segunda-feira, maio 06, 2013

Mudman 1

























Soterrada pola morea de títulos publicados con ocasión do Saló del Cómic de Barcelona atopamos Mudman (Aleta, 2013), primeira entrega da nova serie de Paul Grist para Image, na que o autor británico retorna ao xénero dos superheroes, do que xa ofrecera únha peculiar versión en Jack Staff. Este primeiro volume contén os cinco primeiros números da cabeceira, na que Grist recicla conceptos típicos dos tebeos protagonizados por superheroes adolescentes, un subxénero dentro da narrativa de heroes enmascarados cuxa figura paradigmática sería Spiderman pero que conta con outros referentes clásicos coma os New Teen Titans de Wolfman e Pérez ou os Novos Mutantes de Chris Claremont. Aínda que sen citas nen referencias explícitas, Grist asume toda esta bagaxe, incorporando ao seu título a maioría dos tópicos desta caste de relato. Seguindo un esquema ben coñecido, a adquisición de superpoderes por parte do protagonista, Owen Craig, acentúa as inseguridades propias da súa condición adolescente. A aparición de capacidades que non domina lévao a sentirse diferente e incomprendido, máis aínda no medio no que se atopa, a escola (unha escola británica, no canto do clásico High School norteamericano), que se ergue coma o espazo institucionalizado no que o protagonista non consegue encaixar. Tamén o seu contorno emocional se verá trastocado, ao interferir a súa nova condición nas súas relacións familiares, de amizade e sentimentais. O proceso de aprendizaxe que o levará a dominar as súas novas habelencias será o rito de paso que o conducirá tamén á vida adulta.

Orabén, por se a denominación da cabeceira non resulta abondo explícita, os concretos poderes que adquire o protagonista (que se converte, basicamente, nun home de lama) despexan calquera dúbida respecto da lixeireza do enfoque adoptado por Grist. As súas pretensións neste novo traballo non semellan ir máis aló de ofrecer ao lector un sinxelo divertimento, no que a condición referencial e autoconsciente do relato é apenas un matiz. O seu é un achegamento irónico, predominantemente humorístico, por momentos próximo á parodia, pero sobre todo, simple e lineal. Neste senso, a cabeceira revélase coma claramente distinta de Jack Staff, obra tamén superheroica, referencial e irónica, pero dunha complexidade maior. A través dela, Grist ofrecía unha persoal síntese de dúas tradicións historietísticas protagonizadas por seres superpoderosos: os cómics Marvel (a propia serie xurdía dun proxecto fallido sobre Union Jack e polas súas páxinas circulaban versións máis ou menos recoñecibles de personaxes da Casa das Ideas) e os cómics británicos de superheroes, fantasía e ciencia ficción. En contraste, Mudman é unha obra menos intertextual, de propósitos máis modestos e cun desenvolvemento máis convencional que, malia conservar Grist todas as súas virtudes como narrador, dá lugar a un grafismo tamén máis simple. O conxunto é un traballo correcto e sen pretensións, destinado a ocupar unha posición secundaria dentro da produción do seu autor.

2 comentários:

AnnaRaven disse...

Boa recomendación, andarei á súa procura. :)

Ollo de Vidro disse...

Xa contarás!