mércores, febreiro 13, 2008

Comprender o cómic



A lectura de Comprender o cómic de Scott McCloud (Astiberri, 2005) resultou para min tan sorprendente como adoitan ser as lecturas que se emprenden con ideas preconcebidas. Achegueime a esta obra na procura dun tratado sobre cómic, que explicase os mecanismos esenciais de funcionamento do medio (os máis deles intuitivamente coñecidos por min, coma para calquera afeccionado) e que, eventualmente, introducise algún concepto ou termo algo máis complexo de cara á mellor comprensión da novena arte. Xa que logo, o que eu buscaba eran certezas e o que atopei foi algo distinto por máis que semellante.

Comprender o cómic é máis a exposición dunha tese (ou conxunto de teses) sobre a narración gráfica que a simples divulgación dun coñecemento longamente destilado. Poderíase dicir que McCloud se fai preguntas e comparte cos lectores as súas respostas, pero mantendo sempre e dun xeito explícito as súas proprias reservas. Así concebida, a obra semella, antes que un ensaio ó uso (na medida en que se poida considerar ó uso un ensaio en viñetas), a exposición de temas e argumentos para o debate. Este plantexamento resulta posible nun medio como o cómic no que a ensaística e a teoría son aínda escasas nun intre como o actual, no que os avances nas tecnoloxías da comunicación posibilitan non só un diálogo rápido e directo dos lectores cos autores, senón mesmo a divulgación por parte daqueles dos seus puntos de vista sen necesidade de edición en papel. O proprio McCloud invita, no epílogo da obra, a que os lectores se dirixan a el para comentar, rebatir ou enriquecer os seus argumentos, explicitando a vocación desta obra como proxecto permanentemente inacabado.

Polo demáis, cómpre salientar a pericia de McCloud no aspecto expositivo. É tan certo que a explicación dunha tese sobre cómic reclama a presencia de imaxes explicativas coma que acometer o conxunto do proxecto en formato cómic é unha auténtica ousadía e a posta a proba das proprias habilidades coma narrador gráfico. E nese senso pode dicirse que o didactismo de McCloud fala por si só. Non só o seus postulados fican perfectamente expostos, senón que o conxunto da obra resulta áxil, amena e fondamente enriquecedora, o que fai que a súa lectura resulte altamente recomendable para calquer afeccionado á banda deseñada.

2 comentarios:

Ghanito dixo...

Hai xa tempo que lin ese mesmo libro e pareceume moi interesante tamén.
Ainda que o meu nível de coñecemento e o teu están moi, moi lonxanos.
Supoño que ler as túas criticas é o que me leva a deixar de falar de banda debuxada no meu blogue por pura vergoña e envexa.

Ollo de Vidro dixo...

O do "coñecemento" ten por seguro que é falso. E deberías seguir a falar de BD no teu blog, primeiro porque non quero ter esa responsabilidade sobre os ombreiros, e despois que a min si que me parecían interesantes os teus comentarios, de feito téñome achegado a algún comic despois de falares ti de el (por non mencionar que ti tes bastantes máis lectores ca min e iso xenera unha responsabilidade á hora de difundir as bondades do medio).