martes, xaneiro 21, 2014

Qadriños: Por que ler Oink!?

















There's no point in reading comics, they're stupid! 
They treat the kids is if they were... well, as if they were, you know, kids!
Rik – The Young Ones (Os Novos)

Hai uns días coñeciamos a decisión de Agalip de non enviar a impresión o quinto número da revista Oink! por falta de liquidez para asumir o seu custe. Na nova entrada do blogue Qadriños tento apuntar un argumento polo que esta publicación merece seguir existindo, algo tan simple como a calidade da banda deseñada que nela se publica. As series creadas por Miguel Robledo, Jacobo Fernández Serrano, Miguel Porto, Kohell, Kiko Da Silva e os restantes artistas da cabeceira demostran que se pode facer cómic infantil máis aló dos estándares comerciais, sen caer en tópicos nin resultar aséptico. Cómics capaces de perdurar, que tratan os rapaces coma persoas intelixentes e cos que tamén gozamos os pais. Os nosos mellores desexos para un proxecto tan valente e necesario coma este.

mércores, xaneiro 15, 2014

El sabor de la tierra


 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Con El sabor de la tierra (Astiberri, 2013), Baudoin e Troubs continúan o camiño que abriron con Viva la vida. Los sueños de Ciudad Juárez (Astiberri, 2011), obra na que ambos autores intercambiaban retratos por soños na tristemente famosa cidade mexicana. Desta volta, a parella de artistas franceses trasládase a Colombia, onde emprenden unha viaxe que os levará dende a capital Bogotá ata Caquetá, rexión próxima ao Amazonas e zona de influenza das FARC. O pretexto é apenas unha variación sobre o da obra precedente: pedirlle aos seus habitantes que lles relaten os seus recordos máis intensos mentres os debuxan. O país e o seu ferinte conflito retratados a través das lembranzas dos seus habitantes.

Son poucas as imaxes que Baudoin e Troubs ofrecen de Bogotá tras a súa chegada, mais todas elas amosan unha cidade en cuxa superficie pode rastrexarse o rastro dunha guerra con demasiados actores implicados: o Estado, as FARC, os paramilitares, os narcotraficantes, os cidadáns. Todo semella responder á función de activar o recordo: as paredes tatuadas de carteis, slogans e graffiti, os lugares indeleblemente asociados a sucesos tráxicos. A cidade deixa paso a un rural que vai tornando en selva a medida que  Baudoin e Troubs se internan no país. No camiño atopan xentes de todo tipo: homes e mulleres, persoas cultivadas e xente humilde, novos e vellos. Uns evocan os traumas da súa vida mentres outros se refuxian nos intres de felicidade. Hainos que prefiren non recordar e falan do presente ou do futuro. A violencia sempre está presente, aínda que sexa por omisión consciente. Nas lembranzas dos retratados o conflito revela a súa dobre faciana: dunha banda, a dimensión pública na que os grandes acontecementos condicionan o devir da guerra; doutra, unha sucesión de pequenos dramas persoais, todos moi semellantes, que marcan as vidas dos cidadáns.

A entrevista dos autores cunha guerrilleira das FARC sinala o que probablemente sexa o punto culminante da obra, ao ser a primeira e única declaración recollida no libro que non é dun simple cidadán, senón de alguén con condición de parte no conflito. É difícil resistirse á forza do seu testemuño, que os autores presentan sen contrapesos. E non só polo profundo idealismo que revelan as súas palabras, que poderiamos considerar un simple envoltorio autoxustificativo, senón tamén e especialmente pola lexitimidade que lle concede a súa condición de muller que se resiste a someterse a un rol subsidiario mesmo nunha sociedade en paz. Os autores non agochan as súas simpatías, preferindo ser honestos a ser obxectivos.

Resulta evidente singularidade desta obra e a dificultade do seu encaixe en categorías preconcibidas. Entre o relato persoal, a crónica de viaxe e o documento xornalístico, a obra parte dun propósito mínimo e se desenvolve con aparente improvisación. Non é ningunha novidade a autoría compartida, mais si como a interpretan Baudoin e Troubs, xustapoñendo o deu debuxo con total liberdade. A discreta acollida deste título fálanos do momento que se está a vivir na banda deseñada, no que unha obra das características sinaladas non supón de seu acontecemento algún e pode permitirse o caro capricho de pasar desapercibido.

sábado, xaneiro 04, 2014

Next Men 2

























Diciamos ao falarmos do primeiro tomo de Next Men que o título creado por John Byrne podía non ser un tebeo de superheroes en sentido convencional, pero estaba construído tomando como referencia constante o xénero dos heroes enmascarados. A segunda recompilación da serie (Norma, 2013) confirma aínda máis esta idea. Persiste a estrutura grupal xenuinamente superheroica, cuns personaxes que, con pretextos de diversa caste, son dotados agora de nome clave e uniforme, ao tempo que se lles suma unha figura de líder-mentor externa ao equipo (un Control que fai as veces de Profesor X). A idea central do argumento xira en torno a un tópico aínda non moi explotado nos 90, pero que tampouco era absolutamente novidoso: o impacto causado pola aparición de seres superpoderosos nun mundo no que os superheroes non existen. As referencias ao mundo do cómic, lonxe de funcionar coma un recurso metahistorietístico (ao xeito do Supreme de Alan Moore, por exemplo), válenlle a Byrne tanto para establecer unha complicidade co lector como para deslizar críticas (non demasiado ferintes) sobre as grandes editoras norteamericanas.

No canto dunha confrontación directa entre heroes e superviláns, probablemente o único elemento xenuinamente superheroico ausente da trama, atopamos un argumento conspirativo que Byrne adobía poñendo énfase nos dramas persoais dos personaxes protagonistas. Este último aspecto resulta claramente debedor dos X-Men de Chris Claremont, que el mesmo axudou a construír nunha etapa memorable, e tan só se permite ir algo máis aló das convencións do seu tempo coa introdución duns elementos sexuais non excesivamente frecuentes no mainstream superheroico dos 90. Byrne non chega a ser brillante nin audaz, mais si é quen de contribuír con certa eficacia á construción dunha alternativa ao tebeo comercial norteamericano a partir de principios creativos moi semellantes e dirixidos a un mesmo perfil de lector.

E sen embargo, contemplando a produción posterior do canadense, podemos tamén concluír que Next Men anticipa xa algunhas claves da súa futura decadencia. Comezan a aparecer as eivas do seu debuxo, a tendencia a ampliar as viñetas, a descoidar os fondos, a repetir planos, a adoptar perspectivas enganosamente dinámicas. O acabado un tanto desleixado das súas propias tintas confirma unha idea ben coñecida: que o seu debuxo gaña moito co labor dun bo profesional do entintado. No narrativo, Byrne comeza a abusar dun recurso que se convertería en tic repetitivo, abrir unha escena coa derradeira frase da escena anterior. Pero sobre todo e especialmente, atopamos nesta obra moitas das ideas argumentais que o autor iría repetindo despois en versións cada vez máis devaluadas, dende obras menores coma X-Men: The hidden years ata xenuínos fiascos coma Lab Rats. Neste senso, podemos concluír que Next Men expresa en boa medida ata onde foi quen de chegar creativamente o seu autor voando só.

Entradas relacionadas
Next Men 1

xoves, decembro 26, 2013

Grandville: Mon amour




















Ao falarmos do primeiro tomo de Grandville salientabamos a beleza do escenario imaxinado por Bryan Talbot, mais xa entón destacabamos  coma o seu grande acerto o de engadirlle un significado ucrónico capaz de levalo máis aló do puramente lúdico e convertelo en pretexto para a elucubración política. Mon amour (Astiberri, 2013), continuación daquela primeira aventura, non se desvía desta premisa, situando de novo na cerna do seu argumento as difíciles relacións entre unha república socialista de Gran Bretaña recentemente emancipada e a súa antiga metrópole, Francia. O punto de partida da trama é a investigación dunha fuga da Torre de Londres, unha penitenciaría tan segura "que se poderían gardar nela as xoias da Coroa se Gran Bretaña fose monárquica". Mais o fuxido non é só un perigoso criminal, senón que tamén foi no seu día unha figura destacada da loita pola independencia británica. A resolución do caso traerá consigo, xa que logo, a impugnación dalgúns dos heroes do movemento de liberación nacional e a posta en cuestión do proceso en conxunto, sementando dúbidas sobre os mitos fundacionais desta nova Gran Bretaña post-colonial. Coma xa fixera no tomo anterior, Talbot debuxa con elegancia e ofrece unha intelixente combinación de acción e aventura, ao tempo que formula preguntas incómodas sobre o seu propio país, na que é unha das series máis inspiradas e orixinais do momento.

