mércores, febreiro 29, 2012

Bruxelas, capital da BD europea



Primeira paisaxe do ano adicada nesta ocasión a Bruxelas, cidade de relevancia incuestionable para a BD europea. Históricamente vencellada a movementos artísticos como a Escola de Marcinelle ou a Escola de Bruxelas e lugar de nacemento de artistas como Hergé, Jacobs, Peyo, Schuiten ou Yslaire, chama a atención a súa presenza relativamente escasa nas páxinas dos cómics. Malia iso, relaciónanse unha serie de obras nas que a capital aparece retratada con perfís recoñecibles, dende os Blake e Mortimer de Sente e Juillard ata os collages de Bernar Yslaire pasando por Brüsel, o doppelgänger da cidade imaxinado por Schuiten e Peeters. Bruxelas, capital da BD europea.

sábado, febreiro 25, 2012

luns, febreiro 13, 2012

Névé



Glénat editou o ano pasado nun único volume integral os cinco álbums de que consta Névé (Glénat, 2011), cabeceira centrada no mundo da escalada, escrita por Dieter e debuxada por Emmanuel Lepage. Aínda que cun macro-argumento que lle dá certa continuidade ao conxunto, os cinco relatos resultan considerablemente autónomos, narrándose neles o tránsito dende a adolescencia á idade adulta do protagonista. O ciclo parte dun suceso traumático que se relata no primeiro álbum e chega ata o intre no que o protagonista se sente quen de tomar as rendas da súa propia vida no derradeiro.

Aínda que ofrecen unha equilibrada combinación de aventura, drama e romance, os guións de Dieter mantéñense sempre dentro dun marco de previsibilidade. Diríase que, no reparto de tarefas, ao escritor correspóndelle manter unha sobria regularidade mentres é o debuxante quen ofrece espectáculo. As dimensións tradicionais do formato europeo acáenlle perfectamente a un Lepage que atopa un terreo propicio para despregar un amplo catálogo de recursos. Así, o evidente talento do artista para a creación de espacios e ambientes atopa nas pranchas de gran tamaño un valioso aliado, o que se traduce nunha abundante representación de paisaxes de montaña de enorme plasticidade. Mais sería errado suxerir que Lepage se limita a ofrecer unha sucesión de postais, xa que a combinación das dimensións de páxina cunhas localizacións abertas, repletas de abismos e desniveis, permítelle tamén ensaiar secuencias narrativas complexas e dunha espectacularidade notable. Finalmente, deberiamos mencionar tamén o seu bo labor na definición e representación de personaxes, así como en xeral na figuración, que participa da mellor tradición do debuxo realista europeo e conta con referentes claros na obra de artistas como Giraud, Vance ou Francq.

Irreprochable no gráfico e correcto no argumental, Névé acusa a falta de disposición dos seus autores para asumir riscos e diferenciar o seu traballo. En última instancia, a obra remata por caer nun discreto convencionalismo que conduce a unha certa atonía. Unha mágoa, habendo vimbios para bastante máis.

martes, febreiro 07, 2012

Cinco mil quilómetros por segundo



Abonda cunha ollada superficial ás páxinas de Cinco mil quilómetros por segundo (Sins entido, 2011) para sentirse golpeado polas exuberantes acuarelas dun Manuele Fior que fai do elemento gráfico un dos argumentos principais desta obra. Alén da beleza das pranchas e do goce puramente estético, unha lectura do volume confirma a plena funcionalidade do debuxo, non só dende o punto de vista narrativo, senón tamén na caracterización dos espazos retratados (Italia, Noruega, Exipto) e na configuración da atmósfera do relato. A languidez dos deseños e as variacións das cores válenlle a Fior para conferirlle ao texto unha voz propia, que transita dende a ilusión luminosa da adolescencia ata a sutil e máis fría melancolía da madurez.

A narración, xa que logo, abrangue un longo espacio temporal, comprendendo a vida dos personaxes dende a súa mocidade ata a súa madurez, mais só narra pequenos capítulos illados, deixando que os grandes acontecementos vitais queden fóra do relato explícito. Fior recorre abundantemente á elipse e intercala silencios, concedéndolle ao que non vemos tanta importancia coma o que se nos conta e dotando de pleno sentido a unha premisa argumental mínima: un home e unha muller quérense. A obra, merecedora da Fauve d'Or do Festival de Angoulême 2011, resulta ser un artefacto de singular beleza e a demostración de que, ás veces, pode facerse moito a partir de moi pouco.

luns, febreiro 06, 2012

Punto de fuga



Demo, o proxecto editorial de Manel Cráneo, segue a engadir títulos ao seu catálogo. A finais do ano pasado saía do prelo Punto de fuga (Demo, 2011), primeiro traballo longo do lugués Miguel Cuba que nos achega a unha realidade ben próxima, a de toda unha xeración de mozos e mozas que, malia ter unha formación superior, son incapaces de tomar as rendas da súa vida pola falta de expectativas laborais. Encetando pequenos sucesos diarios protagonizados por un mozo licenciado en Belas Artes e o seu círculo de amigos, dáse testemuño das escasas alternativas que se lle ofrecen á mocidade actual: aceptar un emprego por baixo da súa cualificación, optar á minguante oferta pública, probar fortuna no estranxeiro. Facendo do cotián a materia do seu relato, Cuba achégase ao slice of life, aínda que con matices. Fronte o ton monótono e melancólico que chegou a caracterizar o xénero nalgunha das súas versións máis difundidas, o lugués opta por unha sutil combinación de sentimentos, na que ademais de fastío e frustración hai espazo para a esperanza e tamén para o humor.

Gráficamente, Cuba recorre a un debuxo limpo e de trazo finísimo, simple só en apariencia e moi versátil, complementado por unha paleta de cores claras, luminosas, aínda que en ocasións pouco matizadas. O coidado pola ambientación tradúcese na representación de paisaxes perfectamente recoñecibles, dende Compostela ata a vila de Santa Cruz, en Oleiros. Os debuxos en branco e negro que decoran este volume ofrecen unha perspectiva diferente do grafismo do autor, igualmente atractiva e que ben merecería unha oportunidade en futuros traballos.

En conxunto, atopámonos perante unha nova variante dunha melodía xa coñecida, a do retrato xeracional, pero con suficientes atractivos como para xustificar a súa lectura e agardar con interese por novos títulos do seu autor.

mércores, febreiro 01, 2012

Persépole



Conforta comprobar que un proxecto tan peculiar, novidoso e ben definido coma o de Rinoceronte Editora segue a manter a súa presencia no noso mercado, sumando títulos ao seu catálogo e mesmo arriscando con novas propostas para a edición en galego. Tal é o caso da colección adicada á banda deseñada internacional que a editora que dirixe Moisés Barcia vén de inaugurar con dous títulos, Entender o cómic de Scott McCloud, ensaio en e sobre a BD do que xa falamos aquí, e o que agora nos ocupa, Persépole (2011) de Marjane Satrapi.

Chama a atención que unha obra publicada orixinalmente por L'Association e que, polo tanto, participaba do espíritu independente e da intención transformadora do devandito grupo, demostrase cos anos unha sorprendente capacidade para traspasar as estreitas marxes do mundo da BD e acadar un espazo de seu nos medios xeralistas. Referirse a Persépole como produto para as masas pode ser unha esaxeración, pero non é menos certo que a autora recibiu nestes anos numerosos premios, acadou unha notable atención dos medios e as vendas deste traballo só en España están ao alcance de moi poucos cómics (vai pola 5ª edición en castelán e pola terceira en catalán, segundo Norma). No plano cualitativo, ademais de influir noutros autores é moi probable que o seu éxito facilitara a publicación doutras obras semellantes.

Hai determinados elementos en Persépole, tanto externos á obra (autoría feminina, carácter autobiográfico, obra baseada en feitos reais) coma referentes ao seu contido (condena do fanatismo relixioso, loita das mulleres polos seus dereitos nos Estados islamistas) que facilitarían un etiquetado simplificador, mesmo políticamente correcto, que explicaría a súa proxección fóra do endogámico mundo da BD. Estaríamos perante unha interpretación reducionista, incapaz de explicar a obra no seu conxunto e recoller todo o seu valor. Contemplada dende a actualidade, dez anos despois de que comezara a publicarse orixinalmente, Persépole segue a mostrarse coma un texto de singular autenticidade, cuxa forza reside nunha materia argumental de atractivo incuestionable (o choque cultural, o testemuño persoal contra o totalitarismo), mais tamén na habelencia narrativa da autora. Lonxe de limitarse a unha previsible condena do fundamentalismo relixioso, Satrapi constrúe arredor das súas propias vivencias un relato complexo no que teñen cabida aspectos ben diversos, dende as relacións sentimentais e familiares ata as súas dificultades para participar do modo de vida occidental.

Xa que logo, cómpre felicitar a Rinoceronte por poñer a disposición do lector galego unha obra coma esta, nunha impecable tradución a cargo de Eva Carrión del Pozo e cunhas loables condicións de edición (formato, prezo). Ao mencionado Entender o cómic habería que añadir, como próximos títulos desta nova colección, obras tan imprescindibles como Palestina e Gorazde de Joe Sacco, Contrato con Deus de Will Eisner e, atención, Na procura de Ed o Riseiro, traballo inédito en castelán de Kim Deitch autor do sensacional O bulevar dos soños rotos. Agardamos con impaciencia.

mércores, xaneiro 25, 2012

American Flagg!



Aos seus 61 anos, Howard Chaykin segue hoxe a desenvolver proxectos dentro do mainstream norteamericano, aínda que existe un certo consenso acerca de que a súa produción recente non está á altura dos seus mellores traballos. Cando se mencionan estes non adoita faltar o que agora nos ocupa, American Flagg! (Norma, 2012), unha cabeceira que comezou a súa andaina en 1983 e na que o autor retrata con acedume a sociedade norteamericana.

Publicada orixinalmente pola extinta (ou renacida?) First Cómics, American Flagg! imaxina uns Estados Unidos rexidos por un liberalismo económico extremo, na que todo pode ser obxecto de compravenda (a intimidade, o sexo, o estado de Illinois...) e cunha sociedade reducida a un estadio infantil pola omnipresencia das marcas e a tutela da TV. O escritor Michael Chabon suxire no limiar semellanzas entre esta paisaxe e as que uns anos máis tarde leríamos en obras como Batman: O retorno do cabaleiro escuro (1986) ou Watchmen (1986). Sen negar que existan, coido que as coincidencias co clásico de Moore e Gibbons son menos evidentes que coa obra de Frank Miller. Se en Dark Knight atopabamos tamén bandas de punks e a presencia invasiva das pantallas de televisión, outra obra do mesmo autor, a saga de Martha Washington (1990), ofrece imaxes de mercantilismo exacerbado moi semellantes ás de American Flagg!. A cronoloxía destas obras invitaría a pensar nun Miller claramente influenciado por Chaykin, aínda que esta non é a única opción posible. Se aceptamos que toda ollada no futuro revela unha certa perspectiva sobre o presente podemos entender que as paisaxes imaxinadas polos dous autores estaban condicionadas en primeira instancia polas circunstancias en que foron concibidas. Pensemos que estes traballos foron creados baixo o mandato de Ronald Reagan (1981-1989), é dicir, baixo as premisas económicas da escola de Chicago, e nun mundo no que, a falta de Internet, a televisión era o medio que mellor expresaba o intrusismo e a forza manipuladora dos medios de comunicación. As distopías propostas tanto por Chaykin como por Miller estarían a seguir a liña trazada pola súa propia realidade.

Aínda que o tempo si deixou a súa pegada en American Flagg!, non pode negarse que a súa crítica ácida e desenfreada conserva aínda boa parte da súa forza. Ademais, cómpre recoñecer a valentía dun Chaykin que creou un produto de características semellantes ás do tebeo de masas (e polo tanto xuvenil), mais dirixido a un lector adulto, o que si resultaba novidoso no seu tempo. As pingas de sexo e violencia que atopamos nas súas páxinas poden parecernos hoxe triviais, ata un tanto inxenuas, pero sobardaban claramente os límites do habitual a principios dos 80. Polo demáis, a obra ofrece unha primeira versión do que máis tarde se convertirían en tópicos habituais da súa obra, dende un estereotipo de heroe que repetiría ad nauseam, ata unha obvia fixación con medias e ligueiros.

Polo demais, aínda que estamos perante unha das mellores etapas de Chaykin como debuxante, as súas limitacións son tamén claras. Entre o positivo, unha liña gráfica dura e chea de arestas, que encaixa ben cos argumentos, e unha vontade de arriscar na composición, con páxinas que buscan solucións pouco convencionais. Entre o negativo, algúns fallos anatómicos e non poucas ocasións nas que a narrativa resulta confusa.

En calquera caso, atopámonos perante unha obra que recolle o peculiar xeito de ollar do seu autor nunha das súas mellores versións e cuxa lectura, trinta anos despois de que vira a luz por vez primeira, está plenamente xustificada.

luns, xaneiro 16, 2012

Sofía e o negro



O equilibrio con que
Judith Vanistendael combina un argumento de corte social con elementos biográficos constitúe, ao meu entender, un dos maiores méritos de Sofía e o negro (Norma, 2010). A autora sería así quen de conferirlle un acento persoal a un traballo que participa de dúas das correntes máis exitosas da BD contemporánea. Algo semellante podería dicirse do seu estilo gráfico, no que poden atoparse semellanzas co de autores tan preponderantes da historieta europea actual como Joann Sfar ou Christophe Blain, pero que conserva a suficiente personalidade coma para non considerarse unha simple imitación. Coido ademais que a obra mellora na súa segunda parte, cando se racha a linealidade do discurso e se adopta unha ollada retrospectiva que enche os baleiros narrativos da primeira, algúns deles case imperceptibles, simples elipses. Dito iso, atopo tamén aspectos máis discutibles, fundamentalmente un tratamento da cuestión migratoria superficial e amable, detrás do cal se intúe unha certa intención de agradar e non ferir. Deliberadamente ou non, estamos perante a obra idónea para ser mencionada nun suplemento dominical seguida de catro tópicos.

martes, xaneiro 10, 2012

Scarlet 1



Como toda unha estirpe de superheroes da que Batman podería ser o paradigma, a protagonista de Scarlet (Panini, 2011) constata en primeira persoa a incapacidade das institucións para protexer a sociedade e asume persoalmente o deber de restaurar a orde violentada. Porén, ao contrario que os heroes en leotardos, Scarlet utiliza armas de fogo (obviemos que o primeirísimo Batman tamén) e non ten reparos en asasinar aos seus adversarios, o que a achegaría á figura do vigilante fascistoide estilo James Bronson. Mais habería aínda un terceiro matiz, e é que o seu obxectivo explícito non é o de levar a cabo unha cruzada individual senón o de presentarse como símbolo de rebeldía fronte a inxustiza imperante e dar pé a unha revolución social.

Brian Michael Bendis establece os alicerces desta nova cabeceira cunha lentitude enervante que non é nova na súa produción. Tampouco o debuxante Alex Maleev ofrece a mellor versión de si mesmo, disimulando a constante introdución de fotografías nas súas páxinas cun acabado sucio e viscoso. Entre o mellor da proposta, que os autores son quen de provocar dúbidas sobre a lexitimidade das accións da protagonista; a conexión do argumento con fenómenos actuais como o altermundismo ou a súa versión máis recente, o movemento indignado; e, por último, que o relato remata deixando a impresión de que o que está por vir pode ser máis interesante que o ata agora visto.