sábado, agosto 09, 2008

Nightwing: Artillería Pesada – No fío da navalla



Chuck Dixon non descubriu ningún continente sumerxido co seu Nightwing. Tampouco era esa a súa pretensión, senón a de facer medrar como personaxe ó ex-discípulo de Batman mediante unha serie de aventuras de evidente sentido lúdico. Ata o de agora a serie mantivo un nivel notable, con guións desenvolvidos con oficio e perfectamente plasmados polo que foi o debuxante regular da cabeceira durante os seus 40 primeiros números, Scott McDaniel.

Probablemente non sexa casual que a chegada de novos debuxantes anunciada no tomo precedente marque un notable descenso na calidade da serie. McDaniel non se limitara a definir visualmente a cabeceira; ademáis o seu estilo dinámico e excesivo mesturárase nas proporcións exactas cuns guións de Dixon repletos de acción e acrobacia, dando lugar a un producto xenuíno de paternidade necesariamente compartida por ambos. Greg Land debuxará en Nightwing algunhas das súas mellores páxinas (de feito, bastante superiores ás dos seus traballos máis recentes), pero o seu estilo non remata de encaixar co que a narración require. Patrick Zircher é un debuxante discreto e Mike Lilly nen sequera iso. Tan só Rick Leonardi, que ten aínda uns cantos números por diante na cabeceira, parece unha elección axeitada para sustituir a McDaniel de maneira estable. Sen ser un artista brillante, Leonardi posúe un estilo persoal, é un narrador eficaz e as súas páxinas destilan o dinamismo requerido.

O sexto tomo da serie, Artillería pesada (Panini, 2008) recolle un feixe de historias perfectamente esquecibles e alonxadas das liñas argumentais que Dixon viñera desenvolvendo ata o momento. Na súa continuación, No fío da navalla (Panini, 2008), Dixon volta ó argumento central da serie recuperando a Shrike, personaxe que el mesmo introducira na notable miniserie Robin: Ano Un (Norma, 2003). Anque os resultados son discretos o tono mellora e a cabeceira da síntomas de recuperación que permiten mirar ó futuro con certo optimismo.

Entradas relacionadas – Nightwing
Nightwing Ano Un
Nightwing: Un cabaleiro en Blüdhaven
Nightwing: Xustiza violenta
Nightwing: Amor e balas
Nightwing: O lado máis escuro da xustiza - A caza de Oráculo

Ningún comentario: