O colectivo Polaqia vén de anunciar a súa propia disolución. De aquí a final de ano sucederanse diversos actos de despedida, comezando pola publicación do Barsowia #16 (Polaqia, 2011), unha exposición e supoñemos tamén que algún que outro party. Penso que, a pouco que se coñeza o labor desenvolvido polo colectivo nestes dez anos de vida, a súa desaparición debe dar lugar necesariamente a unha certa tristura. Ao seu abeiro, na revista que lles serviu de altofalante, mais tamén a través doutras publicacións (números unitarios ou seriados, libros de bosquexos, pósters e carteis), atoparon unha oportunidade de se dar a coñecer un extenso número de artistas. A súa demostrada capacidade para dinamizar a escena galega (e mundial!) da BD traduciuse en resultados ben palpables, cómics editados e postos a disposición do lector.
Podemos entender que, en certo sentido, Polaqia morre de éxito: algúns dos seus integrantes son hoxe nomes ben coñecidos; outros, non sendo tan populares, foron atopando outras vías de publicación, en boa medida porque o panorama editorial mudou considerablemente nesta última década; ademais, ao contrario que en 2001, hai hoxe proxectos editoriais na terra que se van consolidando paseniño, o que supón unha modesta e paulatina ampliación das oportunidades de publicación. Sería unha inxenuidade dicir que o labor de Polaqia resulta redundante ou innecesario e que os artistas que hoxe queren publicar contan coas canles necesarias. Mais non é menos certo que o labor deste colectivo mostrou unha vía posible e eficaz, que ben pode servir de exemplo para quen se propoña obxectivos semellantes. Podería dicirse que Polaqia deixa o mund(iñ)o un chisco mellor que como o atopou. Non é pouco.
O que será derradeiro número da revista Barsowia, especial pola súa extensión, ofrece en síntese o mesmo que os que o antecederon, unha escolma de traballos breves de autores que só teñen en común unha difusa afinidade artística. O conxunto resulta, como sempre, coherente dentro da súa diversidade (ou viceversa). Os meus favoritos desta entrega? "Noite de rock" de Ana Galvañ, "O gran Bastian" de Luis Bustos (pode lerse aquí), "Pucho connection" de Alberto Guitián (máis info sobre a historieta aquí e aquí), "Mars blue" de Emma Ríos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario