segunda-feira, abril 16, 2012

Adèle Blanc-Sec 3


Coincidindo coa estrea da versión cinematográfica de As extraordinarias aventuras de Adèle Blanc-Sec, Norma decidiu reeditar os álbums da creación de Jacques Tardi, inaccesibles xa dende a súa primeira edición alá polos anos 80. Posto que ata a data son nove os álbums do personaxe e a nova edición da editora catalá sería en tres tomos, a lóxica aritmética levaba a pensar que cada tomo recollería tres álbums. Sen embargo, os dous primeiros volumes contiñan catro álbums cada un, deixando só un máis para o terceiro. O misterio acaba de resolverse, o derradeiro volume da serie (Norma, 2012) engade ao título As extraordinarias aventuras de Adèle Blanc-Sec un significativo "e outras historias", historias que serían o díptico Adeus Brindavoine e A flor no fusil, máis outra obra clásica de Tardi, O demo dos xeos. Que estes títulos, descatalogados dende hai moito, volvan estar ao alcance do lector, pode ser motivo de ledicia, mais os criterios de edición de Norma parecen discutibles dende calquera punto de vista. Os álbums engadidos non só non pertencen á serie de Adèle e pouco (os dous primeiros) ou case nada (o terceiro) teñen que ver con ela, senón que ademais son traballos absolutamente distantes no tempo (o último álbum de Adèle data de 2005 mentres os outros textos foron publicados orixinalmente a mediados dos 70). Mañas editoriais que en apariencia só se explican por motivos económicos.

O tomo ábrese coa a que ata a data é a última aventura de Adèle Blanc-Sec, O labirinto infernal, publicada orixinalmente en 2005, é dicir, case trinta anos despois da inauguración da serie e transcorridos sete anos dende o álbum anterior. Tardi retorna, xa que logo, a unha cabeceira que o tempo converteu xa nun clásico e faino demostrando unha clara vontade de se manter dentro do marco que el mesmo trazou. Neste senso, é moi significativo que o rexistro gráfico adoptado se axeite ao dos álbums anteriores, cando o seu debuxo ten experimentado variacións neste tempo. Polo demais, se algo aporta esta nova aventura en relación coas anteriores é unha certa sensación de crescendo: todos os ingredientes están aí pero esaxerados, multiplicados. O fío argumental mingua para deixar paso ao coñecido desfile de secundarios de nome pomposo e aspecto intercambiable. As citas a álbums anteriores sucédense, o relato vira cara si, volvéndose autorreferencial, hermético para os novos lectores. A sensación de absurdo medra ao tempo que se cuestiona a estrutura tradicional do relato: non hai principio (xa que se alude constantemente a aventuras anteriores) nin fin (xa que o final remite a un próximo álbum); todo é nó, un nó repetitivo e cíclico dirixido aos iniciados.

Adeus, Brindavoine e A flor no fusil, son os primeiros traballos protagonizados por Lucien Brindavoine, personaxe que posteriormente se incorporaría como secundario ás aventuras de Adèle Blanc-Sec. Resulta significativo que malia ser moito máis breve, o segundo dos relatos teña merecido máis sona que o primeiro. Aínda que atopamos nel algúns dos rasgos que posteriormente identificarían ao autor (fundamentalmente, o ton atoleirado que desvía o relato dos seus cauces naturais), nótase en Adeus, Brindavoine a irregularidade dun Tardi primeirizo, que se estrea como autor completo. Pola contra, A flor no fusil resulta moito máis equilibrado malia a súa brevidade, ao tempo que introduce por vez primeira na obra do seu autor o que sería un dos tópicos recorrentes da súa carreira, a Primeira Guerra Mundial. Como faría en obras posteriores, Tardi asume a perspectiva do soldado de a pé e ofrece unha visión do conflito alonxada das súas causas políticas para centrarse na vivencia da guerra por parte do home común. Con certa inxenuidade, Tardi amosa unha convivencia posible entre soldados de bandos opostos, aínda que o que predomine no relato sexa un ton pesimista coherente coas súas pretensións antibelicistas e no que reincidiría con insistencia na súa produción posterior.

O volume péchase con O demo dos xeos, obra explicitamente debedora de Jules Verne que fora publicada orixinalmente tamén en 1974. Ademais da elucubración fantasiosa e o sentido da aventura característicos do escritor francés, Tardi incorpora elementos que parecen directamente tomados de Vinte mil leguas de viaxe submarina, que son reelaborados co peculiar sentido do humor que posteriormente caracterizaría a súa obra. Coma faría nos álbums de Adèle, Tardi asume formalmente os códigos dun xénero ben definido para desviarse despois a base de ironía e unhas pingas de absurdo. No gráfico, Tardi coida especialmente a composición de páxina, con pranchas nas que viñetas de formas pouco convencionais (abundan as circulares ou semicirculares) conforman estruturas requintadas e cheas de simetrías, con resultados que se asemellan aos gravados que acompañaban ás novelas decimonónicas. A obra está moi lonxe da perfección, a definición dos personaxes fraquea, o relato avanza de forma abrupta e non poucos aspectos narrativos fican sen xustificar, deficiencias que parecen derivadas do feito de ter sido orixinalmente publicada por entregas. Mais os valores deste traballo son outros: a forza evocadora da homenaxe a Verne, a aventura desenfadada e o sentido do humor.

Estamos, xa que logo, perante un volume heteroxéneo, no que cada unha das pezas compiladas ten valor e interese de seu, aínda que os motivos sexan diferentes en cada caso. As cousas poderían terse feito mellor, pero iso acontece case sempre.

Entradas relacionadas

Sem comentários: