Diciamos respecto das últimas entregas de Ex Machina que parecía que Brian K. Vaughan parara as máquinas (si, é un xogo de palabras), introducindo capítulos autoconclusivos pouco trascendentes e postergando calquera avance na resolución das cuestións fundamentais da trama. O panorama cambia e moito neste Fin de mandato (Norma, 2011), décimo e derradeiro tomo da cabeceira no que atopamos acción, revelacións sorprendentes e acontecementos que se suceden a ritmo de vértixe ata chegar a un peche pirotécnico. Mais non podemos pasar por alto que na súa procura dun final epatante, Vaughan sacrifica a coherencia do seu propio relato, amosando unha faciana dos seus personaxes (nomeadamente do protagonista) que, non sendo totalmente incompatible co acontecido anteriormente, deberían ter sido precedida dalgunha pista previa. Non habéndoa, diríase que ou ben estamos fronte a un final improvisado, ou ben o guionista incumpriu o pacto implícito co lector, negándolle calquera oportunidade de interpretar a trama acaídamente ata a revelación final.
Esta conclusión confirma a idea que ata agora nos formáramos de Vaughan, non só a través desta serie senón tamén da igualmente concluída Y o último home. Os seus puntos fortes como guionista parecen claros: sabe plantexar argumentos interesantes, escribe diálogos con enxeño e domina os mecanismos de sorpresa ao lector, tanto nos cliffhangers coma nos tramos finais das obras que escrebe. Mais non é menos obvia a eiva fundamental da súa escrita: a súa dificultade para dar consistencia aos relatos longos, para soster un relato no tempo mantendo a coherencia e o interese do mesmo. Non é no plantexamento nin na resolución, senón no percorrido onde Vaughan falla. Unha mágoa xa que, a nada que mellorara neste aspecto, as súas series estarían entre as propostas máis sólidas do cómic comercial nortemericano.
No que atinxe Tony Harris, poco que engadir ao que vimos sostendo dende que deixou establecida a súa liña gráfica para este cómic nos primeiros números da serie. O seu demostrado talento tropeza unha e outra vez con esa teima por seguir un patrón realista de inspiración fotográfica que desnaturaliza o seu debuxo. O estatismo das figuras e o histrionismo das faccións parecen males tan evitables coma o abuso de certos efectos de separado entre personaxes e fondos. No lado positivo, o ter dotado á cabeceira dunha imaxe de seu, nos interiores mais tamén nas capas, que foi mantida nos escasos números que non debuxou el e si o moito máis natural John Paul Leon.
Ningún comentario:
Publicar un comentario