Entradas relacionadas
Grandville 

martes, decembro 17, 2013

O regreso de Astérix

Astérix e os pictos
 
As aventuras de Astérix non só é un título fundamental da banda deseñada europea, un clásico contemporáneo que leva décadas engaiolando a nenos e adultos cuns personaxes que hai xa moito que excederon os límites do medio para se converteren en auténtica cultura popular. Ademais, trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. A aldea gala e os seus habitantes forman parte da paisaxe sentimental de varias xeracións de lectores galegos, o que explica o entusismo con que foi acollida entre nós a noticia de que Xerais editaría o novo álbum do personaxe. A aposta polos irredutibles galos da editora viguesa, que se propón ademais publicar as posteriores aventuras do personaxe e reeditar material clásico, chega nun intre crucial para a cabeceira, xa que o álbum que acaba de saír do prelo, Astérix e os pictos, é o primeiro que non conta coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e o xa falecido René Goscinny.

O propio Uderzo e Anne Goscinny, filla de René, elixiron para darlles novos azos á serie a Jean-Yves Ferri, guionista de sutil vis cómica coñecido sobre todo pola serie Le retour à la terre, e Didier Conrad, debuxante que debe a súa sona a títulos como Les innommables e Tigresse blanche. Aínda que poida parecer un paradoxo, a entrada destes novos autores non trouxo consigo unha nova ollada sobre os personaxes, senón máis ben o contrario. Xa fora por indicación editorial ou por decisión propia, o traballo de ambos revela unha clara vontade de recuperar as esencias máis clásicas da serie, unha opción que posiblemente se comprenderá mellor se lembramos cal foi a evolución da cabeceira nos últimos anos. A decisión e Uderzo de continuar en solitario coas aventuras dos galos tras a morte de Goscinny só deu froitos satisfactorios nos primeiros álbums. A mediados dos anos 90 a serie entrou nunha clara decadencia, tocando fondo en 2005 con Le ciel lui tombe sur la tête, álbum que foi censurado unanimemente e co que moitos lectores entenderon que Uderzo estaba a traizoar o espírito tradicional da serie, valéndose da popularidade das súas creacións para embarcarse en absurdas vendetas persoais. Neste contexto, o retorno ás orixes que propoñen Ferri e Conrad pode interpretarse coma unha restitución, un intento de facer as paces co lector ofrecéndolle unha xenuína aventura de Astérix.

Dende o ritual paseo pola vila gala que abre o relato ata o inescusable banquete final, Ferri e Conrad percorren gran parte dos lugares comúns que se teñen convertido en sinais de identidade do título. Ben expresiva resulta a recuperación da fórmula da aventura-viaxe, utilizada de forma recorrente e con magníficos resultados dende os primeiros álbums, e que desta volta levará a Astérix e Obélix a Caledonia, a actual Escocia, onde descubrirán as peculiaridades culturais dos pictos, trabarán novas amizades e, como é costume, combaterán os romanos. No que atinxe ao apartado gráfico, unha das experiencias máis sorprendentes que ofrece este novo álbum é a de comprobar a exactitude con que Didier Conrad imita o trazo do mestre Uderzo. Traballos previos do mesmo artista permitían emparentalo co debuxante de Astérix, ademais de con outros nomes clásicos do cómic franco-belga, coma Greg ou o primeiro Frank LeGall. Mais lonxe de quedarse nunha simple influenza, o que atopamos nas páxinas de Astérix e os pictos é unha laboriosa réplica do estilo de Uderzo, que encaixa co desexo de presentarlle ao lector o Astérix máis canónico.

É certo que, na procura da coherencia co pasado da cabeceira, Ferri e Conrad agochan a súa propia personalidade e asumen convencións alleas, mais iso non lle resta méritos ao seu labor. Coido que debe salientarse a perfecta caracterización de todos os personaxes que circulan polas páxinas do álbum, comezando pola parella protagonista, que os autores retratan máis aló do tópico, cun perfecto coñecemento do seu pasado e chegando a acadar momentos especialmente inspirados. E o mesmo acontece cos habitantes da aldea gala, secundarios clásicos aos que Ferri e Conrad conceden unha extensa participación nas primeiras páxinas do álbum.

Sen posuír a maxia das mellores historias da cabeceira, Astérix e os pictos revélase coma un traballo consistente, que reúne todos os ingredientes que debe conter toda boa aventura de Astérix e do que poderán gozar tanto os vellos afeccionados coma os novos lectores. O álbum trae de volta a dous Astérix, o Astérix clásico e o Astérix que fala galego, un retorno dobre que merece ser celebrado.
 

xoves, decembro 12, 2013

Powers: Dioses

























Os primeiros números de Powers respondían á idea de contemplar un xénero altamente formalizado, o dos superheroes, dende as claves formais doutro, o dos relatos policiais con parella protagonista. O primeiro arco argumental da cabeceira, Quen matou a Retro Girl?, era un whodunnit clásico, a resolución dun asasinato a cargo dunha parella de policías que se relacionaban seguindo os esquemas das buddy films. Sen facer historia, Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming desenvolvían unha premisa atractiva pola súa orixinalidade e eficaz dende o punto de vista narrativo, ao tempo que contribuían á cada vez máis nutrida deconstrución dos universos superheroicos. Os creadores mantiveron este esquema durante algúns ciclos argumentais máis, pero axiña comezaron a introducir cambios. Xa no primeiro volume da serie, Deena Pilgrim era suspendida do seu posto por ser sospeitosa dun crime, desfacéndose (cando menos formalmente) a parella de policías. Máis adiante, tanto ela coma o outro protagonista, Christian Walker, adquirirían superpoderes de forma sucesiva, consumando a transformación do título en algo sutilmente distinto do que era inicialmente.

Con Dioses (Planeta, 2013), o novo tomo da cabeceira, parece culminarse unha caste de volta ás orixes tras este delongado desvío. Por unha banda, o argumento recupera a centralidade da investigación criminal co caso dun asasino en serie de figuras seudo-divinas, unha crime story que, pola implicación de figuras superpoderosas, acada proporcións globais. Por outra, Deena retorna ao seu rol de investigadora, desta volta coma axente do FBI que actúa en paralelo con Walker e a súa nova compañeira. No remate da aventura, mesmo esa mínima distancia fica liquidada e ambos pasan de novo a traballar xuntos. Diríase que os autores pecharon un círculo e os personaxes están de novo nas posicións de saída.

Estamos perante un retroceso, o recoñecemento de que a reorientación da cabeceira non funcionou? O que está por vir confirmará en que medida podemos falar de volta ás orixes, pero polo lido ata agora coido, por unha banda, que unha cabeceira deste tipo non pode perpetuarse indefinidamente mediante unha acumulación de casos. A trama no seu conxunto debe dirixirse cara algún lugar e para que iso aconteza o escenario ten que transformarse e os personaxes evolucionar. Son partidario do cambio mais, por outra banda, é probable que a recuperación do enfoque inicial veña a demostrar de feito que as mudanzas introducidas non melloraban a proposta orixinal. Están os moitos cometidos de Bendis dentro do mainstream a pexar a súa produción máis persoal? Non o sei, mais si penso que, malia que os personaxes principais conservan en boa medida o seu carisma, o título perdeu hai moito tempo gran parte da súa frescura inicial.

Entradas relacionadas
Powers: Para sempre
Powers: Identidade secreta
Powers: Os 25 superheroes mortos máis molóns de todos os tempos
Powers: Z

venres, novembro 08, 2013

Qadriños: Marcinelle en galego, Xil Pupila

















Sigo a repasar en Qadriños os cómics da chamada Escola de Marcinelle que gozaron de edición en galego. Desta volta é o turno de Xil Pupila, a creación máis célebre dun dos autores clásicos da revista Spirou, Maurice Tillieux, do que se publicaron dous álbums en galego a principios dos 90: A luva de tres dedos e O chinés das dúas rodas. Ao contrario que outras cabeceiras da mesma época, Xil Pupila foi reeditado integramente en castelán hai poucos anos, así que está dispoñible para quen quede con ganas de máis. Como aperitivo este Marcinelle en galego: Xil Pupila.

venres, outubro 25, 2013

Esenciais ACDCómic - Primeiro semestre de 2013
















ACDCómic vén de facer publico o seu listado de Esenciais correspondente ao primeiro semestre deste ano, trinta obras (25 novidades, 5 clásicos) que destacan, en opinión dos membros da asociación, entre o conxunto das publicadas entre xaneiro e xuño de 2013. Trátase dunha das primeiras actuacións con transcendencia pública desta entidade constituída en 2012 e que, por motivos ben comprensibles, estivo especialmente concentrada ata o de agora na súa propia organización interna. Actualmente, diversos grupos de traballo están xa a desenvolver proxectos diversos que, agardemos, axudarán a cumprir a finalidade fundamental da asociación: contribuír a mellorar e dignificar a divulgación de banda deseñada.

Xa que logo, convídovos a que botedes unha ollada a este primeiro listado de Esenciais, que non pretende ser un canon nin unha lista pechada, senón unha mostra aberta e plural da mellor banda deseñada que se está a editar na actualmente. Unha curiosidade, a imaxe que acompaña este texto pertence á obra que obtivo máis respaldos na votación.

luns, outubro 14, 2013

Qadriños: Xulia Vicente e as cidades que esbirran















Na máis recente anotación en Qadriños falo de Xulia Vicente, que vén de gañar o Certame Benito Losada de BD na súa segunda edición co cómic As cidades tamén esbirran. Coido que o traballo de Vicente é de seu valioso e merece difusión, pero ademais podemos identificar nela a toda unha xeración de autores novos e talentosos que teñen claro que queren facer BD. O mercado editorial non está para moitas festas. Haberá espazo para eles? Oxalá que si. 

mércores, outubro 09, 2013

Los Nuevos Mutantes: La niña oscura

























A Chris Claremont abondoulle cun capítulo, 24 páxinas, para meterlle sete anos no corpo a Illyana Rasputin. Foi no Uncanny X-Men 160, número no que a Patrulla X se enfrontaba ao diaño Belasco e no que uns segundos de tránsito interdimensional levaron a irmá pequena de Coloso dos 6 aos 13 anos, o suficiente para facer dela un personaxe aproveitable en termos narrativos. Que ninguén fale de Deus ex machina, no cómic de superheroes as cousas fanse así. Claremont escribiría posteriormente unha serie limitada de catro números, Storm and Illyana: Magik, na que se relataba o acontecido neses segundos/anos que Illyana permaneceu no Limbo, a dimensión habitada por Belasco e a súa caterva. Despois incorporaría o  personaxe aos Novos Mutantes, o que explica que Panini decidira incluír a devandita miniserie no tomo Los Nuevos Mutantes: La niña oscura (2013), que recolle ademais os derradeiros capítulos que quedaban sen reeditar antes da etapa de Sienkiewicz (tamén reeditada). Aínda que igual de necesario para a correcta comprensión do relato, fica fóra deste volume o mencionado Uncanny X-Men 160, probablemente por non encarecer o produto.

Gardaba un recordo grato da serie limitada de Magik, recordo moi mediatizado pola distancia (lino a mediados dos 80 na extinta Colección Extra Superhéroes de Fórum, un produto editorial, por certo, claramente adiantado ao seu tempo) e, sobre todo, pola actitude apaixonada que caracterizaba a miña aproximación ao universo mutante naqueles anos. Hoxe atopo nestes catro números un relato irregular e falto de ritmo, no que Claremont impón unha pomposa voz narrativa e no que as tintas de Tom Palmer chegan a ser tan preponderantes que conseguen uniformizar o traballo dos tres debuxantes implicados, John Buscema, Ron Frenz e Sal Buscema. A estratexia de Claremont para facer de Illyana un personaxe atractivo non só pasaba por facela medrar, senón tamén por dotala dun lado sombrío, recurso que o propio escritor explotara con éxito con personaxes coma Lobezno ou Fénix Escura. Mais non contento con adornala cun perfil demoníaco, Claremont  fai que asasine a dous membros da Patrulla X (en versión alternativa, iso si), nuns lances dunha violencia rechamante, especialmente para os canons da época. O certo é que, na súa nova definición, o personaxe gañaría en potencialidade, malia o cal é probable que nin o propio Claremont nin ningún dos autores que o escribiron posteriormente foran quen de tirarlle todo o partido posible.

O tomo complétase cos números 14 a 17 da cabeceira dos Novos Mutantes, nos que, nunha xogada cargada de lóxica, Claremont traslada a idea do equipo xuvenil á escola rival, a Academia Massachusetts que dirixe Emma Frost e que depende do Club Hellfire. Malia que os Infernais estaban chamados a ser os adversarios por excelencia dos Novos Mutantes, esta primeira aparición non pasa de discreta, e non só por cinguirse ao previsible esquema de presentación-contenda, senón tamén e especialmente porque Claremont non estivo moi inspirado no deseño dos personaxes, como proba o feito de que, a excepción dun par deles, todos tiveron un escaso percorrido posterior. A mesma atonía atopamos no apartado gráfico, cun Sal Buscema amolecido polas tintas de Tom Mandrake. Como xa sinalamos, a chegada de Bill Sienkiewicz sería un revulsivo tan potente coma breve. Tras a súa marcha, a cabeceira iría perdendo azos ata caer de novo na mediocridade. Reeditará Panini tamén a lánguida etapa post-Sienkiewicz?

Entradas relacionadas
Los Nuevos Mutantes: Tercera Génesis
Los Nuevos Mutantes: Nueva Roma
Los Nuevos Mutantes: Hijos de las sombras
Los Nuevos Mutantes: El origen de Legión