domingo, marzo 29, 2009

Y o último home: Comos e porqués



Alcanza o seu final Y o último home e faino cun volume, Comos e porqués (Planeta, 2009), que alcanza a altura dos mellores momentos da cabeceira. Non é froito da casualidade senón da habelencia de Brian K. Vaughan para sobrevoar os aspectos accesorios da trama e incidir nos sustantivos. Así, sen apenas deterse na cuestión da praga que determina o escenario apocalíptico (se é que un mundo sen varóns pode considerarse apocalíptico) no que se desenvolve a acción, Vaughan fai fincapé na resolución emocional do argumento, co reencontro entre Yorick e a súa moza Beth e o cambio de estatus que iso determina no outro personaxe determinante, 355. Se a resolución resulta emocionante é porque Vaughan foi quen de crear personaxes atractivos e tecer entre eles unha arañeira emocional alonxada do tradicional triángulo amoroso.

A deficiente construcción dos personaxes é unha das críticas que se lle adoita facer ao labor de Vaughan. Dise, con razón, que Yorick é un personaxe plano cuxo carácter non experimenta modificación algunha en todo o percorrido da narración. Saliéntase igualmente como o peculiar sentido do humor de Vaughan remata por darlle unha mesma voz a case todos os seus personaxes. Os máis deles, efectivamente, comparten un carácter sarcástico e enxeñoso, demasiado monocorde para resultar natural ou crible. E porén, a serie funciona porque a súa baza é ben outra: a da aventura, da ciencia ficción desenfadada, do cliffhanger ao final do capítulo e do xiro argumental como motor da acción.

Non se pode negar a pegada que deixou esta cabeceira nin o papel desenvolvido (conxuntamente con outras ilustres series) na renovación do selo Vertigo de DC. A súa foi unha proposta fresca e ben plantexada, que respondía ás expectativas de certo perfil de lector ata entón orfo de alternativas. Dende esta premisa debe xulgarse esta obra, antes que dende a consideración da perfección ou orixinalidade do seu plantexamento. Porque precisamente Y o último home é (foi) unha cabeceira ben pouco orixinal, edificada en torno a tópicos de xénero (ficción científica, pulp, road movie, aventura…) e desenvolvida coa irregularidade propia dun producto desa natureza. Y… é, no fondo, unha obra superficial e imperfecta pero que funciona como serial de entretemento. E é na sinceridade dos seus propósitos onde reside a súa forza.

Xa que logo, cómpre recoñecer o labor desenvolvido por Vaughan e tamén pola ilustradora Pia Guerra, que medrou como artista ao longo da saga e foi quen de darlle unha imaxe de seu, ben complementada por Jose Marzan e Lee Loughridge. Goran Sudzuka supliuna eficazmente e Massimo Carnevale aportou unhas capas exuberantes, case sempre desaproveitadas na edición española. Punto e final para unha das cabeceiras esenciais dos últimos anos.

Entradas relacionadas – Y o último home
Y o último home: Terra nai
Y o último home: Dragóns no kimono
Y o último home: Bonecas de papel
Y o último home: Moza con moza
Y o último home: O anel da verdade
Y o último home: Palabra clave

Entradas relacionadas – Brian K. Vaughan
Os leóns de Bagdad
Ex Machina: Malos fumes
Ex Machina: En pé de guerra
Ex Machina: Realidade contra ficción
Ex Machina: A marca
Ex Machina: Estado de emerxencia

Ningún comentario: