sexta-feira, maio 17, 2013

A banda dos postizos





















David B. e Hervé Tanquerelle recrean en A banda dos postizos (Norma, 2013) a traxectoria dun grupo de atracadores que, nos anos 80, levaron a cabo máis de vinte asaltos a entidades bancarias en Francia. Sorprende que B., un autor que, especialmente nos seus primeiros tempos, teimou en arredarse dos xéneros e formatos consolidados na BD francófona e que dotou sempre dun marcado acento persoal a toda a súa produción, opte agora por un traballo que poderiamos etiquetar coma un thriller de acción baseado en feitos reais. Sorprende, aínda que relativamente. Hai xa tempo que algúns dos autores que, coma el, contribuíron a transformar o panorama da BD francesa a partir dos anos 90, veñen asinando traballos máis facilmente asimilables á produción tradicional do tebeo franco-belga e do cómic comercial internacional. Probablemente non se trate dunha claudicación senón máis ben do contrario. Se a capacidade do medio para trascender os formatos e temas clásicos está a día de hoxe sobradamente demostrada, non hai motivo para non achegarse aos parámetros tradicionais, especialmente se, coma é o caso, iso non implica renunciar ás propias claves autorais.

A banda dos postizos non pretende ser un relato veraz. Segundo recoñecen os propios autores, os feitos reais nos que se inspiraron constitúen un punto de partida do que a trama se vai arredando de forma deliberada. Entre verdade narrativa á exactitude histórica David B. optou polo primeiro, poñendo especial coidado na construción da personalidade dos personaxes protagonistas. É nesa intensa ollada cara o interior dos membros da banda onde resulta máis recoñecible a súa pegada. Cada un polos seus propios motivos, os personaxes revélanse coma seres inadaptados, incapaces de encaixar nun estilo de vida común, para os cales a delincuencia é de feito a única alternativa. A drogadicción, o desequilibrio psicolóxico, a exclusión social ou a falta de alternativas de integración converten aos protagonistas en personaxes extremos, incapaces de retirarse da actividade delitiva aínda cando poderían facelo.  Agradécese tanto a falta de compracencia do seu retrato, que en todo momento elude ofrecer unha visión romántica ou edulcorada da actividade da banda, coma a inexistencia dun discurso xustificador.

Pola súa banda, Tanquerelle amósase coma un artista versátil, adoptando un rexistro gráfico máis realista do que atopamos noutros traballos da súa autoría. A coidadosa reprodución de paisaxes parisinas, especialmente do barrio de Belleville, no que transcorre parte da acción, e tamén de roupas e vehículos da época, aportan realismo e verosimilitude á ambientación oitenteira do relato. A súa é unha narrativa experta, eficaz na descrición dos lances de acción, mais tamén na caracterización gráfica dos protagonistas.

Malia carecer da orixinalidade e do desafío ao lector que atopamos noutras obras de David B., A banda dos postizos consegue ser un sólido relato de acción no que se albisca ademais o intenso retrato dunha época, uns anos 80 que xa non son tempos novos, pero que seguen a percibirse hoxe coma tempos salvaxes.

Sem comentários: