facultades para demostrar non só que conserva intacto o seu talento, senón tamén que o seu estilo gráfico acáelle especialmente ben ao universo imaxinado por Mignola. A miniserie engade un novo episodio a unha cronoloxía, a do personaxe, por definición inacabable.

Entradas relacionadas
Hellboy: A escuridade chama

Ningún comentario: